FARO DE VIGO. Edición Digital LUNES 24 OCTUBRE 2005 
Edición digital n. 2429
SEGUNDA FEIRA
Natureza protexida

A política de espazos naturais protexidos en Galicia foi realmente nefasta con Fraga Iribarne | X.L. MÉNDEZ FERRÍN


Apolítica de espazos naturais protexidos en Galicia foi realmente nefasta con Fraga Iribarne. Se comparamos a comunidade galega coas administracións circundantes podemos, con todo dereito, sentir vergoña. Ao Leste, nas Asturias, está a Dehesa de Muniellos (ou Devesa de Moelos, como din os de Ibias en galego puro) onde o urso inza para, paulatinamente, ir re-colonizando os seus territorios do Caurel (alí o sitúa Víctor López Seoane) e dos Ancares. Estes últimos, os Ancares, só son parque natural na parte administrada por Castela-León. Nunca se insistirá demasiado en denunciar que os Ancares non desfrutan da condición de parque galego para nada. Se ollamos para o Sul encontrámonos co Parque Nacional de Peneda-Gerês- orgullo da República Portuguesa, o maior do país veciño e un modelo de xestión e práctica cultural e natural que só a peste das mini-hidráulicas e dos macro-encoros pode embazar. Se ollamos ao o N., mar por medio, temos que evocar a maravilla goidélica do Parque Nacional de Connemara que os irlandeses miman. Nun Oeste, transoceánico, está Yelowstone, o primeiro parque natural do mundo.
En Galicia: desolación, falta de recursos, ausencia de ideas, desconfianza. Desconfianza cobarde, sen dúbida, de que unha política de parques naturais medianamente decente lles faga perder votos dos residentes aos partidos sistemáticos, como se viu nos conflictos artificiais xerados no concello de Cabanas e outros no seu día a propósito das Fragas do Eume. Aquel Del Álamo de nefasta memoria e todo o PP frearon e inutilizaron o Parque Natural galego do Xurés, mandando o seu autor e ideólogo, Xosé Benito Reza, ao obstracismo e ao labor de xefe de bombeiros. Fraga Iribarne nunca quixo unificar o parque do Xurés galego co Gerês portugués, aínda a costa de perda de subvencións europeas a través de Interreg. O medo era desmembrar España e acadar un deficit de soberanía en favor de Portugal. Tamén, no seu día, se perderon subvencións europeas multimillonarias cando o Gobernador Civil de Pontevedra, Jorge Parada, recorreu contra e paralisou a creación da "Liga dos Concellos do Vale do Miño", porque ameazaba, no delirio españolista (dos felipistas), con desmembrar tamén España.
Dicíalles que o parque natural galego do Xurés tén autor. El é Xosé Benito Reza, que o ideou e propuxo ao tripartito presidido por Laxe. Na era PP costou ferro, fariña e maila presión constante das autoridades portuguesas que se chegase a fundar, aínda que tal fundación foi máis ben ideal ou imaxinaria. Felizmente, Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, conta hoxe con Reza como Director Xeral. A colaboración de outros fainos concebir moitas esperanzas a todos no eido dos espazos naturais protexidos (e non só). Leo nos xornais que a Consellaría de Medio Ambiente vai darlle pulos, pór en vigor, facer realidade, por fin, a unidade entre o grande Parque Nacional de Peneda-Gerês e o máis humilde (por culpa da miseria política do PP) parque natural do Xurés. Entendemos que isto non será senón a parte dun todo no que a posta en vigor dunha rede de espazos de natureza protexida en Galicia formara parte dunha nova, nacional-popular, democrática e intelixente política galega de medio ambiente. O Parque das Illas Atlánticas non podía estar en mellores mans.