Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

Travesa de Basquiños 9 Baixo, 15704 Santiago de Compostela

Correo electrónico: adega@adega.info

Páxina electrónica: www.adega.info

Tfno/Fax: 981.570099 

 

ADEGA RETIRA O SEU APOIO Á CERTIFICACIÓN FSC

POLAS MALAS PRÁCTICAS DE NORFOR

 

 20 de maio de 2008. Esta decisión ven motivada pola continuidade da certificación forestal a NORFOR. A certificación forestal FSC (Forest Stewardship Council) non terá o apoio de ADEGA, cando menos até que mude a súa posición acerca do certificado obtido por NORFOR (Norte Forestal SA), a filial madeireira de ENCE. Este certificado, que en teoría está para garantir unha xestión sustentábel do monte, serve na práctica para avalar os malos usos da empresa filial de ENCE para a producción forestal.

Estas malas prácticas levaron a varios grupos ecoloxistas galegos a efectuar un proceso de reclamación para que fora revogado o selo FSC. Diversos problemas de xestión por parte da complexa burocracia do FSC fan que na práctica, esta NORFOR siga dispoñendo hoxe dun certificado que avala a política forestal depredadora do medio ambiente que practica esta empresa.

  O selo de certificación FSC que ostenta NORFOR foi conseguido logo dun sospeitosamente breve proceso de 6 meses de duración, e afecta a varios centos de parcelas espalladas por todo o país. No entanto, grupos ecoloxistas como ADEGA e a APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra) constatamos o uso indiscriminado de herbicidas como o glifosato, práticas de subsolado profundo das parcelas co conseguinte incremento da erosión, talas a matarrasa de bloques de máis de 20 Ha, e a nula promoción do uso de especies autóctonas nas súas plantacións.

  Varios grupos ecoloxistas galegos, incluindo ADEGA, temos denunciado reiteradamente as malas prácticas de NORFOR e solicitado a retirada do certificado FSC desta empresa. Despois de máis de dous anos nos que se fixeron varias auditorías por parte da empresa SGS, non se produciu ningún avanzo e mesmo houbo varias reclamacións contra a certificadora SGS pola á falta de cumprimento das garantías necesarias para realizar o seu traballo e mesmo escoitar aos denunciantes.

  Por todo isto, ADEGA decidíu retirar o seu apoio a FSC. ADEGA tampouco apoia á Certificación Forestal Paneuropea xa que non contempla os mínimos requisitos para garantir unha xestión forestal sustentable. Nestes momentos ADEGA contempla a posibilidade de promover unha marca galega de certificación forestal sustentábel que garanta certos requisitos ambientais e permita a produtores e consumidores/as e coñecer que a madeira presente en determinados produtos tivo unha xestión respectuosa co ambiente.