UNITEGA

Ctra. de Cerdedelo Nº 41, Laza 32620 - OURENSE

 

 

 

ÓS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

 

 

 

 

A Unión de Tecores e Cazadores Galegos (UNITEGA), pon en coñecemento dos seus asociados e simpatizantes a nosa participación no período de consulta e debate previo á publicación das ordes que fará efectivas a Consellería do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a traveso da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. As ordes ás que facemos referencia, e nas que participamos para o seu debate coa administración competente e demais asociacións de cazadores e estamentos implicados, son as seguintes:

·        Orde pola que se establecen e regulan axudas para a mellora do hábitat da perdiz rubia.

·        Orde pola que se regula o réxime xurídico de aplicación ás explotacións cinexéticas comerciais.

·        Orde pola que se regula o réxime xurídico dos terreos cinexéticos deportivos.

·        Orde pola que se regula a titulación e o nomeamento do Garda de Campo de Caza.

 

No referente á Orde que regula as axudas para a mellora do hábitat da perdiz rubia destacar o recoñecemento da obriga dos poderes públicos para garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, considerando por en marcha un programa de axudas que incentivando actuacións racionais no medio natural, propicien a recuperación das poboacións de perdiz rubia, dita orde é de aplicación ós Tecores, na medida en que se realicen melloras na calidade do hábitat da perdiz rubia. Comprende o acondicionamento de manchas e posterior sementeira con cereais de inverno, incluíndo a subvención e acondicionamento de fontes e instalacións de bebedoiros. Esta subvención contará cunha contía máxima por peticionario de 18.000 euros e que se corresponderá como máximo co 50% do investimento realizado. Para optar a elas realizaranse inspeccións previas para comprobar que os traballos non foron aínda realizados e deberán terse realizados os traballos e xustificados antes do 15 de outubro deste ano. Os requisitos que deben cumprir estas zonas obxecto de actuación son, posuír unha superficie mínima de 200 hectáreas de mato e acreditar os Tecores compromiso dos propietarios para non recolectar nin pastorear nas sementeiras.

Pola nosa parte, UNITEGA, participou a importancia de incluír como obxecto destas axudas, polo seu caracter permanente e como complemento ás sementeiras de cereal para o verán. En canto á porcentaxe prevista para a subvención UNITEGA estima necesario contemplar tramos de porcentaxes superiores para que as sociedades de menor presuposto, debido a un menor número de socios, onde poida ser mais complicado a dotación presupostaria para este tipo de melloras, séxalles mais doado o acceso ás mesmas. Tamén se realizou a consideración de que non se dea prioridade a aqueles Tecores que non teñan recollido estas operacións de melloras de hábitat no seu Plan de Ordenación, logo que por falta de recursos ou descoñecemento non puideran facer esta previsión, constituíndo pois, un agravio comparativo. Do mesmo xeito pediuse que non se obrigue á xustificación do 100% do pagamento da inversión das actuacións previstas na data de remate das actuacións propostas, logo que non se teña contemplado a recepción do importe da axuda e obrigando ós Tecores a un financiamento extraordinario que podería ser unha asfixia. En canto ó período de realización dos traballos solicítase que se contemple a posibilidade de que en determinadas zonas a execución dos traballos imposibiliten o emprego do cereal de inverno, poidan realizar un aprazamento para a elaboración do compromiso adquirido.

 

Con referencia á Orde que regule as explotacións cinexéticas comerciais, destacar que se trata de definir explotacións cuia titularidade corresponda a persoas físicas ou xurídicas, que se constitúan como empresas mercantís para o aproveitamento regular e lucrativo de terreos con utilidade cinexética, mediante terreos abertos ou cercados e coas extensións seguintes propostas, para caza menor, mínimo 50 e máximo de 100 hectáreas, e na caza maior cun mínimo de 100 e máximo de 2.000 hectáreas. Destaca a necesidade de posuír un Plan de Ordenación para as Explotacións Cinexéticas Comerciais que contemplen as especies cinexéticas obxecto do aproveitamento e as que non o son, tamén se deberá determinar a capacidade máxima de carga que poidan soportar os terreos cinexéticos sen alteralos parámetros biolóxicos do entorno, nese mesmo plan contemplaranse os demais aproveitamentos, establecendo a actividade cinexética e as condicións das soltas das especies cinexéticas.

Os prantexamentos de UNITEGA con respecto a esta orde foron os seguintes, limitación exclusiva para este tipo de explotacións ás adicadas á caza menor, logo que son as que se atopan en clara regresión e este tipo de explotacións poden representar unha alternativa para absorber presión cinexética ós Tecores, sendo pois, estas, asimilables ás zonas de caza permanente pero con independencia dos Tecores. Ademais entendemos que carece de sentido con respecto á caza maior, logo da situación real de danos na agricultura e na circulación viaria. É necesario facer especial coidado en valoralo seu impacto sobre a fauna e ecosistemas que bordeen  estas zonas, sendo necesario o cercado perimetral sempre que se trate da caza maior. Compre tamén que este tipo de instalacións non limiten os usos tradicionais que veñan facendo dos terreos afectados nin sexan asentados sobre espacios protexidos de riqueza faunística e flora. Do mesmo xeito UNITEGA prantexa a necesidade de incrementar a sinalización neste tipo de explotacións cando carezan de cercado e propón a colocación de sinais mínimo a 100 metros, entre dous sinais no perímetro exterior. Formúlase proposta de superficie mínima para este tipo de explotacións. Para a caza menor, mínimo de 500 e máximo de 1.000 hectáreas, no caso da caza maior a proposta é de mínimo de 1.000 e máximo de 2.000 hectáreas. No caso da caza maior proponse a obrigatoriedade do cercado co obxecto de evitación de transmisión de epizootias ou zoonoses sobre a poboación colindante, así como en evitación da hibridación das poboacións autóctonas. No caso das explotacións de caza menor recoméndase garantir unha franxa de seguridade.

 

Referente á Orde relativa ós terreos cinexéticos deportivos, destacar que se tratan de terreos específicos para a práctica da competición, na que se levarían a cabo os certames oficiais de caza, que convoque a Federación Galega de Caza, ditos terreos sométense ó réxime e funcionamento da normativa específica do deporte. A tal efecto, poderán declarar a súa constitución, deste tipo de terreos, a Federación Galega de Caza, Sociedades e Asociacións constituídas ó amparo da lexislación deportiva, do mesmo xeito, deberán inscribirse no Rexistro de Instalacións e Equipamentos Deportivos de Galicia. A actividade nestes recintos queda limitada a competicións oficiais autorizadas pola Federación Galega de Caza, debendo contar cunha superficie mínima de 50 e máxima de 250 hectáreas. Nestes terreos a procedencia das especies deberá ser exclusivamente de granxas cinexéticas ou explotacións cinexéticas comerciais debidamente autorizadas.

Dende o punto de vista da nosa organización, UNITEGA, presentáronse as seguintes alegacións e valoracións. Entendemos que a caza non se pode considerar unha actividade deportiva ou de competición, senón como un aproveitamento sostible dos recursos naturais, ó mesmo tempo que defendemos a non dependencia da Lei do Deporte nin das institucións que o representan. Realízase unha advertencia sobre a necesidade de dotar a esta orde dun articulado que non permita a creación de mini Tecores de particulares semellantes ás zonas de caza intensiva e para evitar conflictos de interpretación, destaca nesta proposta que non exista especificación sobre as especies que se vai practicala actividade da competición nin contempla medidas relativas á mellora da sinalización, franxas de seguridade, así como a necesidade de elaborar ou establecer un Plan de Soltas ou de manexo destas zonas.

 

No que se refire á Orde que regula a titulación e nomeamento de Gardas de Campo de Caza, trátase de habilitala figura do Garda de Campo de Caza atendendo á necesidade de dotar de servizos de vixilancia ós terreos cinexéticos, con persoal propio, que no exercicio específico das tarefas de custodia dos recursos naturais, outórgaselles o privilexio de consideración de axentes da autoridade. Para a obtención deste título a Dirección Xeral de Conservación da Natureza homologará centros ou institucións que impartan cursos formativos, que deberán garantir unha duración non inferior a 60 horas lectivas, así como a realización dunhas probas físicas. Con posterioridade á obtención do título, son os titulares dos terreos sometidos a réxime cinexético especial quen proporán á Dirección Xeral de Conservación da Natureza o seu nomeamento.

UNITEGA, expuxo, a respecto desta orde relativa ós Gardas de Campo, a necesidade de que esta figura complemente á do Garda Particular de Campo, regulado pola Lei de Seguridade Privada, e ós efectos de que non se orixinen conflictos de competencias estatais e autonómicas, que, finalmente rematan prexudicando ós Tecores, quen en último caso temos imposta a obriga de contar con este tipo de persoal. UNITEGA entende que na actualidade existe un número suficiente de cargos e institucións das administracións encargadas da realización de labores de vixilancia sobre o medio ambiente, entendendo pois, esta figura do Garda de Campo, cunha visión e función máis propia e próxima á xestión cinexética. Dende este punto de vista a formación destes Gardas de Caza, debería centrarse fundamentalmente no desenvolvemento de traballos de xestión no acoutado e posta en práctica dos Plans de Ordenación Cinexética. Destacar que se ben teñen a consideración de axentes da autoridade, non se lles pode atribuír en ningún caso, a presunción de veracidade á hora de realizar denuncias, logo que esta presunción de veracidade só se lle pode predicar nas denuncias formuladas no exercicio das súas funcións das persoas ligadas a administración pola vía do estatuto da función pública que teñen consideración de axentes da autoridade.