Venres 04.11.2005

Medio Rural quere máis postos estables para mozos no campo

A Consellería de Medio Rural terá listo a mediados do 2006 un Proxecto de Desenvolvemento Rural cuxo principal obxectivo será crear emprego estable destinado ós mozos, "como única vía" para frear o despoboamento no campo.

Así o anunciou na súa comparecencia en comisión parlamentaria o director xeral de Desenvolvento Rural, Eldemiro López Iglesias, quen advertiu de que no campo existen "novas oportunidades" de mercado e creación de emprego que non foron "aproveitadas" polo anterior Goberno do PP para rematar co "acusado proceso de despoboamento do rural, provocado en gran parte polo elevado éxodo dos mozos".

O futuro proxecto da Consellería de Medio Rural parte da "diagnose" de que hai segmentos dinámicos de creación de emprego e buscará a implicación dos mozos para "lograr romper ese caparazón que impide que emerxa e naza o medio rural do futuro".

Edelmiro López asegurou que o mundo tradicional nas zonas rurais está "practicamente desaparecido" e agora o novo Goberno galego ten a "enorme tarefa" de construír un novo". De igual modo, anunciou que Medio Rural impulsará a apertura real á participación de toda a sociedade nos grupos de acción local, sobre todo, dos mozos, xa que recoñeceu o "forte déficit" existente nesta materia.

A deputada socialista Laura Seara, autora da pregunta que deu lugar á intervención de Edelmiro López, valorou as medidas anunciadas por Medio Rural e "rogoulle" que ademais de actuacións encamiñadas á creación de emprego estable para os mozos e activar a súa particiación nos grupos de acción local, tamén logre que a información sobre este tipo de programas chegue a este colectivo.