|
Lunes, 22 de noviembre de 2004 |
SEGUNDA FEIRA
|
|
|
|
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
O parque natural das Fragas do Eume nunca chegou a funcionar. Non hai Suido. O proxecto, da autoría de Xosé Benito Reza, de parque natural do Xurés, en réxime de co-dirección co Parque Nacional portugués Peneda-Gers, atópase inmobilizado tras a destitución como director do inxenieiro que fora seu autor, pola importante razón de el non lle ser simpático ao PP. Nunca se escoitou o clamor popular que leva décadas pedindo que o Parque Natural do Aloia se extenda cara o Sul por toda a Serra do Galiñeiro. O único parque natural que leva o nome dos Ancares está, por certo moi ben xestionado, na provincia de León, mentres que nos Ancares administrativamente galegos só funciona teoricamente unha reserva de caza ou algo así de pequeno, o que non impidiu a extinción da pita do monte. Podiamos seguir co Courel -poño por caso.
O feito é que a administración conservadora da Xunta de Galicia é moi pouco conservacionista. Se comparamos a política de espazos naturais de Galicia coa de Portugal ou coa das provincias de León e Asturias que nos arrodean resulta Galicia un modelo de abandono medioambiental e de mal facer. Un principal responsábel de esta ineficiencia culpábel foi aquel Del Álamo e a nube de paraidistas madrileños que, á súa sombra, viñeron a ocupar todos os cargos da área medioambiental na administración galega e a facer en Galicia a súa particular América mediante o salvoconducto do cartón de pertenza a partido de Fraga Iribarne.
Os políticos do PP e os seus munxidores de votos non queren saber nada de espazos naturais porque facelos funcionar leva consigo unha prudente e xusta negociación cos veciños, propietarios e comunidades de montes veciñais que, en calquera intre, poden xerar conflicto con efectos electorais desfavorabeis para a rede caciquil. Logo, ou non se crean espazos naturais ou parques ou, se se crean no papel, non se poñen a funcionar. Entendo eu iso.
No caso das Illas Atlánticas, co traspaso de competencias do Goberno de Madrid á sucursal autónoma non se gañan nada. A esperanza de que un Castroviejo fose recuperado para a súa Terra (e Mar) como director, independente dos poderes da Xunta, dun parque Nacional financiado xenerosamente no nivel dos de Ordesa e Doñana polo goberno Español, evaeceuse no ar. Ao reverter á Xunta o Parque das Illas Atlánticas recuperará a mediocridade e falla de ideas e proxectos do antigo parque natural autonómico das Illas Cíes, que non foi capaz nin de erradicar as acacias e os arcolitos alí plantados polo forestalismo franquista. Todo voltará á pobreza e o soño das Illlas Atlánticas estoupa coma unha pompa de xabrón. Nas Illas, por cima, hai poderosos intereses pesqueiros.
Mentres a Xunta de Galicia estea nas mans de quen esta non cabe moita esperanza dunha política que poña en vigor como é debido os espazos naturais de Galicia. E os galegos seguirán peregrinando aos Picos de Europa, a Doñana, ao Gers portugués, aos Ancares leonenses, á Devesa de Moelos (Muniellos) e a canto lugar onde a flora, a fauna, a paisaxe sirvan para dar satisfacción ao visitante que, dito sexa de paso, deixa alí os seus bons diñeiros.