Outono e paisaxe,
O outono móstranos unha serie
de posibilidades inmensas, porque a pouco que pensemos comprenderemos que outra
Galicia é posible, outro turismo podería visitarnos se tiverámo-la decisión de
cambiar de color amplios espacios da nosa xeografía. ¿Por qué dende o Canadá ou
dos Estados Unidos (Vermont, Maine, Maryland) chegan agora, como en anos
anteriores, os avisos de que estamos no momento no que se dan e suceden variadas
secuencias cromáticas que poden face-la delicia do fotógrafo aficionado?
Protagonista principal: a biodiversidade. Protagonistas particulares: arces,
carballos americáns, liquidámbares, freixos, tilos, álamos ou castiñeiros. Unhas
veces domina o roxo intenso, outras o amarelo; algunhas montañas cóbrense da
color do mel. Con Webshots.com resulta fácil maxinar outro mundo posible, cada
día un novo álbum de fotografías: de Quebec ou Montreal, do Central Park de Nova
York... Sinto envidia porque nós, aquí, poderiamos ter unha paisaxe semellante,
poñe-la nosa terra en valor, pois que o clima nos brinda posibilidades de algo
semellante, e onde conservámo-la vexetación climax algo así acontece.
Estos pasados
días acodín a diversos lugares nos que se dá a riqueza de cromatismo antes
definida. Os freixos poñen unha nota de ouro, as cepas de Virxinia comezaron a
perde-las follas, agora vermellas, que se van degradar en pouco tempo coa axuda
da chuvia caída, dispostas pra se integrar no chan como aporte orgánico; as
albizias ou acacias de Constantinopla douran igualmente, ó tempo que ofrecen a
súa semente. Méntre-los carballos americáns enroxecen e se converten en reclamo
de xílgaros, chegan os merlos pra daren conta das baias da piracanta. A un
piñeiro insigne de gran porte achéganse pegas rabilongas co seu inconfundible
chascarraschás, mentres os paporroibos baixan ó chan removido, na procura de
alimento. Manteñen o verde intenso acebos, loureiros e xenebreiros de diversa
caste (ivernica, horizontalis, Andorra); unha pícea glauca ofrece a súa nota de
distinción, méntre-los grupos de hortensias, na rendición outonal, manteñen a
súa elegancia e mostran unha certa resistencia a perde-lo colorido. Un érbedo
(tamén chamado albedro, esbedro, bedreiro...) está presente no pequeno espacio,
cos morodos ou morogos en fase de maduración, outro reclamo prá paxarada. (Este
arbusto, moi parecido ó loureiro, dáse espontáneamente no monte baixo galego i
existen como unhas vinte especies.)
Ante as
presencias descritas pensaba estos días atrás que outra forestación (co obxetivo
de recupera-la vexetación climax) era posible en Galicia. Seguro tamén que con
menos presencia incendiaria. Pero na nosa terra cambiaron moitas cousas. Nada
que ver coa conservación dunha finca que conozo, na que existe un souto
importante (uns cen castiñeiros perfectamente alineados i en producción) e
outras árbores, ademáis de prados, soporte dun fato de ovellas, que á súa vez
fecundan as terras da propiedade. I eso é desenvolvemento sostible e respeto á
paisaxe, coido que na línea recomendada por Antonio Rigueiro, no seu discurso
?Bosques e Paisaxe en Galicia?, de entrada na Real Academia Galega de Ciencias,
no sentido de que non sempre ten que prima-lo valor económico, ?a máxima
rentabilidade buscada na explotación do sector forestal, porque hai outras
aspectos, os ecolóxicos e paisaxísiticos, que terán de adquirir un protagonismo
crecente na planificación das futuras repoboaciós dos nosos montes?. Discurso
todo el pra ser debidamente estudiado polos responsables da cousa ambiental, no
que coido atoparían ideas pra mellora-la súa xestión. .
Rigueiro afirma que é ?importante a utilización óptima dos recursos dos nosos boscos, de contar cos aproveitamentos posibles, madeira, paisaxe; que é importante conservar e mellora-lo esceario natural, especialmente nas áreas de montaña, onde a atracción do turismo pode contribuir ó desenvolvemento de bisbarras deprimidas, mesmo pra evita-la desertización final?, coido que potenciada co modelo resforestador dos últimos 60 anos, E afirma o home que a repoboación forestal supón un impacto visual sobre a paisaxe, ?impacto dinámico que vai en aumento e que pode ser positivo ou negativo, máis ou menos intenso e durable, reversible ou non; que a súa importancia vai estar tamén en relación coa singularidade ou fraxilidade e co valor da paisaxe no estado preoperacional?. Árbores pirofíticas poden ser causa principal dos incendios dos últimos anos. Ó se-la súa madeira de escaso valor, son tamén precarizadoras da economía de todo un país necesitado de planificar outra reforestación e de mellora-la paisaxe, de blindala contra os incendios, algo posible se Goberno e Comunidades de Montes queren e se propoñen como meta facer posible unha maior policromía nos futuros Outonos..