Respecto das declaracións do Alcalde de Cerdedo, Sr. Balseiros, relativas á oferta de terreos nese Concello para ubicar non só a pretendida planta de papel tisú, senón o conxunto do complexo pastero actualmente situado en Lourizán, queremos manifestar:
1º) A nosa fonda preocupación polo contido das devanditas e o noso máis absoluto rexeite de semellante pretensión, que podemos cualificar de “terceiromundista”, posto que incentiva a instalación de empresas altamente contaminantes e nocivas para a sáude pública, que están a ser rexeitadas noutras zonas pola cidadanía consciente, en troques de comprometer ás diversas Administracións e demais entes públicos e privados nun desenvolvemento racional que evite o despoboamento do Concello.
2º) Para nós, Cerdedo ten futuro aproveitando as súas múltiples posibilidades no aspecto patrimonial, natural e medioambiental, posibles soportes dun turismo cultural importante e sostido durante todas as épocas do ano, e dunha calidade de vida que pode atraer a moitos cidadáns urbanos a rehabilitar casas rurais para segunda vivenda; ten futuro primando a producción forestal de calidade (nada de eucaliptos taxados a prezo ínfimo pola propia ENCE) e o sector transformador da madeira; ten futuro na gandeiría de montaña e na producción de leite, por moito que as Administracións estatal, autonómica e a propia Unión Europea, favorezcan coa súa política a prol das grandes explotacións a desertización do agro. E todas estas posibilidades quedarían reducidas á nada se ENCE se instala neste Concello.
3º) En consecuencia, a implantación de ENCE non significaría ningunha táboa de salvación para Cerdedo, senón que impediría a xeración de riqueza nos apartados devanditos, empeorando a calidade de vida da poboación actual, sen que esta se incrementase de xeito significativo porque os traballadores de ENCE residen no entorno da capital pontevedresa e alí continuarían vivindo.
4º) Descoñecemos onde están situados os terreos que o Sr. Balseiros oferta; que nós saibamos no avance do PXOM tan só hai dúas parcelas con consideración de solo industrial, unha no Sangal e outra en Folgoso e ningunha das dúas ten entidade suficinte para recibir semellante complexo. ¿Qué pretende o Sr. Alcalde, expropiar monte comunal ou facer unha recalificación mastodóntica de terreos de uso agrario?.
5º ) Danos a sensación de que o Sr. Balseiros está a dar paus de cego respecto do futuro de Cerdedo: por un lado declara a súa intención de apoiar a instalación de segundas vivendas con xente de fora deste Concello e, de seguido, proclama aos catro ventos que veña eiquí unha factoría que foi condenada por ser contaminante hai poucos meses polo xulgado. ¿Pensa o Sr. Balseiros que vai vir moita xente de fora a vivir a carón da “cheirenta”?. ¿Acaso non é suficintemente explícito o exemplo de Lourizán como núcleo de poboación degradado?. ¿Non pensa o Sr. Balseiros que, de continuar o “ruído mediático” sobre a instalación de ENCE en Cerdedo, poden deprezarse os terreos e as casas susceptibles de rehabilitación?.
6º) Finalmente, entendemos que tampouco é realista pretender que tan só se instale a fábrica de papel tisú, xa que ficou demostrado que esta tan só era un cebo para que ENCE continuase en Lourizán e non ten viabilidade económica separada da Celulosa.
7º) Como conclusión, agardamos polo ben de todos e de todas que as declaracións do Sr. Alcalde de Cerdedo acompañen no limbo do esquecemento ás dos seus homónimos de Forcarei e Beariz, defensores no seu día da instalación naqueles Concellos dunha central nuclear.
15 de Febreiro de 2005
Pola directiva da Asociación “Verbo Xido”
Lola Varela (voceira)