4.08.2005

Canal: “Non se pode pensar nun proxecto de Galicia de futuro sen un sector primario puxante

Alfredo Suárez Canal.

Traballo, responsabilidade e ilusión marcan a nova etapa profesional na que se enrola o alaricano Alfredo Suárez Canal. Como conselleiro do Desenvolvemento Rural sostén que non se pode pensar nunha Galicia de futuro desatendendo o sector agrogandeiro-forestal. Acadar ese pulo vai orientar a súa labor no bipartito galego, aínda que recoñece que é un proxecto de medio ou longo plazo.

A vida política non o colle falto de experiencia. Comenzou de moi novo, en vida de Franco, deixándose levar por influencias familiares. No ano 72 incorporouse xa de forma orgánica ó nacionalismo organizado e dende entón ven traballando activamente. O seu, por agora, último paso cara adiante é a Consellería de Desenvolvemento Rural no goberno bipartito da Xunta de Galicia, na que tomará asento de forma oficial mañá, xoves. Alfredo Suárez Canal, de 54 anos, alaricano de nacemento, casado e con dúas fillas, vive nestes intres entre a ilusión do seu nomeamento como conselleiro e o nerviosismo propio dunha tarefa nova, na que tentará, “non defraudar".
 


Época de cambio para Galicia na que vostede, dende a súa Consellería, terá moito que aportar. ¿Como se recibe unha nova así?

Sen dúbida, eu definiríao con tres palabras: traballo, responsabilidade e ilusión. Traballo porque supón unha enorme entrega e dedicación, pero quero que a xente saiba que vamos convencidos de poñer todo da nosa parte para mellorar a realidade de Galicia. Responsabilidade, porque estamos ante unha etapa importantísima para Galicia e eu son dos que entende o paso pola política como un instrumento, non coma un fin, traballamos por un proxecto. E como non, ilusión. Este é un periodo para o nacionalismo totalmente novidoso en Galicia, a primeira vez que chega ó Executivo galego. Esa realidade non se pode olvidar.

Mañá toma posesión como conselleiro de Desenvolvemento Rural e toca camiñar cara adiante. ¿En que liña van a ir esos pasos?

Creo que todos temos a sensación de que nos últimos tempos estivemos asistindo a unha importante desvalorización do mundo rural galego. Nós cremos xustamente en todo o contrario. Non se pode pensar nunha Galicia de futuro sen un sector primario puxante. Temos que apos tar por impulsar o mundo agrogandeiro-forestal que ten esta Comunidade. Hai que traballar moito porque hai que invertir as bases para poder impulsar este proceso.

Xiro de 180 graos e catro anos vista.

Somos conscientes de que cambiar de tendencia e desterrar o fatalismo que envolve ó medio rural galego require tempo. Pero se non se modifica agora e seguen pasando anos nesta liña vai ser moi difícil a volta atrás. Sabemos que estamos ante un cambio que non vai ser efectivo ata medio ou longo prazo, pero catro anos son suficientes para que, cando menos, se logre modificar a percepción que ó respecto teñen tanto os propios productores como a cidadanía en xeral. Non é de recibo que esta xente esté totalmente desincentivada e que loiten a diario nunha carreira de obstáculos. Catro anos teñen que ser suficientes para que a xente empece a ver o papel clave que o sector agrogandeiro-forestal xoga no desenrolo galego. Se ben, o obxetivo final é máis ambicioso. Queremos que na práctica a agricultura e a gandería de Galicia sexan solventes e potentes.

Galicia vive unha realidade totalmente contraria ó que, o seu entender, sería o recomendable. ¿Por que cre vostede que se chegou a este punto?

En realidade, non se pode falar dunha única variable como a causante da situación actual. Influiu a negociación de entrada na Comunidade Económica Europea, a política agraria común e, sen dúbida, o escaso convencemento dos gobernantes de que é posible sacar adiante a Galicia defendendo os seus recursos primarios. É falso que un país que aposta pola agricultura e a gandería sexa un país atrasado. Hai países que contra dicen esa idea e é lóxico. A agrogandería é moi importante porque estase xogando coa supervivencia alimentar dos seus cidadáns. Iso non se pode obviar.

Aínda non aterrizou na Consellería e xa ten por riba da mesa a petición de Unións Agrarias para que interveña na inminente campaña da vendima.

Os meus primeros pasos cando asente na Consellería irán orientados a ver os asuntos pendentes, sempre tendo en conta a época na que estamos e na que os incendios forestais viven o seu momento crítico. Asemade, a campaña da vendimia está preto e hai que centrar esforzos neste tema, aínda que polo seu carácter inminente probablemente utilizaremos o operativo que deixou o goberno anterior. Se ben, non poido adiantar cuestións concretas. Sería unha osadía pola miña parte ó non coñecer en detalle a actuación do equipo anterior.

¿Que opinión lle merece a configuración do novo Goberno?

Creo que conta cunha distribución equilibrada, partindo da realidade de que cada forza polí tica tivo un respaldo electoral diferente.

¿E do papel que se lle outorga ó Bloque Nacionalista Galego?

O bipartito da ó nacionalismo a capacidade de actuar en distintos ámbitos da realidad galega e de intentar modificar a percepción que hai de Galicia. Temos capacidade para demostrar que pode contar con un modelo de actuación propio e de producción de riqueza e benestar, que pode dispor dun proxecto socio-político viable por si mesmo.

Despois de 16 anos con goberno “popular", ¿non cre que os galegos mirarán con lupa o goberno de cambio?

Eu creo que é normal que se nos mire con lupa e, dende logo, non creo que sexa nada malo que os galegos estean vixiantes do seu goberno e da súa actuación. Non me da medo e, amais, paréceme lóxico. Nembargantes, quérolles pedir paciencia. Temos tras de nós 16 anos de Goberno con Fraga que temos que analizar. Haberá cousas que sexan aproveitables de esa época e otras que teremos que modificar e correxir. Todo irá transcurrindo pouco a pouco. Pido paciencia e espero non defraudar no meu cometido a fronte da Consellería de Desenvolvemento Rural.

¿E a vostede mirarano con lupa os ourensáns, en tanto que é un deles e afronta unha Consellería que ten moito que dicir na provincia?

Non son amigo destas distincións. O que hai que mirar non é a orixe das persoas, se non o seu proxecto. Son partidario dun concepto de país sen partes. O que está claro e que os nacionalistas non deixarán que Ourense e Lugo, o que é a Galicia interior, quede á marxe.