FISCALIDADE no IMPOSTO de SOCIEDADE das COMUNIDADES de MONTES (21.04.2004)

 

Dende a súa tramitación ó longo do 1.999 as Comunidades de Montes de Galiza, especialmente a súa representante a Organización Galega de CMVMC, veñen loitando sen trégola por obter un réxime de fiscalidade e contabilidade axeitado ás súas características. Esta loita ten sido en soedade dentro do mundo forestal, comprobalas hemerotecas probaría dabondo ese aserto e, tamén, a actitude dos pesebreiros (traduzo: os que se venden porque precisan as migallas da Administración para vivir e sin elas non serían quen). Moitos dises, a máis da propia Administración, chegaron a dicir que coa súa fiscalidade as Comunidades acordarían e se potenciarían, ... descubriron a polvora: chegaría unha boa fiscalidade para potenciar sectores baixo mínimos.

 

Aínda que na nosa terra, no mundo dos montes, segue a dominar o “tinglado”: trituradeiros e pasteiros (especialmente ENCE), coa mamporreira Administración da Xunta de Galicia e a súa corte ou cortello dos migallentos, no Estado comeza a se ollar un xeito diferente de velas cousas. Hai forzas políticas que nestes anos de pedra apoiaron as nosas arelas de xustiza e foron quen de apresentar iniciativas no Senado e máis nas Cortes Xerais. Semella xusto matinar que ese apoio pode, agora, se traducir na caída da Lei.

 

A Xunta Rectora da Organización Galega de CMVMC, na súa xuntanza do 17 de Abril, debatiu encol de cómo traballar para artellar unha saída antes do remate deste ano. Por un dos xunteiros, David Díaz Losada, expúxose os contactos co senador do PsdeG-PSOE, Lago Lage, para acadar coa máxima urxencia unhas xuntanzas nos Ministerios de Economía e Medio Ambiente. Despois do debate aprobouse se por en comunicación cos grupos parlamentarios das Cortes Xerais para abolir a Lei actual e chegar a unha nova arranchada a realidade das CMVMC.

 

Partindo de non ser especialistas en facer Leises mais si coñecedores de realidade das CMVMC suliñaríamos os siguentes riscos:

-tributación no réxime do IRPF dos comuneiros que reciban beneficios económicos dos rendimentos dos montes. Na actualidade moitas CMVMC non reparten beneficios senón que os invirten no propio monte ou en obras sociais. As Comunidades que reparten beneficios soen ser as das bisbarras máis deprimidas de Galiza, as que estan a se despoboar, ... o sistema actual dilles: non só non vou facer cousa por diñificala vosa vida senón que vou a apañar o 25% do voso sen posibilidade de recuperación posterior.

-contabilidade axeitada á realidade das CMVMC; o sistema actual de levar a Contabilidade co Plan Xeral é semellante a usar un microscope para contar as vacas nunha agra.

-sistema de inspección serio do cumplimento das obrigas que sinale a nova Lei.

-valoración dos beneficios altruistas das CMVMC no sostemento do medio ambiente, uso social dos montes e obras sociais.

-valoración do traballo dos xunteiros e comuneiros; co sistema actual, o noso traballo, non remunerado máis con valor, é para a Facenda nun 25%.

 

Remate: Hai, pois, esperanza de que neste ano, en contra da nefasta política forestal da Xunta de Galicia (enganos (incendios ou crecemento da superficie arborada), favorecemento das tramas clientelares e caciquís ( incluindo o tema da certificación forestal), autobombo, política da madeira-basura e eucaliteira, ineficacia para ó xeral nonsí para o benefizo espúreo do PP, ...), o rexime fiscal do Partido Popular pase a mellor vida, ... como noutras cousas que estan a acontecer nestes días no Estado Central.

Como a vida das Comunidades ten que ver con outros departamentos distintos de Medio Ambiente e o que hai niste reflicte o que acontece nos demáis, teño a esperanza que o próximo ano aconteza o mesmo que no Estado e os charmants fillos do camaleón Fraga gocen dun longo descanso. E máis nada.