Departamento de Producción Forestal. CINAM, Lourizán.

Rede de Ensaios e Infraestructuras do Plan de Mellora Xenética Forestal

Poñente:

Pablo Xesteira González

Enxeñeiro Técnico Forestal

Resumen:

No Centro de Investigacións forestais e ambientais de Lourizán, levanse xa máis de 50 anos

desenvolvendo proxectos de mellora xenética forestal. En todo este tempo fíxose acopio de gran

cantidade de material vexetal de interese, conquerindo máis de 35 coleccións de 28 especies

diferentes en bancos de xermoplasma, bancos clonais e hortos sementeiros. Son coleccións de

material vexetal con interese para a mellora xenética, a súa utilización como material forestal de

reproducción e nalgúns casos para a conservación da variabilidade, iniciándose con eles os ciclos de

mellora, a través da rede de parcelas experimentais.

Isto traducíase ata o ano 2001, nunhas 160 parcelas de 22 especies forestais, totalizando unha

superficie de máis de 200 Ha., distribuídas por toda a xeografía galega e incluso do norte español. O

principal obxectivo é avalíar a superioridade do material seleccionado fenotípicamente, contendo

estas parcelas na meirande parte dos casos ensaios de procedencia, de proxenie e clonais.

Pero por outra banda esta rede de fincas tan dispersas supón un gran esforzo, tanto a nivel

operativo (toma de datos, mostraxes, etc...) coma de conservación (tratamentos silvícolas,

fitopatolóxicos, defensa contra incendios forestais, contra danos de fauna cinexética e gando

mostrenco, etc...), polo que o seu mantemento nun estado óptimo de conservación desta rede, supón

actualmente unha gran dificultade.

Foi pola anterior situación de espallamento das fincas, entre outros motivos, polo que xurde nese

ano 2001 o “Plan de Mellora Xenética Forestal para Galicia 2001-2006”, (código de proxecto

2001.15051), cofinanciado con fondos FEOGA. Este plan tiña entre os seus obxectivos conveniar

superficies suficientemente extensas, como para poder concentrar varios ensaios nun número

limitado de localizacións, posibilitando así optimizar esforzos e recursos.

Os obxectivos do Plan de Mellora Xenética Forestal para Galicia foron: a mellora das

infraestructuras, as actividades de mellora e selección, a transferencia de material vexetal e a

difusión de resultados.

Por todo o anterior é polo que neste ano 2007 é xusto facer balance e revisar o grao de

cumprimento dos obxectivos deste Plan de Mellora Xenética, comezando pola mellora nas

infraestructuras.

Deste xeito na charla que se ofrecerá o venres, 8 de xuño dentro do ciclo “Venres Ambientais”

farase un repaso dos logros acadados na mellora das infraestructuras dependentes do Dpto. de

Producción Forestal do CINAM, que se resumen en:

1. Melloras en viveiros e instalacións de mellora xenética forestal do CIA Lourizán:

Construcción dun invernadoiro de investigación de 600 m2 de cristal.

Restauración dos antigos viveiros.

Instalacións para o abastecemento de auga dos viveiros.

Peche perimetral da parcela de viveiros.

Construcción dun laboratorio de apoio os invernadoiros.

Adquisición de equipos para os laboratorios de cultivo “in vitro” e de

marcadores xenéticos.

2. Fincas experimentais:

Como se espuxo anteriormente os ensaios en campo son o principal dispositivo

experimental en calquera programa de mellora xenética forestal.

Dende o Dpto. de Producción Forestal entendíanse que os ensaios xenéticos e as

coleccións de clons deberían emprazarse en terreos de titularidade pública, pero no caso de

instalárense en terras de propiedade privada (particulares ou montes veciñais en man

común), debía facerse mediante un contrato que garantise o seu mantemento a longo prazo.

Para rematar coa dispersión das fincas existente ata ese momento, era prioritario que as

actividades se concentrasen en poucas fincas para facilitar tanto as labores de instalación e

conservación, como as de medición e recabación de datos.

Definíanse deste xeito estas fincas experimentais como lugares de demostración do

comportamento das variedades e do manexo das plantacións, pretendendo ser importantes

puntos de enlace da investigación aplicada á silvicultura practicado tanto polo

Administración como as empresas e silvicultores en xeral.

Na data actual están subscritos catro convenios de colaboración con diferentes

Comunidades de Montes Veciñais en Galicia, a saber:

C.M.V.M.C. de Rebordelo (Cotobade) con 14,5 hectáreas conveniadas e 10 ensaios

instalados de Castanea sativa, Castanea híbrido, Juglans regia, Pinus pinaster, Pinus

radiata e Prunus avium.

C.M.V.M.C. de Forgoselo (A Capela) con 10 hectáreas conveniadas e 2 ensaios

instalados de Pinus pinaster e Pinus radiata.

C.M.V.M.C. de Asados (Rianxo) con 15,75 hectáreas conveniadas e 4 ensaios

instalados de Castanea híbrido, Pinus pinaster e Pinus radiata.

C.M.V.M.C. de Pazos e Biduedo (Cea) con 7,5 hectáreas conveniadas e 3 ensaios

instalados de Castanea sativa, Castanea híbrido, e Pinus pinaster.

Outros logros conqueridos dentro do Plan de Mellora Xenética, pero no obxectivo da

transferencia de material vexetal foron os seguintes:

Establecemento dun Convenio de colaboración coa Asociación de Viveiros Forestais de Galicia

para a mellora da producción das variedades tradicionais de castaña, asinado con data do 8 de

xullo de 2003.

Asimesmo tamén foi froito da labor realizado neste eido a publicación da Orde do 2 de agosto de

2004 pola que se regula a transferencia de material vexetal de reproducción do Centro de

Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán aos viveiros forestais interesados para a

instalación de bancos clonais ou hortos sementeiros. Publicada no DOG Nº 164 do 18/08/04.

E máis recentemente, foi publicada a Orde do 16 de abril de 2007, no DOG Nº 77 do 20/04/07.

Nesta orde incluíronse varios hortos sementeiros instalados con material forestal tanto da categoría

controlada como cualificada, ademáis dunha relación de clons de castiñeiro seleccionados.

Na seguinte táboa está un resumen do material forestal aprobado por dita orde.