"Cada serra e cada zona deshabitada de
humanos debe manter un depósito de preas e de carniza" | X. L. MÉNDEZ
FERRÍN
Hai pra aí vinte anos o concello de Celanova
acoutara unha tenza de monte como depósito de lixo ao que ían parar
indiscriminadamente todos ou case todos os despoxos da contorna, desde
restos de obras e mobeis vellos a desperdicios orgánicos. Aquilo fedía e
sofría constantes crises de autocombustión que provocaban unha habitual
columna de fume. Pola noite, os lobos baixaban por un subeiro secreto
desde o seu santuario de Cortiña Grande e da Chaira de Amoroce, a rentes
de Castromau, para rebuscar comida entre aquel lixo. Cando raiaba o sol,
retirábanse os lobos e, desde as súas choupanas de onda a vila de
Celanova, subían ao depósito os ciganos portugueses ou arraianos para ir
en, eles tamén, ao rebusco, esta vez de ferrovello e obxectos
recuperabeis.
Non hai moito tempo, o concello, seguindo as tendencias vixentes de
hixiene pública, clausurou o depósito de lixo en Celanova. Os lobos
víronse privados de alimento e os ciganos portugueses ou arraianos
tiveron que ir a procurar o ferrovello allures.
Naquel tempo, os lobos da miña terra, alén de buscar carniza no depósito
de lixo de Celanova, comían moito das galiñas mortas que os propietarios
das granxas asociadas a Coren tiraban en zanxas a ceo aberto e de acceso
doado para as feras. Entre o depósito de lixo e os grandes galiñeiros
movíanse os lobos. " E un élle coxo" -díxome un día meu compañeiro de
observación Manuel Posada Silva, O Macendo, sinalando unhas pegadas
irregulares na área dunha pista. Por parte, ao tempo había xente polas
partes de Celanova que tiña a disgracia dunha morte na corte, o cadavre
era montado nun tractor e abandoado na devandita Chaira de Amoroce ou
Cortiña Grande. Naturalmente eran os lobos os primeiros en dar conta do
becerro ou vaca morta, e sempre quedaba algo para corvos, cans de
viciños, vermes, insectos e, naturalmente, microorganismos. Cada vez que
tiraban unha vaca na Chaira producíase alí o Grande Festival da
Biodiversidade. Hoxe todo isto está prohibido e o bicharío pasa moita
fame. Anda Luis González Tosar moi impresionado. Seica lle contaron que
hoxe en día os corvos velan as ovellas, que son parvas, cando elas van
parir e, ao ceibaren o año, xa eles se botan sobre o bicho naipelo para
o matar e comer a peteirazos. Supoño que, como é costume nos córvidos,
chamarán os uns polos outros e acudirá toda unha paxarada para
participar no festín. A estoria dos corvos, as grallas, as pegas e todas
esas cousas en relación coa nacencia de años e outras criaturas é vella
e sempre me foi referida por pegureiros permanentemente chorosos e
laións. Ora ben, non dubido que a asepsia do monte decretada polas
autoridades así como o efecto devastador dos incendios conduciron a unha
situación indesexábel: non hai carniza nos nosos espazos naturais.
E debería habela, porque cada animal morto é orixina unha prodixiosa
multiplicación de vida. O exemplo dos "podrideiros" dos Picos de Europa
que concentrando os animais mortos nun punto da montaña en poucos anos
fixo que a poboación de grandes avutres se recuperase, debe ser imitado
en Galicia. Cada serra e cada zona deshabitada de humanos debe manter un
depósito de preas e de carniza en lugar de que se icinere o gado morto.
Coito que a icineración ou o enterramento de gado morto priva a nosa
natureza de vida. Vaiamos, pois, a unha rede de depósitos de carniza
estratexicamente situados en toda a superficie do país e controlados
polos servizos públicos de Medio Ambiente Natural. |
|