|
Tiven a oportunidade de oí-lo discurso de
Touriño no Obradoiro, un discurso en principio esperanzador. O goberno do
bipartido xa está conformado, con retos enumerados polo home, que prometeu
gobernar pra todos e que, xa dende o primeiro momento, quixo ofrecérno-la
confianza de que na acción e dirección do bipartido vai haber unha auténtica
sintonía. Afirmou que un amplio contrato coa cidadanía vai posibilita-la
actitude crítica dos electores e a conseguinte revalidación ou censura unha
vez transcurrído-los catro anos da lexislatura. Logo han pasar. Pero a tarea
que este goberno se ten fixado é densa: reforma do Estatuto, prá que Touriño
pide a colaboración de todo-los grtupos parlamentarios e unha actuación
consensuada; diálogo con Madrid sobre, antre outras cousas, a cuantificación
da chamada débeda histórica, do déficit que dende hai anos arrastramos;
financiación, eido no que é obxetivo de Touriño o de pacta-los recursos que
permitan financia-los servicios públicos e acada-la converxencia real cos
territorios máis adiantados de España; pacto polo emprego, coa meta dun
pacto social polo emprego estable, e outros obxetivos: Policía galega,
chegada do AVE, Educación, Lingua galega, Sanidade, etc.
Algús dos portavoces do novo goberno outorgaron especial valor ás políticas
do desenvolvemento sostible e da recuperación da biodiversidade, poñer o
monte en valor, que dixo Quintana. Pablo Ramil Rego, director do Instituto
de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, falou do intento de
promoción da paisaxe galega tradicional e de mostrala vía internet, en
colaboración con outros países: Suecia, Italia, Austria, Portugal, España, o
que vai conlevar, á fin de contas, un cambio profundo na política forestal.
¿Por qué temos que mercar a países extranxeiros o que podemos producir aquí:
madeira de faia, nogueira, cerdeira? ¿Por qué parecemos abocados a
abandona-los terreos de cultivo pra reforestalos con máis eucaliptus?. Coido
que non hemos tardar moito en saber das ideas da consellería do Medio Rural,
porque Alfredo Suárez Canal se está a mostrar moi activo e parece ter xa
completo o seu equipo. O seu encontro cos sindicados labregos, o estudio de
soluciós pró problema do leite sobre o que pende a sanción da supertasa; a
promesa de transparencia e información en relación coa cousa incendiaria,
son noticias de agradecer, primeiras da potenciación dunha posible
recuperación do mundo agrario.
Outra nova agradable é a da entrevista do conselleiro de Medio Ambiente,
Manuel Vázquez Fernández, cunha representación de varias agrupaciós
ecoloxistas, cuios portavoces se mostraban satisfeitos polo simple feito de
que, na fin do encontro, puideron manifesta-la súa opinión ós medios de
comunicación. Parece que o conselleiro é outro dos que entran con forza. A
verdade é que ten unha consellería difícil, con moitos problemas enquistados
e con diversas interferencias coa consellería de Pesca, si ésta non se pon a
compri-los deberes abandonados por López Veiga. O asunto da Lei Sectorial
aprobada polo goberno de Fraga en funciós, prá promoción de granxas de
rodaballos e outros, en lugares emblemáticos, é algo sobre o que á nova
Xunta lle convén definirse axiña. O home parece ter carácter e prometeu xa
revisa-las licencias prá construcción de miniencoros, como que non se van
conceder máis que, por simple negocio, conleven unha actuación
antiecolóxica. Tamén fixo a promesa de que o Parque das Illas Atlánticas vai
ser entregado á nosa autonomía ó tempo que o BNG solicita a integración no
mesmo da Illa de Tambo, pra potencia-lo cerre de Ence, o que non significa
que o partido estea pola recuperación da ría se insiste en mante-la
depuradora nos Praceres.
Citaremos tamén a promesa do conselleiro de Medio Ambiente de que faría súa
a preocupación elemental da aplicación das leis. Eso marcaría un futuro, no
que poderíamos incluir a posible declaración das rías como patrimonio da
Humanidade. Son simples palabras nas que queremos aduviñar boas intenciós.
Pero antre os primeiros pasos dos novos gobernantes hai cuestiós que non
chegamos comprender, como o feito de que a conselleira de Pesca nomee como
secretario xeral ó que xa tivo ese cargo na época de López Veiga. I eso
resulta un tanto raro. ¿Devolveralle a confianza a quen, aínda exercendo o
seu traballo con pulcritude, fora privado da mesma por López Veiga?...Pode
que haxa que limpar abondo na consellería..... En fin deixemos que paso un
tempo, que se vaian estreando os conselleiros e conselleiras, case todos
desconocidos pra min a non ser Teresa Táboas Veleiro, ecoloxista convencida,
muller moi preocupada polo que se dou en chamar feísmo urbanístico, algo que
a todos nos envolve a pouco que queiramos ver cómo se converte en aldea toda
unha cidade. |