Sábado, 8 de febrero de 2003 Índice OPINIÓN

 

 

SEGUNDA FEIRA

Del Álamo nas Illas

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Estou abraiado do ben que o P.P. segue a facer política: nos seus estertores finais acumula erros, disparates, sinais que só o seu pior inimigo lle podería aconsellar. Agora poñen a camiñar un outro zombie. Este cadávere animado é o que vai ocupar -espero que moi fugazmente- a Presidencia do patronato ou como lle chamen do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Din os periódicos que Carlos del Álamo será o presidente do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Fagan memoria política, porque o caso Del Álamo é un paradigma da colonización de Galicia e da súa predación administrativa por parte da dereita española.

Cando a dereita tiña a política co vento de proa en Madrid mandou para Galicia os seus enchufados para eles gañaren o pan. Os madrileños desa dereita, desocupados na Corte, recibiron aquí os honores máximos e os cargos públicos máis importantes. Un deles foi Del Álamo, inxeneiro de Montes, madrileño cesante. Fraga Iribarne acolleu as recomendacións e deulle os cargos.

Este señor, unha vez ben asente no poder fraguista e coa chulería característica de El Foro, tomou sobre si a tarefa sagrada de facer naufragar o Plan do Parque Natural Galego do Xurés, que froitificara, para ben da natureza e do país, no goberno autonómico Tripartito. Tratábase, segundo o proxecto do Tripartito, ben pensado cos responsabeis portugueses correspondentes, de criar a continuidade en Galicia do Parque Natural Peneda-Gerjs, o que sería e é bon para a Terra entendida como Vostedes queiran entender o substantivo.

Del Álamo boicoteou o Parque Natural Galego do Xurés até o punto en que o gobernador portugués Braga da Cruz, no curso dun xantar, lle puxo o problema ao goberniño autonómico galego, o cal cedeu nas formas.

Fíxose (no papel) o Parque Natural do Xurés galego. Pero alí estuvo sempre Del Álamo para minimizalo, desconsideralo, reducilo a un carimbo e a un logotipo (que nin el mesmo promocionou). Por facer naufragar, seguindo o símil náutico, tamén mandou ás pedras o Parque Natural das Fragas do Eume. E sempre se negou de cheo a que o Galiñeiro entrara a formar parte do Parque Natural do Aloia.

Defensor do eucalipto e da utilización economicista e da privatización do comunal, Del Álamo entra agora de Presidente -sempre vía Madrid- do Parque Natural das Illas Cíes ou Atlánticas.

É unha boa retribución a un dos piores inimigos do medio ambiente natural e do conservacionismo galegos. É un bon pago ao Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que fixo o papel que fixo en ocasión da catástrofe do "Prestige".

Nesta ocasión, non penso que eu deba ter "la boca tapada con agua", como reza o título da novela inesquencíbel de Fernando Alonso Amat. Esta vez as vastas masas democráticas están a limpar a boca mesmo do piche e a abrir un tempo novo.

Ogallá o PP siga polo mesmo camiño que leva.

 

Imprimir Subir

 

Artículo anterior:
Siguiente artículo: Todo por el petróleo

 

© FARO DE VIGO, 2003. Todos los derechos reservados digital@farodevigo.es