FARO DE VIGO. Edición Digital DOMINGO 05 NOVIEMBRE 2006 
Edición digital n. 2803
CAMPO DE GRANADA
Tempo de castañas
O tempo de Samaín, o que vai entre a festa das caliveiras e o veraniño de San Martiño, é o tempo de castañas. | MANUEL BRAGADO

O tempo de Samaín, o que vai entre a festa das caliveiras e o veraniño de San Martiño, é o tempo de castañas. Durante estes días outonizos os magostos tinguen de marrón a terra nosa e a carón do lume rendemos culto o froito do castiñeiro, a árbore máis representativa (xunto co carballo) da paisaxe tradicional de Galicia. O ritual desta merenda popular ao aire libre, seguramente de orixe celta coma a festa do Samaín, aconsella, ademais de papar nas castañas asadas e beber o viño novo con certa desmesura, exaltar o lume e brincar coa borralla para enfrontar con maior fortuna as dificultades do inverno que se achega. Mais tamén nestas datas é cando aparece a evocadora fumareda das lomotoras das castañeiras da nosa infancia que ofrecen nos seus cucuruchos estes galanos ben torrados para capricho dos máis larpeiros.
Pan dos pobres para Afonso X O Sabio, que o cita con pouco aprezo na súa cantiga 386; o froito do castiñeiro ("Castanea sativa") foi dende a chegada dos romanos e durante a Idade Media o alimento básico dos nosos devanceiros ata que, co descubrimento de América, foi substituído polo millo e, sobre todo, polas patacas (as chamadas castañolas, castañas mariñas ou castañas de terra). Os castiñeiros, co seu porte maxestoso e os seus troncos robustos e gretados, son as nosas árbores de memoria. A pesar da decadencia desta árbores nas últimas centurias, por mor do mal da tinta e das mudanzas nos hábitos alimenticios, no interior de Galicia (especialmente nas montañas orientais) consérvanse aínda importantes soutos mansos. Así o testemuñan as pezas centenarias do Souto de Quiroga, coñecido como a fraga de Catasós, preto de Lalín, onde se atopan castiñeiros de máis de trinta metros de altura, considerados os máis altos de Europa e declarados pola Xunta de Galicia en 2000 como "monumento natural"; outrosí sucede co milenario castiñeiro de Pombariñas (catorce metros de perímetro), situado na aldea de Rozavales, no concello de Manzaneda, considerado unha das árbores máis vellas da península ou coas pezas, tamén centenarias, existentes en varios concellos de Valdeorras, do Courel ou no parque do Castelo de Soutomaior, restos dos soutos que lle deron nome a este concello pontevedrés. Exemplos todos das fortes pegadas que na toponimia e antroponimia galegas deitaron estes monumentos vexetais.
Alén do seu valor ecolóxico e importancia na nosa paisaxe agroforestal (os soutos constitúen barreiras eficaces contra os incendios e permiten o aproveitamento micolóxico e mesmo gandeiro), o da castaña constitúe un sector con grandes posibilidades de contribuír á recuperación do noso maltreito medio rural. O cultivo da castaña ocupa en Galicia 30.000 Ha e supón o cincuenta por cento da produción española (case seis mil toneladas), sendo a nosa castaña moi apreciada, tanto no mercado interior como no incipiente da exportación aos países do Norte, os seus grandes consumidores. Contribúen a actual revalorización desta froita de sabor doce, de textura firme non fariñenta, o recoñecemento das súas capacidades nutritivas (son ricas en glúcidos e en pequenas cantidades de proteínas, vitaminas e sales minerais) e das súas propiedades tónico musculares, reconstituíntes e mesmo diuréticas. As castañas, ademais de saborosas e larpeiras, forman parte, agora, dunha dieta saudable dos produtos de tempada.
Nese novo contexto apareceu recentemente a solicitude da Indicación Xeográfica Protexida para a "Castaña de Galicia", promovida polos seus máis importantes produtores e transformadores das provincias de Ourense e Lugo. De conseguir este recoñecemento por parte da Unión Europea, a castaña sería o primeiro froito galego con esta indicación de calidade, podendo asegurar a súa trazabilidade, o proceso que proporciona ao consumidor información do produto ao longo de toda a cadea alimentaria. A etiqueta "Castaña de Galicia" ampararía tanto a castaña natural, a seca, a conxelada como a fariña de castañas, así como os seus produtos transformados (puré de castañas, crema de castañas, castañas en xarope, castañas en alcohol, marrón glacé ou o bombón de marrón glacé...), sempre que os produtores e transformadores se sometan as verificacións e normas establecidas pola IXP. En definitiva, preténdese que as nosas castañas teñan denominación de orixe para asegurar a súa calidade, protexer as súas características particulares e a súa presenza nos mercados europeos.
Neste tempo de castañas non está de máis que, ademais de gozar das venturas e alegrías dos magostos, fagamos un exercicio de autoestima e valoremos o esforzo dos compoñentes dun sector empresarial que pretende atopar un novo vieiro de prosperidade para o noso medio rural. Un xeito exemplar de facer país. Beizóns para eles.