Co vixente estatuto un goberno progresista
podería mudarlle os fondos ao país | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Para que un novo Estatuto de Autonomía? Co
vixente na man e dentro da legalidade da Constitución un goberno
progresista e nacionalista disposto a facer política real podería
mudarlle as formas e algo os fondos ao País, robustecer este
simbolicamente como Nación, asegurar o Traballador sequer fose en
mínimos, converter o pobo en máis Pobo e menos cidadanía choca, frear a
emigración, incluír os inmigrantes no proxecto común (deixalos votar
eiquí), invertir as prácticas neoliberais que nos levaron á ruína na era
Fraga Iribarne (véxase Xavier Vence, véxase Xenaro García Suárez e Pedro
Bouso).
Co estatuto vixente nas mans un goberno decente e dunhas esquerdas de
baixa intensidade podería, poñamos, esixir do Estado a trasferencia da
Zona Franca de Vigo á esta autonomía. Ou presionar para todas as
empresas aquí radicadas teren domicilio fiscal no noso torreiro, e por
aí irá ben o BNG se escoita a Beiras. Ou transformar a política de
bilingüismo "harmónico" nunha outra que salve o galego do mesmo modo que
os vascos non revolucionarios do PNV salvaron unha lingua en perigo de
extinción ou os sionistas resucitaron o hebreo morto desde o cativerio
de Babilonia, se é que o houbo. Co actual Estatuto poderíase
comarcalizar Galicia e dar pasos reais cara a extinción das provincias e
deputacións. Só con querelo e sen modificar a lexislación actual en
materia de réxime local, os do BNG que tanto fachendean de Bóveda e
Castelao poderían por xa en vigor as freguesías ou parroquias (non só
rurais, senón tamén urbanas) facendo delas un degrau intermedio entre o
concello e as bases sociais, tal e como ocorre en Portugal (para onde
ollan moito algúns sen ver o que deben) por lei de obrigado cumprimento.
Dentro dos marcos legais vixentes non sería imposíbel a creación dunha
banca nacional e dun sector público da economía, por non falarmos no
relanzamento da agricultura moribunda e da gandaría doente.
Política así podería ser feita realmente e non se está a facer, co cal
exténdese a decepción entre os electores dos actuais partidos no
goberno. Pro ocorre que no Parlamento non hai oposición á esquerda do
Bipartito, polo que este non se sinte estimulado polo ferrete de ningún
tabao vermello que lle faga mover as ancas. O actual goberno actúa só
con referencia ao PP, así español coma galego. Polo cal, unha vez
exhalado o sospiro de alivio que ocasionou o regreso de Fraga Iribarne
ao seu espazo natural, que é Madrid, o balanceamento que facemos destes
xa longos días de goberno bipartito, coa excepción de certas boas
medidas en Medio Ambiente, indica o predominio da inacción pasivista
sobre a tomada de decisións en xeral e de decisións reformistas en
particular.
É aí onde se sustitúe a práctica da política pola teatralización dun
novo Estatuto como panacea; Estatuto que ou conta coa aceptación do PP
ou non será nunca. Dixo Méndez Romeu moi ben que os teitos, os nícharos,
os compartimentos e límites ideolóxicos serán os que negociou xa España
con Cataluña e non outros. Ora si, en Cataluña existe un predominio da
esquerda e/ou nacionalista variado que non hai neste que cada vez é máis
Parlamentiño. E o Estatuto de Galicia está a ser coma a conversa
dilatoria da Ponte do Pasatempo, Mondoñedo. |
|