Remitido
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas
ondas!, a rede de escolas asociadas á Unesco de Galicia e Portugal, o Consello
da Cultura Galega e outras entidades e asociacións vinculadas ao mundo da
cultura, a educación e ao patrimonio oral e inmaterial, esperan que no Cumio
Hispano-Luso que se vai celebrar en Santiago de Compostela, España e Portugal
asinen o acordo de presentación da Candidatura do Patrimonio Oral e Inmaterial
Galego-Portugués.
Esta candidatura que se vén elaborando desde a VIII edición da xornada de radio
interescolar Ponte...nas ondas! en que os centros educativos decidiron abordan o
patrimonio inmaterial común a ambos pobos, está en mans do governo portugués e
conta co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura. Trátase da
primeira candidatura a nivel mundial en ser promovida conxuntamente por centros
educativos de dous países e tamén a primeira en participar escolas da rede
PEA-UNESCO.
Os traballos de elaboración da candidatura están a punto para ser presentados
antes do 15 de outubro en París, data límite para a presentación das
candidaturas que optará á 3ª proclamación das Obras Mestras do Patrimonio
Inmaterial. No proceso de creación participaron institucións culturais,
antropólogos, centros universitarios, asociacións etnográficas e culturais de
Galicia e do Norte de Portugal.
O dosier elaborado baixo o título “ A TRADICIÓN ORAL GALEGO-PORTUGUESA.
SIMBOLOXÍA E APROPIACIÓN DO MEDIO NATURAL ”, contou co asesoramento do Centro de
Antropoloxía Aplicada da Universidade Fernando Pessoa do Porto e o Consello da
Cultura Galega. No traballo faise unha detallada e fundamentada argumentación da
orixe común deste patrimonio e das manifestación de excelencia que a Unesco
deberá examinar. Entre outras manifestacións, destácase a regueifa ou os cantos
ao desafío, os cantares e lendas e as expresións vinculadas ao ciclo
agro-marítimo, os oficios, as formas simbólicas, ornamentais e musicais e os
ámbitos festivos.
Unha rede de centros educativos xa se constituíron formalmente como ESCOLAS
PROMOTORAS da Candidatura, mediante acordos unánimes das comunidades educativas.
Concellos e outros organismos expresaron e enviaron documentos de apoio á
candidatura, como os de Vigo, Pontevedra ou a Real Academia Galega.