Domingo, 10 de noviembre de 2002 Índice CARTAS

 

 

 

A senda do río Torno en Mañufe: unha esperanza frustrada

Os que estamos fartos de mirar os montes comunais de Gondomar cheos de vertedoiros clandestinos; os restos arqueolóxicos descoidados, ignorados, expoliados; os antigos muíños esborrallados e comestos pola broza; os vellos camiños do monte inzados de silveiras; os eucaliptos ateigando o monte e esterilizando cada vez mais o chan... os que estamos fartos de contemplar o feísmo crecente dos tendidos eléctricos, con cables e mais cables sobrevoando en precario equilibrio os nosos lugares... vímonos sorprendidos no pasado verán, coa actuación da Xunta de Galicia no curso e nas beiras do Río Torno, na parroquia de Mañufe, en Gondomar. Con agrado comprobamos que non trataban de urbanizar o río, senón unicamente de transformar unha área selvática e inaccesible, nunha verea agradable e vizosa que invitaba ó paseo.

A Xunta de Galicia, amais do carreiro, acometeu a limpeza do curso do río e amañou o exterior dun muíño. En fin, principiou algo ó que, desgraciadamente, non nos teñen acostumados.

E dicimos principiou, pois exactamente foi iso: un comezo. En setembro, os obreiros e as máquinas marcharon, igual que as andoriñas para os seus lugares de invernía, deixando o traballo inacabado.

Como resultado, hoxe en día, o lixo dorme amoreado á beira da estrada, hai lousas ciscadas polo chan e a beira da estrada e as herbas xa invaden parte do carreiro recen feito e as polas das arbores tiradas polos temporais destes últimos días obstaculizan o paso.

Queremos aproveitar os poucos medios que nos quedan ós cidadáns para facernos oír, para esixir á Consellería de Medio Ambiente que remate a obra iniciada e amplíe os traballos ós outros tres muíños situados máis arriba e á súa correspondente levada; ó órgano competente (Consellería ou Concello) que recolla o lixo amoreado producto dos traballos e inicie canto antes as tarefas de mantemento que permitan ós veciños e veciñas aproveitar os tramos xa rematados; e ós responsables do Concello de Gondomar, que se interesen por este tipo de actuación que valoriza e mellora o noso entorno.

Sergio Iglesias Martínez e Juan Carlos Cruz Pérez

- Gondomar

 

Imprimir Subir

 

Carta anterior:
Siguiente carta: <**TIS**>

 

© FARO DE VIGO, 2002. Todos los derechos reservados digital@farodevigo.es