BORRADOR 2
SEMANA GALEGA DO MEDIO AMBIENTE 2008
5 de xuño, Día Mundial do Medio
Ambiente
8 de xuño, Día Mundial dos Océanos
MANIFESTO
POR UN FUTURO SEN CARBÓN,
POR UNHA COSTA SEN CEMENTO E LONAS NEGRAS
Nesta Semana
Galega do Medio Ambiente as organizacións e colectivos asinantes queremos facer
un chamado á sociedade e as administracións para actuar sobre dous problemas
ambientais nos que Galiza ten moito que dicer: o uso do carbón como combustíbel
para a xeración de electricidade e a degradación dos nosos mares, fonte de vida
e recursos para as xeracións vindeiras.
Estas son as
mensaxes que centran as reivindicacións do Día Mundial do Medio Ambiente e do
Día Mundial dos Océanos que se celebran en todo o planeta os días 5 e 8 de
xuño, respectivamente. Por iso as organizacións e colectivos asinantes queremos
manifestar o noso compromiso coas demandas das Nacións Unidas para estas datas
e a nosa vontade para traballar en Galiza a prol dos obxectivos propostos.
“DEIXAR O
HÁBITO” en referenza ao uso do carbón como combustíbel, é o lema do Día Mundial
do Medio Ambiente. Con él quérese promover a eliminación do carbón nas
economías e estilos de vida das sociedades industrializadas como causante de
gran parte das emisións de gases de efeito invernadoiro (GEIs).
Sobre os
efeitos da queima de carbón no ambiente, en Galiza sabemos moito. Son xa máis
de 30 anos aturando as emisións de Endesa e Fenosa, empresas que obtiveron
inmesos beneficios a costa da explotación do noso carbón autóctono para a
produción de electricidade nas centrais térmicas. E
logo de rematado co lignito, impórtase carbón de países en vías de
desenvolvemento, contibuindo a perpetuar a explotación social e destrucción de
recursos naturais derivado dun modelo enerxético inxusto e insustentábel. A
cambio, os galegos/as ostentamos un dos ratios
de emisión de CO2 por habitante máis alto de Europa e os peores
índices de calidade do servizo eléctrico do estado.
No entanto, as
térmicas galegas lonxe de reducir as súas emisións, auméntanas (un 40,2% en
2007 con respeito ao 2006) incumprindo as cuotas para o sector derivadas do cumprimento do protocolo de Quioto, porque
lonxe de mudar o modelo, a produción de enerxía segue baseándose no consumo dos
recursos fóseis. E os efeitos da contaminación na atmosfera e na terra
(eis a loita os veciños da Lousa e Cerceda), da chuvia áceda, das feridas na
paisaxe e da perda patrimonio cultural, sufrímolos todos os galegos e galegas,
e constitúen unha realidade incómoda que as térmicas non parecen dispostas a
asumir e moito menos remediar. Por iso, esiximos das administracións un
compromiso decidido coa cidadanía e co ambiente para forzar ao sector eléctrico
a reducir as emisións derivadas da combustión de carbón e doutros combustíbeis
fóseis. Precisamos unha lexislación que obrigue
efectivamente ás empresas a minimizar as súas emisións, para que comecen a
tomar en serio os desafíos que nos plantexa o cambio climático.
As
administracións teñen tamén a responsabilidade de promover un maior aforro e
eficiencia nos procesos produtivos e no consumo de electricidade a nível
institucional, industrial e doméstico, impulsando
campañas de Educación Ambiental e procesos de participación pública para
incorporar á cidadanía na busca de solucións. Demandamos un maior
compromiso na transformación do actual modelo enerxético e de transporte cara o
uso de sistemas e enerxías máis limpas, renovábeis, ambientalmente seguras
socialmente máis xustas.
O
transporte é outro sector dependente da economía do carbono que supón preto do
40% do total das emisións. As políticas baseadas na promoción das grandes
infraestruturas de transporte por estrada son insustentábeis. As alternativas
que propoñen algúns governos seguen a reproducir o mesmo modelo de dependencia
enerxética, desta volta queimando alimentos para mover veículos. A utilización
a grande escala dos agrocombustíbeis ten dubidosos balanzos enerxéticos e de
emisións de gases, contribúe á perda de biodiversidade polos monocultivos, á
contaminación do solo e as augas polo uso masivo de agrotóxicos e condea á fame
e á explotación laboral ás comunidades agrícolas tradicionais que constitúen
unha parte importante da poboación mundial.
No
desenvolvemento das enerxías renovábeis, débese abandonar o produtivismo a
ultranza pulando por facer da suficiencia, da soberanía enerxética e do
respecto polo patrimonio ambiental e cultural de Galiza, os principais eixos
para unha nova política enerxética máis sustentábel e solidaria.
O papel dos
bosques é outro aspecto que se quere subliñar este día: as florestas fixan o
carbono e contribúen a combater o aumento de gases de efecto invernadoiro. A
perda de superficie arborada no planeta contribúe
nun 20% ao cambio climático global, que se vai retroalimentar ao aumentar tamén
a incidencia dos incendios forestais.
No noso país,
cunha importante superficie forestal, a loita contra o lume é unha estratexia
fundamental para diminuir a incidencia do cambio climático. Porén, as políticas
forestais non deben centrarse só na produción madeireira: os bosques e montes
cumpren unha importante función ecolóxica na preservación da biodiversidade, da
fertilidade e dos resursos hídricos. A diversificación dos aproveitamentos e a
ordenación dos usos do monte con criterios de sustentabilidade deben continuar sendo os
referentes dunha nova política forestal, paralelamente ao abandono dos
monocultivos de pirófitas e á promoción das frondosas autóctonas.
Como demandaba
a ILP Forestal de 1989, esiximos un novo Plano Forestal que, recollendo estes
criterios, promova unha intensificación das accións por
unha silvicultura sustentábel, alonxada de modelos produtivistas ou submetidos
aos intereses das transnacionais pasteiras.
Este 8 de xuño
é tamén o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS. Nesta data, as organizacións e colectivos
asinantes queremos lanzar unha mensaxe de alarma pero tamén de esperanza á
sociedade galega sobre o estado dos nosos mares. De alarma porque estes
ecosistemas están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de
quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha
cañeira na que deitar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias.
O 75% das
especies úteis ao ser humano están sobrexplotadas ou sendo explotadas ao límite
da súa capacidade. A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respetuosa
cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras
orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación
dos povos. E a estes, só se lles permite escoller entre o desmantelamento da
súa estrutura pesqueira tradicional e os modelos de acuicultura produtivista
que vira as costas ao mar para criar peixes en terra, nas macropiscifatorías
das transnacionais.
A perda de
diversidade e produtividade dos ecosistemas mariños polas verteduras urbanas e
industriais, a degradación do litoral, as práticas pesqueiras insustentábeis ou
influenza do cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico (e
xa que logo económico) a ambientes tan produtivos como as rías galegas, que
sustentan sectores chaves para a economía do país e fornecen de recursos a unha
grande parte da poboación que precisamente se concentra preto da costa.
O
desenvolvemento urbanístico ocupa cada vez máis territorio no litoral,
soterrando con toneladas de ladrillos e formigón non só o espazo físico da
paisaxe costeira, senón tamén o espazo mental e cultural que fai parte do noso
referente vital e da nosa identidade como pobo.
As macroplantas
de acuicultura previstas no Plano Acuícola pretenden asolagar baixo o cemento e
as lonas negras os millores espazos da nosa costa, que van trocarse en fábricas
de peixes de cemento e foco de contaminación orgánica, química, antibióticos…
directa ao corazón do noso mar máis limpo e bravo. E todo por 1.800 postos de
traballo, memos dun 5% do emprego directo que xeran os cultivos mariños
alimentados por esas marabillas naturais, únicas no mundo, que son as nosas
rías.
Os
planos de protección do medio mariño están sen cumprir e as áreas previstas
para a ampliación da Rede Natura 2000 están sen definir. Á case total ausencia dunha
investigación planificada para coñecer o estado do noso patrimonio natural
mariño, hai que engadir a falta de compromiso coa protección das especies que
son incluidas en catálogos sen poñer en marcha os necesarios planos de
protección e recuperación.
Cómpre reducir
drasticamente o impacto das actividades humanas sobre os ecosistemas mariños. E
para este obxectivo global, aparentemene un chisco utópico, debemos actuar
localmente comezando polo noso, o mar de Galiza. Comezando por reducir as
práticas pesqueiras insustentábeis que comprometen a continuidade dos recursos,
mesmo daqueles que non son obxectivo directo da pesca. Esiximos da
administración a criazón dunha rede galega de áreas mariñas protexidas, que
servan como refuxio e sementeira da biodiversidade mariña que manterá unha
actividade extractiva sustentábel, garantindo deste xeito os dereitos e os
medios de vida das comunidades pesqueiras artesanais.
Reclamamos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a
Contaminación Mariña na que participen todos os
axentes implicados e con obxectivos concretos, temporalizados e
debidamente orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación
puntual e difusa no litoral e nas rías así como a minimización do risco por
verteduras accidentais e mareas negras. Para isto é preciso garantir a
responsabilidade ilimitada para as actividades industriais que causen danos ao
medio mariño.
Pedimos a
protección efectiva dos ecosistemas costeiros fronte ao urbanismo especulativo
e depredador, extendendo a moratoria ás planificacións industriais e sectoriais
até a aprobación un Plano de Ordenación do Litoral redactado con criterios de
sustentabilidade.
Esiximos
finalmente a retirada do Plano Acuícola, a principal e máis inminente ameaza ao
patrimonio natural e cultural do litoral, e a apertura dunha mesa de
negociación con representación dos movementos sociais, industrias e
administracións.
Hai aínda
motivos para a esperanza. Os nosos mares teñen cura e en grande parte esa cura
está nas nosas mans. Comezando por tratar ao océano con esa mistura de agarimo
e respecto que lle profesaban os nosos antergos. O mar é a orixe da vida na
terra e a súa continuidade, nosa continuidade, depende en gran medida de que
saibamos actuar responsabelmente e con humildade para con el, e que sexamos
capaces de garantir un aproveitamento sustentábel dos seus recursos.