Ola a tod@s.

 

O pasado venres, tiven ocasión de entrevistar a Alfredo Suárez Canal para o Fouce. Por motivos de espazo, no periódico do SLG ás penas se publicará a metade desa entrevista. Emporiso, remítovos o texto completo da conversa, pois creo que ten contidos moi interesantes e reveladores do que será a nova Consellaría do Medio Rural.

 

Un saúdo

 

Xosé

 

Entrevista a Alfredo Suárez Canal,

Conselleiro de Medio Rural

 

Atopamos a Alfredo Suárez Canal nas dependencias dunha Consellaría de Medio Rural medio baleira polas vacacións e polo traspaso de poderes, co seu equipo humano aínda sen formar. A pesares deste ambiente de transición, os ollos do Conselleiro non lograban disimular unha fonda preocupación polo galano do Ministerio de Agricultura ao sector lácteo galego: unha multa de máis de 14 millóns de euros. Sen ter aínda nomeados asesores nin directores xerais, Suárez Canal xa convocou a sindicatos, cooperativas e industrias para facer fronte común e evitar �unha nova reconversión�. Algo se move en San Caetano. Hai ganas de gobernar, de facelo ben e en beneficio dos labregos e labregas de Galiza. Neste contexto, Fouce puido falar co novo titular de Agricultura, que adiantou moitas das claves e estratexias que marcarán a política agraria da Xunta nos vindeiros catro anos.

 

En primeiro lugar, en hora boa polo seu nomeamento como Conselleiro. Ten agora por diante a tarefa de poñer a flote un dos sectores económicos máis castigados do noso país. ¿Como afronta este reto?

    Afróntoo con ilusión, sabendo que hai que ter unha enorme dedicación �iso, dende logo, non vai faltar-, e coa responsabilidade de saber que Galiza non é un proxecto socioeconómico viábel sen un sector agrogandeiro e forestal moi potente, estabilizado, e cunha perspectiva de futuro. Iso é o que imos tentar que se consolide, cambiando a tendencia actual. Catro anos, de seguro que non serán suficientes para facer un cambio total no campo galego, pero si para que as tendencias regresivas que se están producindo agora se invertan.

 

As directrices impostas dende a Unión Europea coa PAC, e dende o Ministerio de Agricultura, déixanlle pouca marxe de manobra á súa Consellaría. ¿Pensa que, aínda así, se pode facer unha política agraria activa que rache coas tendencias actuais?

    Imos tentalo. Efectivamente, os marcos estatal e comunitario restrinxen dun xeito moi notábel a capacidade de actuación. Hoxe mesmo estamos vendo as consecuencias da Política Agraria Común (PAC) no tema da cota láctea. Vendéronnos as cotas como un grande remedio para estabilizar o mercado e o número de produtores; pero en Galiza non se produciu iso, senón un peche constante de explotacións e, a miúdo, o problema da supertaxa.

    Nós imos tentar utilizar os instrumentos que temos, e facer valer que no Estatuto de Autonomía figura que as competencias de desenvolvemento en agricultura son exclusivas da Xunta, polo que tentaremos actuar sobre esa base material para modificar a tendencia.

 

O BNG está a insistir moito na necesidade de aprobar un Estatuto de Nación para Galiza. ¿En que afectará á nosa agricultura? ¿Pode beneficiala?

    Un Estatuto de Nación creo que afectaría a todo. Vostede está a dicir que moitas das actuacións e competencias de Galiza se ven restrinxidas por decisións doutras normativas. Un Estatuto de Nación debería blindar algunhas competencias e, dende logo, unha delas sería a capacidade de poder actuar sobre os sectores produtivos quen os coñece en profundade, quen ten a capacidade de xerar alternativas. Dende logo, moito mellor facelo dende o próximo, dende Galiza, dende unha capacidade real de decisión; que dende normativas que introducen solucións uniformes que, case sempre, rematan sendo discriminatorias e lesivas para os intereses galegos.

 

Indo máis ao concreto, ¿cales van ser, a partir de agora, as liñas xerais da política agraria da Xunta?

    Nós pensamos que, hoxe, está instalado nunha parte da sociedade galega, e tamén nos produtores agrarios, certo grao de fatalismo que interpreta que non hai futuro para o campo galego. Mesmo existe a idea de que un país que se dedica a tarefas agrarias, gandeiras e forestais é pobre; de que a restrición dese tipo de sectores debería ser un síntoma de dinamismo socioeconómico. Nós, dende logo, non acreditamos nese concepto. Os países máis potentes ao longo do século XX, e do presente, teñen unha agrogandería puxante. Non pode ser doutra maneira, pois en intres difíciles eses países poden asentarse na base da súa soberanía alimentaria.

    Polo tanto, nós pensamos que hai que inverter esa actitude de desánimo dos produtores, que ven na actividade agrogandeira unha auténtica carreira de obstáculos e que, en moitas ocasións, comprobaron que a Administración, en troques de ser unha institución ao servizo dese valor estratéxico que é o potencial agrogandeiro e forestal, remata sendo un obstáculo máis. Daquela, a primeira función será cambiar esa idea, que a política que se faga dende a Administración sexa unha axuda e non un obstáculo.

    En segundo lugar, teremos que facer un corpo común con toda a xente que está traballando no sector agrogandeiro, sexan sindicatos, cooperativas ou industrias; un corpo unido nun diálogo permanente.

    Outro dos piares da nosa acción de goberno será tentar completar os ciclos produtivos de diversos sectores agrarios do noso país �horta, sector lácteo, etcétera-, mesmo en colaboración con outras consellarías, axudando a pechalos para que incorporen un maior valor engadido na súa actividade.

    Tamén faremos unha avaliación de cales son as avantaxes comparativas que ten Galiza á hora de definir expectativas de futuro, modelos de crecemento nos distintos sectores.

    En definitiva, trátase de tentar valorizar o que existe na base material, e poñer ademais na superficie as avantaxes comparativas do campo galego con respecto ao noso entorno. E iso facelo nun prazo relativamente curto para cambiar as tendencias, porque se non o campo está nunha situación francamente delicada.

 

¿Pode adiantarnos algunha das primeiras medidas que vai adoptar o seu departamento?

    As medidas a curto prazo son difíciles de poñer en marcha. Por exemplo, non tema forestal, tentaremos recuperar un deseño que se fixo a comezos dos oitenta no Parlamento Galego baseado nunha auténtica política preventiva. Iso a partir da convocatoria dunha mesa do sector forestal na que estaría a propia Consellaría, sindicatos, organizacións, industrias e comunidades de montes, e na que habería que actualizar esas medidas. E isto dun xeito inmediato, de maneira que, a mediados de outono, esteamos capacitados para artellar medidas coas que a prevención sexa máis relevante. Iso sen esquecer que este tipo de políticas preventivas dan resultados a medio e longo prazo, polo que o operativo contra incendios deberá manterse, revisando as cuestións que faga falla.

    De inmediato, imos facerlle fronte ao problema co que nos atopamos ao chegar á Consellaría, que é a supertaxa, a ver se hai posibilidades que dende o Ministerio de Agricultura �que é quen regula e controla as compensacións- se poidan poñer enriba da mesa solucións que impidan que esta supertaxa se converta nunha nova reconversión do sector lácteo galego.

    Tamén imos analizar en detalle a posibilidade de facer algunhas reestruturacións para primar aínda máis a calidade de determinados tipos de explotacións, como as vitícolas.

    Ese é o traballo que estamos deseñando para facer a presentación das grandes liñas destas actividades en setembro ou outubro no Parlamento Galego.

 

¿Van a haber moitos trocos no organigrama da Consellaría? ¿Con que finalidade?

    Imos tentar facernos máis operativos. Entón, algúns trocos vai habelos, coa intención de agrupar áreas de xestión. En primeiro lugar, haberá unha área na que se integre todo o referente a estruturas e infraestruturas. Tamén imos tentar xuntar todo o que é a produción agrogandeira, dende o inicio ata que chega á cadea alimentaria, incluíndo aquí cuestións coma o saneamento ou a industria. Outra das grandes áreas será a de desenvolvemento rural, onde estaría todo o que ten que ver co entorno do campo, economía social, servizos, etcétera; neste eido, temos intención de redeseñar e reformular o que hoxe é a Sociedade Anónima de Desenvolvemento Comarcal e a propia Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). E, por fin, unha área que xestione todo o referente a formación, institutos de investigación, e capacitación para actividades agrogandeiras.

    Daquela, en principio, a anterior Consellaría de Política Agroalimentaria estructurarase nesas catro grandes áreas. Xunto a iso, tamén teriamos a Dirección Xeral de Montes, que seguirá coas mesmas competencias e actividades de hoxe, aínda que se varíen as políticas.

 

Falou antes da supertaxa. ¿Como recibiu a nova de que se lle vai impoñer ás explotacións lácteas galegas unha multa de 14�6 millóns de euros?

    A nosa reacción foi de enorme preocupación. Nestes intres, aínda non temos os datos definitivos, pois os que se coñecen son do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) a nivel de Estado que, ademais, non facilita comparativas con outras comunidades. Os datos referentes a Galiza son provisionais. Nese contexto, temos unha enorme preocupación porque venlle outro pao a un sector que, recorrentemente, ten sufrido importantes agresións, e que pon de novo en solfa o sistema de cotas, porque non remata por estabilizar nin resolve o problema, nin ofrece expectativas a cousas tan elementais coma o incremento da poboación do Estado.É dicir, tense incrementado a poboación e, non embargante, a cota mantense igual de constrinxida.

   Cos marcos que temos, é difícil elaborar unha alternativa na que a propia Xunta poida ter protagonismo pero, dende logo, imos tentalo. Estamos analizando o problema dende o punto de vista xurídico e técnico, imos ter unha reunión inmediata co sector, mesmo antes de ter organizado o equipo humano da Consellaría, xa que aínda non se nomearon os directores xerais. Daquela, de maneira urxente imos convocar aos sindicatos, cooperativas e industrias para tentar elaborar unha estratexia conxunta que nos permita facer un corpo común para tentar que esta supertaxa non se converta nunha nova reconversión para o sector lácteo.

 

No programa do bipartito recóllense moitas demandas do SLG. Non embargante, hai reivindicacións que non se contemplan, como declarar a Galiza zona libre de transxénicos, ou regularizar a licencia de actividade para todas as explotacións en activo. ¿Cre que son cuestións negociables no transcurso da lexislatura?

    O acordo que xerou o programa do Goberno bipartito é un programa de mínimos. Nese programa recóllese aquelo que nos comprometemos a facer. A partir de aí, o BNG ten un programa electoral que tentará executar a través da súa xestión, sempre que non signifique ningún tipo de disfunción na acción de goberno. Nós imos tentar darlle cabida ao noso programa electoral, pero sendo conscientes de que somos un bipartito, aínda que formemos un Goberno único e que, polo tanto, temos que someter ás consideracións do Consello da Xunta as variacións e melloras que se poidan realizar no acordos acadados.

 

O agro galego sufriu nas últimas décadas unha reconversión brutal que o deixou envellecido, despoboado, con miles de explotacións pechadas no camiño, e moi poucas esperanzas. ¿Que lle parecen unhas palabras de ánimo para rematar?

    É certo que unha tendencia como a actual, nun sector coma o agro nas súas múltiples facetas, non se cambia da noite para a mañá. Polo tanto, hai que pedir unha certa dose de paciencia. Eu estou convencido de que o potencial do agro galego é enorme e que, traballando todos nunha dirección positiva, se pode cambiar a tendencia. E ese cambio de tendencia, a medio e longo prazo, acabará por facer que o agro galego sexa potente e solvente, potenciando as nosas avantaxes comparativas, e permitindo que a xente que se dedica á actividade agrícola, gandeira ou forestal, viva dignamente. Eu o que lles quero transmitir a todos os que hoxe están, dun xeito ou outro, traballando nos diversos sectores agrogandeiros e forestais, é que nós collemos a Consellaría para tentar, dunha vez por todas, que se entenda que, neste sector, a Administración e a política teñen que estar ao servizo dun sector estratéxico e, polo tanto, nunca poden ser un obstáculo. Terán que ser sempre unha axuda, un compañeiro, un colaborador, marcando pautas e artellando políticas que fagan que a psicoloxía colectiva da sociedade galega, e a actitude e a percepción que hoxe viven deste sector, cambien para que non consideren que iso é unha auténtica carreira de obstáculos que, moitas veces, leva ao abandono.