Os Montes No Desenvolvemento Rural (por Francisco Chivite Mosquera)

 

(Charla  para as VI Xornadas de Montes e Medio Ambiente.

Mostreiro de Poio 16, 17 e 18 de Xaneiro de 2003)

Presentación.

 

 

Quizais fun moi atrevido cando aceitei o convite para facer unha exposición sobre un tema tan amplo, complexo e controvertido como é o do desenvolvemento rural e os montes. Vou abordar un asunto no que non són nin moito menos especialista, no que hai moitísima mais xente no noso entorno mais inmediato que tén coñecementos infinitamente mais completos que os meus sobre este tema. 

 

Son simplesmente un observador da realidade que en ocasións tenta racionalizar as percepcións obtidas, a veces mesmo  de xeito inconscente, ao través desa observación .

 

O convite,  forzoume estes dias a racionalizar apresuradamente parte das observacións realizadas por mín nos últimos tempos e isto vai ser o que hoxe tente transmitirlles,  sin ningunha outra intención diferente da de provocar o debate e tentar que vostedes observen o seu entorno e comigo intenten ao través do coloquio, previsto nesta sesión, de chegar a conclusións válidas para a elaboración dún diagnostico da situación e a partir dél apuntar algunha das pautas do tratamento necesario (posible) para poder avanzar nos obxectivos do desenvolvemento das nosas zonas rurais.

 

Definición do termo Desenvolvemento Rural.

 

Ao falar de desenvolvemento rural, quizais a primeira controversia a resolver é precisamente a propia definición do termo. Desenvolvemento rural é sinónimo de desenvolvemento local para un derterminado tipo de territorios.

 

O siñificado do termo desenvolvemento neste caso é claro, é sinónimo de desenrolo, e este cando se refire a comunidades humanas siñifica : Progreso ou crecemento económico, social, cultural ou político. Pode resultar mais controvertida a definición de rural, de territorio rural, recoñezo que persoalmente a utilización de termo rural,  provocoume nalgún momento unha importante desorientación ou dificultade de interpretación das miñas observacións ao comprobar que tipo de proxectos se implementaban ao abeiro do termo  “desenvolvemento rural”.   Non atopaba eu a relación que se daba entre a promoción de diversas  actividades desligadas da actividade productiva principal dun territorio rural, coa utilización precisamente do termo de desenvolvemento rural para darlle soporte a estas actuacións  de desenvolvemento económico, actuacións que non só esquecían se non que marxinaban, na posibilidade de recepción de axudas, á actividade fundamental definitoria do termo rural: a actividade agraria no mais amplo sentido;  xa que non esquezamos que “rural” siñifica “Pertencente ou relativo á vida do campo e aos seus labores”,  “apegado ás cousas lugareñas”

 

Có tempo comprendín que que o problema non estaba na miña concepción errónea do termo rural, que non o era, se non na deturpación intencionada que do mesmo fixeron e fan os deseñadores da estratexia de desenvolvemento que se está a aplicar no noso País.

 

Así pois baixo o termo “Desenvolvemento Rural” podemos englobar todas as actuacións que realizadas sobre un territorio rural permiten o seu desenrrolo económico, social, cultural e mesmo político. 

 

A falacia do desenvolvemento rural

 

Vemos entón que estamos diante dunha amplísima definición, que xa  nos vai permitir tirar unha primeira conclusión moi importante:

   Ningún plan de DR en tanto que sinónimo de desenvolvemento local, por moi completo que sexa, vai ser suficiente por si mesmo, para lograr imprimir no seu territorio unha dinámica de desenvolvemento económico estable e continuada, se a súa posta en marcha non vai acompañada doutras medidas de ambito superior que permitan superar atrancos estructurais que están na base das causas determinantes dos problemas detectados nos territorios rurais:

 

-          Ordenación do territorio e do uso das terras.

-          Dotacións de infraestructuras e servizos públicos.

-          Coordenación das actuacións locais e xerais.

-          Modificación de políticas económicas xerais.

Penso que, debemos desbotar a idea de que nos plans de DR está a panacea capaz de resolver os problemas dos territorios rurais si non hai en paralelo unha modificación do escenario xeral.

 

As distorsións e desenfoques do desenvolvemento rural.

 

Hoxe en dia, despois de mais dunha década de aplicación  das diferentes Iniciativas Comunitarias: (Leaderes,  Proderes ...), a maioría da povoación está asimilando ao termo “Desenvolvemento Rural”  aos proxectos que se executan ao abeiro destes plans, o que xa,  por si mesmo é  unha interpretación restrictiva posto que existen outras moitas accións, incluso encadradas dentro da Política Comunitaria de DR  (segundo pear da PAC) que non están incluídas  dentro destes Plans,  ademais é unha interpretación desenfocada  como consecuencia da orientación estratéxica, que en primeiro termo lle dan os deseñadores dos programas “rexionais” (no noso caso a Xunta a través de AGADER) e en segundo lugar os propios xestores  comarcais dos plans (GAL).

 

Como consecuencia desta orientación estratéxica, resultan practicamente  inexistentes proxectos que teñan algo que ver coa potenciación do desenvolvemento do sector productivo mais típico do mundo rural: o complexo agro/gandeiro/forestal, que sen embargo na miña opinión debería estar na base de calquera estratexia de desenvolvemento rural que se preciase de tal.   

 

Parece como si invocando á modernidade, e ao impulso de accións innovadoras se pensase que é posible lograr un satisfactorio nivel de benestar nuhas zonas rurais onde as actividades productivas sexan inexistentes e que toda a povoación poidera atopar ocupación nas distintas opcións que proporciona o sector dos servizos. Ate o momento foi sobre todo o sector do turismo rural o que recibiu maior impulso a trevés da aplicación destes plans, sen embargo non parecemos conscentes de que este mesmo sector terá no futuro dificultades para diferenciarse  do turismo convencional si se asenta sobre zonas rurais carentes dunha actividade productiva propia capaz de xerar eses productos diferenciais e de calidade  que este mesmo sector demanda, zonas rurais onde teñan xa desaparecido as actividades propias do rural e con elas todo un mundo de relacións , unha estructura social, un acervo cultural, unha determinado xeito de realación do home có medio natural, capáz incluso de modelar unha paisaxe diferenciada.

 

Por outra banda a definición que se tén de territorio rural na normativa europea é moi pouco concreta  “territorios de pouca extensión que no superen unha densidade de povoación maxima aproximada 120 hab/km2, e con menos de 100.000 habitantes e mais de 10.000, que conformen un conxunto homexeneo e cohesionado dende o punto de vista territorial e social”.      

Esta definición xunto có interés puramente político da Xunta, permitiu que todo o territorio galego, agás os núcleos urbanos das 7 principais cidades do País, fose declarado teritorio rural e que se aprobaran plans de DR para totalidade do territorio declarado como rural, esta circunstancia permitiu incluir territorios que realmente pouco ou nada teñen que ver coa definición tradicional de rurais; provocandose con elo unha nova distorsión na concepción do que se debe entender por desenvolvemento rural.

 

¿Podese considerar como territorio rural unha determinada zona polo simple feito de non ter un modelo de asentamento povoacional de densidade equiparable ao dún casco urbano dunha vila, mais onde a povoación residente obtén as suas rendas da actividade induistrial ou da de servizos e en absoluto depende da actividade agro/gandeira/forestal.?

 

Ademais a universalización dos Plans de DR ten un claro efecto de dilución dos recursos dispoñibeis e con elo unha merma obxectiva na eficacia.

Si a esto lle engadimos a falla de coordenación existente entre a execución das iniciativas comunitarias de DR (Plans Leaderes,  Proderes .....) coas demais políticas de DR (mesmo as contempladas dentro da PAC), a descordinación entre os axentes locais executores destes Plans (GAL) e a estructura periférica da Administración con competencias en DR (Oficina Agrarias Comarcais e Oficinas Periféricas de Medio Ambiente) é a inexistencia de medidas políticas xerais que pretendan remediar as causas de fondo dos problemas dos territorios rurais, terémos visto as claves que explicarían o presunto fracaso do Plans de DR desenvoltos en Galiza.

 

 

¿Existen en Galiza realmente territorios rurais onde se detecten problemas graves de desestructuración da sociedade que fagan recomendable a implementación de plans específicos de DR, e onde se poidan identificar ao tempo potencialidades que permitan  contrarestar os problemas detectados?.

A resposta parece obvia: Sí e moitas, mais non todo o territorio galego.

 

¿por que entón non se concentran os recursos escasos dispoñibles en actuacións que permitan recuperar esos territorios en lugar de dispersar os recursos e con elo perder gran parte das posibilidades de que estas actuacións sexan  eficaces?

 

¿Por qué non se aplican plans intensivos de DR sobre zonas nas que se dan con toda claridade os elementos definitorios dún territorio rural e se detectan necesidades  acuciantes?.

 

Eu son da opinión de que para  falar con coherencia de DR debemos ter como punto de referencia a este tipo de territorios.

 

Calquera actuación coherente que pretendan propiciar o desenvolvemento dun territorio debe ser planificada atendendo a un obxectivo fundamental como é a sustentabilidade do desenrolo no tempo. Querese dizer con isto que a posta en marcha das actuacións programadas non hipoteque as posibilidades de desenvolvemento futuras, ou dito doutro xeito , non estrague ou esgote os recursos existentes suceptibeis de ser utilizados polas xeracións futuras, ou ainda millor que permita legalos en millores condicións que coas que foi recibido pola xeración actual.

 

Así pois tendo en conta a premisa anterior, primeiro paso a dar, na posta en marcha de medidas de desenvolvemento rural, é a realización dunha análise da situación de partida;   observaránse os problemas ou debilidades que presenta  este territorio e se identificarán as fortalezas que presenta, e dicer, os recursos existentes con potencialidade para  contrarrestar as debilidades detectadas. Unha vez identificadas debilidades e fortalezas haberá que deseñar unha estratéxia para o desenvolvemento que posibilite a valorización integral de todos os recursos (Análise DAFO)

 

O monte como elemento do desenvolvemento rural.

 

Postos a identificar fortalezas, potencialidades dos territorios rurais galegos practicamente na súa totalidade nos imos a atopar cún elemento fundamental, o monte, espacio que pode cumplir diversas funcións:

 

-          Espacio onde se asentan diversas actividades productivas.

-          Espacio con importante funcións medioambientais-ecolóxicas.

-          Espacio para desenvolver diversas actividades de lecer social.

 

Non vou falar nesta exposición do monte como espacio ecolóxico nin como espacio para o lecer, voume centrar na función productiva do monte, sen deixar de recoñecer de ante mán que en relación cons estas outras duas funcións é posible promover dentro dun plan integral de desenvolvemento rural moitas actividades de interése, mesmo económico, creadoras de benestar para a povoación rural.

 

   .-O monte como espacio productivo 

Moitos autores coinciden en afirmar, que cando se fala de monte en Galiza débese evitar asimilar a este concepto exclusivamente o de espacio de aptitude forestal, xa que tradicionalmente non foi esta en absoluto a súa única orientación productiva, nin siquera en moitos casos a principal, e non debe ser no futuro, a única, nin en moitos casos siquera a principal actividade productiva que se desenvolva sobre estas superficies.

 

As terras a monte en Galiza ocupan perto do 60% de todo o territorio do País (aproximadamente 1.900.000 has.) dos que algo menos da metade  son  Montes Comunais en Mán Común (aproximadamente 800.000 has).

 

Da superficie do territorio galego actualmente catalogada  como monte, unha parte moi importante (calcúlase que mais de 500.000 Has) é superficie apta para pastos ou incluso para outros cultivos.

 

Históricamente as superfícies de monte comunal en man común non arborado cumpliron en  Galiza, o mesmo que noutras rexións atlanticas europeas, unha función camplementaria fundamental nún sistema agrario mixto de Policultivo / Gandería.

 

Estas terras a monte serviron como:

 

1/ Aporte de nutrintes para terras cultivadas mediante o corte períodico do mato e a súa aplicación á terra de cultivo.

 

2/ Base dunha gandería extensiva que aproveitaba o crecemento expontaneo de forraxes.

 

3/ Base para a implantación de cultivos cerealistas rotacionais ou outros.

 

Mentras noutras rexións europeas,  esta situación histórica foise primeiro consolidando e logo, coa chegada de novas técnicas agrícolas (nomeadamente novas técnicas de fertilización das terras), foronse transformando estos espacios, en base directa para a producción agraria ou gandeira, en Galiza,  motivado a unha serie de circunstancias, impediuse esta evolución, que en europa propiciou o incremento das superficies agrarias úteis das explotacións garantído así a viabilidade económica da actividade agro/gandeira (imaxe das amplas pradeiras irlandesas).

 

Así mentras no conxunto dos paises europeos, a superficie agraria útil ronda actualmente o 60% e detectase un importante incremento na segunda metade do século 20, eiquí sofrimos un estancamento, cando non a reducción deste parámetro que escasmente  chega hoxe ao 30% da superficie galega, o que trae como inmediata consecuencia a inviabilidade de moitas explotacións por carecer de superficie suficiente.

 Este é un dos factores determinantes para explicar a situación crítica do sistema agrario galego de fins do século XX.

 

Certamente, esta situación ainda está hoxe a provocar o abandono da actividade de moitos productores, que deixan novas parcelas de superficie agraria útil abandonada, pero que tampouco están a servir para incrementar a base territorial das explotacións que permanecen activas, xa que non se están a implementar medidas que favorezan a incorporación destas terras a outras explotacións que necesitan acuciantemente ser redimensionadas para poder ser viables.

 

Mais isto é outra guerra que transcende o tema que hoxe queremos abordar, ainda que sí o quixen tocar, por ser en parte consecuencia dunhas circunstancias que impediron que o monte en Galiza, xogase o seu papel natural na evolución do complexo económico agro/gandeiro/forestal. ¿Cales foron esas circunstancias?

 

Fundamentalmente, as dificultades coas que se atopou históricamente o recoñecemento xurídico dún xeito peculiar de propiedade ou mesmo as dificultades para o recoñecemento da existencia dunhas comunidades parroquias propietarias dos Montes Veciñais en Man Común .

 

Esto levou a que a finais do século XIX estes montes comunais pasasen a depender dos concellos (figura administrativa creada nese mesmo século e extraña á identidade galega). No período franquista, sobre todo entre os anos 1945 e 1965 cando gran parte da povoación do País tiña unha importante dependencia da actividade gandeira o estado impulsou unha frenética actuación de repovoación forestal que expulsou traumáticamente aos veciños da súa propiedade, impedindo a utilización gandeira dos montes, e con elo a evolución do sistema agro/gandeiro en amplas zonas do País, sumindo a agricultura tradicional nunha fonda críse nunca superada.

 

 Coñecer esta evolución truncada, sirveme  para xustificar históricamente algo que considero fundamental na hora de asignarlle o papel que o monte debe xogar nun plan coherente de desenvolvemento dun territorio rural. O monte non pode entenderse como elemento económico en toda a súa plenitude se non o consideramos como parte integrante do complexo agro/gandeiro/forestal.

 

Medidas concretas necesarias para implicar ás terras de monte nunha actuación integral de desenvolvemento dos territorios rurais.

 

A primeira cuestión que considero imprescindible, sería promover a realización de plans integrais de ordenación dos montes inseridos  en plans comarcais de ordenación de usos das terras.

 

Os plans de ordenación propios dos montes debense realizar có criterio de compatibilizar todos os usos para os que són aptos:

 

Forestal.

Gandeiro.

Cogumelos.

Froitos silvestres.

Apicultura.

Diversos cultivos:

   -Vide.

   -Cereais.

   -Plantas medicináis.

   -Froitos silvestres.

   -Cogumelos

.........

A potenciación dunha ou doutra actividade  terá que ver en primeiro lugar coas propias potencialidades do monte en concreto, despois coa existencia de demanda nos mercados para cada unha das produccións, e da existencia de habitantes no territorio de actuación que tradicionalmente estean a utilizar o monte con unha ou outra finalidade ou teñan disposición para ser axentes deste tipo de iniciativas .  Aquí é onde poden entrar de pleno con toda a súa eficacia os fondos económicos dos diversos Plans de DR, promovendo a adopcióin de técnicas innovadoras da producción, potenciando a calidade das produccións, facilitando a penetración nos mercados, propiciando a formación dos habitantes... etc

 

 

A movilización productiva das terras de monte que permita o desenvolvemento de todas as potencialidades que o monte agocha vai traer como consecuencia inmediata a modificación da actitude absentista que actualmente manifesta unha gran parte da povoación rural con respecto ao monte.

 De conseguir este cambio, tanto na utilización das terras de monte, como na aptitude da povoación con respecto a él teríase dado un paso fundamental para combater  con eficacia a praga dos lumes que ven asolando dende hai mais de 30 anos esta superficies, esta consecuencia só por si mesma sería a plasmación do éxito mais rotundo de calquera Plan de DR integrador do monte que se desenvolvera en Galiza.

 

¿ Como poren marcha as medidas necesarias para a consecución deste obxectivo?

 

Pois bén, salvando as dificultades que implica un escenario adverso de política económica xeral como a actual, que dificulta o aproveitamento das potencialidades económicas do País, supoñendo que xa contáramos con Plans Comarcais de Ordenación de Uso das Terras, con medidas válidas de mobilidade das terras productivas (banco de terras...), cunha auténtica política de de desenvolvemento económico xeral acaída para o País, cún verdadeiro Plan de Comarcalización baseado en criterios mais racionais, cunha estructura da Administración Pública coordenada e posta ao servizo do desenvolvemento das potencialidades endóxenas; 

pois ben, nesas circunstancias hai que recoñecer a validez e utilidade do modelo proposto pola Comisión Europea (na Comunicación do 14 de abril de 2000 na que comuníca aos Estados Membros a posta en marcha da Iniciativa Comunitaria Leader +). Neste modelo o diagnostico de situación faise dentro dos GAL dún xeito participado por todos os axentes económicos e sociais con actuación no territorio rural onde se vai actuar, son  os GAL os que identifican as debilidades e fortalezas e definen as medidas de actuación a executar. Na situación actual estes grupos non manteñen ningunha relación coa estructura periférica da administración con competencias en DR, creo que esto dificulta o éxito das actuacións, e que nunha situación ideal é imprescindible a colaboración e coordenación, asumindo estes servizos (que debería tamén contar con outra estructura e orientación de traballo) funcións de formación, de animación e de promoción de proxectos entre os grupos sociais potencialmente beneficiarios dos mesmos.

 

Creo que non é o momento de baixarme a concreción de proxectos que poderían pór en valor as distintas potencialidades dos montes, concluio a miña exposición agardando que no colóquio poidamos contrastar opinións.