20/03/01

Celso Milleiro Fariñas
mailto:cmilleiro@terra.es

Pregunta: ¿por qué despois de que moitos concellos de galicia e a deputación de Pontevedra teñen pedido o troco da Lei que mete as Comunidades de Montes no Imposto de Sociedades ainda non se teñe feito nada?

Repuesta: Non é certo que non se fixese nada ó respecto, pois déuselles cumprida información das vantaxes fiscais que conleva a inclusión das Comunidades Veciñais en Man Común no réxime especial do Imposto sobre Sociedades. En efecto, a Xunta de Galicia entende que o novo sistema de tributación favorece ás Comunidades de Montes moito máis que o sistema vixente ata a data e recoñece claramente o seu carácter social. A regulación fiscal dos Montes Veciñais en Man Común pasou por diversas vicisitudes en relación con este imposto. Con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1996, tributaban polo Imposto de Sociedades, a partir desa data e con entrada en vigor da nova Lei dese Imposto, excluíuselle do mesmo e os que tributaban eran os comuneiros na súa declaración do IRPF polos rendementos obtidos pola Comunidade que debían ser "atribuídos” a estes. É dicir, os Comuneiros tiñan que incluír na súa declaración as rendas obtidas pola Comunidade, a pesares de que eles directamente non percibisen tales rendas, incluso aínda que non fosen distribuídas pola Comunidade. Ademais, tiñan que facer fronte ás obrigas que esto daba lugar, en especial efectua-los pagos fraccionados trimestrais. Por outro lado, a Comunidade tiña que informar a cada comuneiro do redemento que lle correspondía. Isto presentaba enormes inconvenientes ás Comunidades, pénsese que os comuneiros son os veciños con casa aberta e residencia habitual na poboación á que está adscrito o monte e á propia Administración Tributaria encargada de asistir e comprobar a estes comuneiros. Ante tal situación, ó longo de 1998 celebráronse diversas reunións onde estivesen representados os distintos órganos da Administración (Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Tributos, Axencia Tributaria) e representantes das Comunidades veciñais afectadas, o que cristalizou na modificación da Lei do Imposto sobre Sociedades con efectos do 1 de xaneiro de 1999. Así na nova situación, estas Comunidades volven a tributar polo Imposto sobre Sociedades, vólvese á situación inicial, pero ademais dedicase expresamente un artígo da Lei (o 135 bis) para recoller un rexime fiscal especial para as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común máis beneficios que o regulado con carácter xeral na propia Lei, basado na exención de tributación dos beneficios non distribuídos ós partícipes da Comunidade e na aplicación dun tipo de gravame reducido. A obrigación que a Lei do Imposto sobre Sociedades establece para as persoas xurídicas de presentar declaración en todo caso, aínda que a cola a pagar sexa cero, queda restrinxida para as CMVMC para aqueles períodos en que se obteña algún tipo de ingresos, incurran en gastos ou realicen investimentos no monte veciñal ou financien obras de Estructura e servicios públicos de interese social. Polo tanto, se a Comunidade no exercicio non tivo actividade, no sentido de non obter ingresos, gastos ou realizar investimentos, non ten porque presenta-la declaración polo Imposto sobre Sociedades. 0 apartado 1 do artigo 135 da LIS establece que a base impoñible das comunidades de montes veciñais en man común reducirase polos investimentos que material e efectivamente se realicen con destino á conservación, mellora, protección, acceso e servicios destinados ó uso social ó que o monte estea destinado, así como pola financiación de obras de infraestructura e servicios públicos de interese social. Neste caso, terán a consideración de obras de interese social todas aquelas actuacións que beneficien á colectividade no seu conxunto e non a determinados individuos. Dos destinos sinalados (festas patronais, obras en igrexas e cemiterios, equipamentos de locais sociais, educativos e deportivos, fontes canalizacións de augas, arranxo e asfaltado de caminos, instalacións de iluminación pública, sumidoiros) todos poderán te-la consideración de interese social. En conclusión, grande parte da campaña de descrédito que se está facendo sobre a fiscalidade que artella este texto legal carece de fundamento, pois, as súas disposicións lonxe de seren lesivas para os propietarios dos montes son enormemente favorables. Ben entendido que poden existir certos matices susceptibles de mellora nun futuro.