|
REDACCIÓN
A xeración da enerxía eólica de Galicia superou o ano pasado os 2.000 gigawatios hora/ano (Gwh/ano), mentres que o consumo galego ascendeu a 15.000. Isto supón que a producción eólica está a cubrir xa o 13% da enerxía consumida na comunidade galega. Con 1.800 aeroxeradores distribuidos nos 29 parques que están en funcionamento, e unha potencia instalada total de 1.058,36 MW, Galicia consolida a súa primacía a nivel nacional no eido da enerxía eólica, xa que concentra arredor do 30% tanto da potencia como da producción deste tipo de enerxía. A contribución galega coloca a España como segunda productora mundial de enerxía eléctrica procedente do recurso eólico, por detrás de Alemania. Ademais dos 29 parques que xa están en marcha, outros catro, cunha potencia conxunta de 106 MW, están rematados e iniciarán en breve a súa actividade. En construcción hai 11 parques, e a súa entrada en funcionamento suporá 227 MW máis de potencia. Industria ten tamén autorizados novos parques que suporán outros 468 MW, e comezará este ano a tramitación dun máximo de 350 MW. A previsión é acada-los 4.000 MW de potencia instalada no ano 2010, o que permitiría que o 40% da demanda de enerxía eléctrica na comunidade nesa data estea cuberta con enerxía de orixe eólica. O investimento previsto na execución do plan eólico de Galicia ascende a 3.000 millóns de euros. O plan leva aparellada a creación dun sector industrial, vencellado á enerxía eólica e materializado nunha ducia de proxectos industriais (fábricas de componentes eólicos e plantas de ensamblaxe), que atenden non só as necesidades dos parques galegos senón tamén dos nacionais e mesmo doutros países. Este sector, xunto coa execución e mantemento das instalacións eólicas, propiciou a creación de máis de 2.000 empregos. O libro branco da enerxía da Unión Europea fixa como obxectivo para España que no ano 2010 o 17'5% do consumo eléctrico sexa atendido por fontes renovables (excluída a producción dos grandes embalses). Os 3.000 Gwh/ano galegos rebasaron esa porcentaxe o ano pasado, co que Galicia se convertiu tamén na primeira productora española de enerxía procedente deste tipo de recursos. Ademais prevese que no devandito ano a enerxía eólica por sí soa cubra o 40% da demanda eléctrica. O aproveitamento eólico en Galicia viña regulado por un decreto, o 205/95. A experiencia acumulada e o grao de desenvolvemento deste tipo de enerxía levaron á Consellería de Industria e Comercio a modifica-lo devandito decreto para axeitalo ás novas circunstancias e anticiparse a futuros plantexamentos. Baseado no anterior ordenamento, o novo decreto introduce como novidades a figura dos parques eólicos singulares, a planificación anual da potencia máxima a tramitar, e unha maior definición do plan. |