A
C. M. M.C. de San Vicente de Nogueira (Meis), denuncia as talas ilegais nos seus
Montes. Neste intre a Comunidade atópase envolta en dous pleitos xudiciais por
mor de talas ilegais.
Cada preito ven a costar á Comunidade unha cantidade que se aproxima ó MILLÓN
de pesetas. A partires de agora non estamos dispostos a que siga acontecendo a
sangría de cartos para a Comunidade: iremos contra a Administración e, no seu
caso, contra o funcionario que teña incumprido as súas abrigas.
Garda Civil e o Distrito Forestal da nosa zona teñen coñecemento do que pasa;
do primeiro organismo temos constancia da súa actuación correcta, non podemos
dicilo mesmo do Distrito e, en xeral, da Consellería de Medio Ambiente.
A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, no seu
Artigo 6 e outros fala dos Montes veciñais como de “utilidade pública e
interese social” e, por outra parte, o Artigo 25 di:
“A Consellería de Agricultura daralles ós montes veciñais en Man Común carácter
preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da producción agraria e
na concesión de axudas económicas para as mesmas finalidades. Ademais desempeñará
as funcións de “velar pola súa conservación e integridade”.
Por outro lado o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ven a insistir nos mesmos
extremos. No Regulamento de Montes do Estado (Artigo 410 e seguintes), indica as
actuacións das Administracións no caso de talas ilegais.
A Administración no que ten que ver cos Montes Veciñais, por Lei, ten que
"velar pola súa conservación e integridade", e non permitilos
despoxos por particulares. Cando se solicita un permiso de tala hai que poñelo
paraxe no que se realizará. E lóxico que se existe iste requisito sexa para
comprobar exactamente onde está o lugar da tala; se o terreo é monte
clasificado, os gardas saben ou teñen que saber cál é monte da súa garda,
non pode permitir tala algunha dun particular.
A Administración responde que ela non se pode meter en cousas de titularidade,
pero a Lei di: "Atribuirlle a propriedade á Comunidade Veciñal
correspondente, en tanto non exista sentencia firme en contra, dictada pola
xurisdicción ordinaria.
Bastaría remesar os permisos de tala ó Distrito correspondente e comprobalo
paraxe; no caso de coincidencia pedila sentencia que anule a Clasificación e
actuar en consecuencia.
No caso de talas ilegais: as operacións das talas de certa consideración
non se fan nun día, o garda ten que se decatar. “Tódolos antecedentes que
teñen que ver coas ditas talas ilegais, incluidas as notificacións á Garda
Civil e Distrito Forestal, con sé en Vilagarcía, están postas nas mans dos
nosos avogados ca fín de emprendelas actuacións acaídas para depurar as
responsabilidades de quen sexa.
Diante, pois, do razoado anteriormente esta Comunidade está disposta a actuar
polas seguintes canles: -Emprendelas accións administrativas e xudiciais acaídas
que leven a que a Administración, no sucesivo, actue “de oficio” na defensa
das Comunidades de Montes. -A que os funcionarios que podan ter responsabilidade
persoal na non actuación teñan as consecuencias legais axeitadas. -Solicitar
da Mancomunidade do CASTROVE-SALNÉS e da Organización Galega de CMVMC o seu
apoio e as xestións pertinentes para que estas cousas non volvan a acontecer.