Viernes, 13 de septiembre de 2002 Índice DEZA-TABEIRÓS

 

 

JOSÉ ANTONIO PENA FERNÁNDEZ - PRESIDENTE DA SOCIEDADE DE CAZA DE SILLEDA

"Cazar ó lobo é moi complicado; hai que ver se vale a pena facer a batida"

BERNABÉ José Antonio Pena, coa furgoneta que vén de adquirir a sociedade.

REDACCIÓN - SILLEDA

A resposta á media ducia de incursións protagonizadas polo lobo en Silleda faise esperar. Medio Ambiente, reticente a conceder batidas, parece agora disposta a autorizalas. Na sociedade de caza local aínda non o teñen claro: "Cazar ó lobo é complicado; é un animal que controla moi ben o terreo, que sabe por onde escapar e que percorre grandes distancias. Igual saímos a cazalo ó Candán e resulta que vai no Faro. Hai que ver se vale a pena facer unha batida" explica o presidente do Tecor de Silleda, José Antonio Pena.

-Haxa ou non batida, a cuestión que non se arranxará é a das recentes mortes de gando. ¿Que se podería facer?

-Medio Ambiente está a ter unha política equivocada tanto nos danos do lobo como do xabarín. Algunhas sociedades levamos xa tempo reclamando un seguro que poidamos contratar e que cubra este tipo de danos. Tal e como están as cousas, a sociedade de caza non se pode facer cargo dos danos do lobo. O animal é unha especie non cazable mentres non se demostren danos. Cando se demostran, pódense organizar batidas, pero para entón xa hai perdas. E tampouco é cuestión de acabar co lobo. Nós non estamos en contra de que non o haxa.

-¿Cre que hai exceso de lobos ou xabaríns?

-De lobo seguro que non. Que ataque tanto non é normal, pero en parte pode ser debido á eliminación de vertedeiros e á recollida dos animais mortos das explotacións. Igual é preciso habilitar comedeiros para o lobo nalgúns puntos. E xabarín pensamos que hai menos que outros anos. Atacou moito en Silleda pero a nivel provincial hai menos. Nós, que cazamos en moitos puntos, vimos que en concellos coma Cerdedo ou Cotobade case non hai.

-Dalgún dos incendios que houbo no verán en Silleda, falouse de que podían ser provocados para espantar ó lobo e ó xabarín. ¿Que lle parece?

-Penso que non porque onde houbo os incendios non son zonas nas que se esconda especialmente nin o lobo nin o xabarín.

-Tamén se apunta ós cazadores como responsables. ¿Benefícianvos os lumes?

-Á larga si pero a curto prazo para nada. Eu estou convencido de que no incendio de Oleiros, por exemplo, morreu caza; e este ano alí non se poderá cazar. Dentro de dous anos si beneficiará porque haberá moi bo pasto, pero a min estráñame que os cazadores queimen, e máis nas zonas nas que houbo incendios este ano. Hai outros puntos, como a Rocha ou monte Penido, nos que acostuma a haber incendios todos os anos, probablemente para lograr pastos para o gando, pero non onde houbo lumes neste verán.

 

Imprimir Subir

 

Noticia anterior: Vila de Cruces ampliará su suelo urbano al abrir una calle paralela a Manuel Iglesias
Siguiente noticia: El paro desciende más del 4 por ciento en el Deza y recupera la subida de julio

 

© FARO DE VIGO, 2002. Todos los derechos reservados digital@farodevigo.es