Mediante un oficio remitido aos Ministerios de Cultura de España e de Portugal e trasladado á Comisión Promotora da Candidatura, a División de Patrimonio Inmaterial da UNESCO confirma que o dossier da Candidatura " As Tradicións Orais Galego-Portuguesas " superou a fase de avaliación administrativa e xa está en mans do Xurado Internacional para a súa avaliación científica e a proclamación na última semana de novembro.
O dossier foi calificado de rigoroso e ben documentado, destacando un exahaustivo plano de acción sobre o conxunto deste patrimonio.
A Asociación Ponte...nas ondas!, promotora desde o ano 2001 desta Candidatura síntese satisfeita polo recoñecemento deste traballo desenvolvido por un numeroso grupo de profesores e centros educativos que elaboraron durante anos esta Candidatura. Numerosas asociacións e entidades de Galiza e Portugal colaboraron nas diferentes partes do proceso. Actos de dinamización deste patrimonio veñen realizándose por todo o territorio de presenza desta cultura.
O próximo sábado día 17 de setembro realizarase en Vilafranca do Bierzo un encontro de portadores deste patrimonio e unha xornada de apoio á Candidatura.
Apoio da Consellería de Cultura
A Conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, o Director Xeral de Cultura, Luís Bará, e o Director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias recibiron hoxe luns unha representación da Comisión Promotora encabezada polo presidente da Asociación Ponte...nas ondas!, Santiago Veloso, unha representante dos profesores de Portugal, Lourdes Carita, un representante do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego, X.M.González Reboredo, un representante da Federación Galega pola Cultura Marítima, Francisco Fernández Rei ( membro da Real Academia Galega ) e un representante da rede das Escolas Asociadas á UNESCO, Xabier Prado.
A Conselleira de Cultura recibiu información exhaustiva de todo o proceso da Candidatura, os traballos e accións realizadas, os compromisos adquiridos diante da UNESCO e do estado actual da Candidatura. Neste sentido, valorou moi positivamente a boa impresión causada polo dossier da Candidatura e o pase á fase final das proclamacións previstas para o 25 de novembro como a única candidatura multinacional de dous países da Unión Europea e a primeira no mundo en ser promovida por centros educativos.
A Consellería de Cultura comprometeuse a emprender unha campaña de divulgación e difusión da Candidatura e a realizar accións conxuntas coa administación portuguesa para acompañar o proceso até a proclamación en novembro de 2005.
Edición do proxecto Meniños Cantores
Do mesmo xeito, a Conselleira e o seu equipo mostraron o seu compromiso para a a edición do libro-disco-dvd Meniños Cantores, un proxecto impulsado desde a Asociación Ponte...nas ondas! entre escolas galegas e portuguesas e que pretende servir de mostra do compromiso do mundo da educación con esta Candidatura. Neste proxecto colaboran músicos, artistas, escritores e profesores de música de Galiza e do Norte de Portugal. O resultado vai ser un CD con 32 temas tradicionais interpretados por máis de 500 alumnos de 17 centros educativos. Un documental de 50´sobre o patrimonio inmaterial e un make-in-off de todo proceso de gravación realizado nos centros educativos no curso pasado integrarán o DVD que terá tamén karaokes e versións en galego, portugués, castelán e inglés.
Este proxecto será presentado publicamente en dous eventos que se realizarán en Porto e Vigo no mes de novembro.
Actos de divulgación
Diversas institucións e asociacións preparan actos de difusión do patrimonio contemplado na Candidatura por todo o territorio. Prevese a realización dun acto público en Santiago de Compostela con representación de todas as entidades e asociacións promotoras e con representación institucional de Galiza e Portugal.
En Lugo, o Concello realizará durante o San Froilán unha mostra en vivo deste patrimonio e a Deputación de Lugo organiza a presentación dunha revista Oral como actos de apoio á Candidatura. O Concello de Ourense ten previsto realizar actos de divulgación arredor da festa dos magostos polo San Martiño.
Con motivo do Día Europeo das Linguas o 26 de setembro, o Centro UNESCO de Catalunya convidou á Comisión Promotora á presentación da Candidatura no Institut d'Estudis Catalans en Barcelona.
+ info: 615 02 98 40