A REVOLUCIÓN PRIÓNICA
Por
Xesús López Fernández
Éste
vaise e aquel vaise, e todos, todos, se van, Galicia, sen homes quedas, decía
Rosalía nun dos seus moitos retratos da nosa emigración, causa daquela
sociedade na que eran nota característica e dolorosa as viudas de vivos e
mortos, os campos de soedade, e Curros urxiría o retorno dos emigrantes no
recado que pra eles manda por Mariquiña, Dilles que sin eles non queren
pinta-las viñas, rega-los regos....., Dilles que súas obrigas eiquí os
esperan e se onde elas non morren que se condenan, e moitas veces, cando don
Manuel tenta promove-lo retorno dos fillos e netos de emigrantes, véñenme á
memoria eses e outros poemas, ou a realidade por min conocida de tantísimo
emigrante como teño tratado
persoalmente, emigrantes de ida e volta en moitos casos, ou viudas que endexamáis
souperon do home marchado por outra cousa que polas cartas e cheques en dólares
que cada un tempo recibían.
A
perda de poboación do rural foi mesmo potenciada na época dos plans de
desenvolvemento, pois contábase coas súas remesas a modo de financiación
que pouco reverteu na nosa terra.
A entrada na Unión Europea veu impoñer máis éxodo rural, a desaparición
incluso de aldeas. Na Galicia interior resistiron en condicións duras,
orientada a súa actividade cara ó gando de estabulación fixa, cara á
fabricación de leite, condicionados permanentemente por límites na cantidade
a producir ou por multas, tendo que competir co leite subvencionado que chega
de outros países e que, ás veces, tense vendido baixo marca galega. Nun
traballo pasado, De vacas tolas e globalización, fixemos
unha primeira alusión ó escándalo que estamos a vivir, a esa maldición que
parece recorre Europa como consecuencia do uso das fariñas cárnicas na
mantenza do vacuno, que foi sempre herbívoro. Os prións parecen estar máis
presentes do que en principio se dixo, como se foran omnipresentes e van
forzar unha revolución, un cambio profundo e longo da cousa agraria.
Agardamos.
Como
sexa entramos nun tempo de espera tensa, porque han
seguir aparecendo vacas tolas e terá
de transcurrir tempo pra acadar unha desinfección total da nosa cabana, mesmo
no control das fariñas de uso en outras especies. Cada día chegan novos
datos: que si a Unión Europea admite que os cordeiros poden desenvolve-lo
mal, que si a Xunta declara que os veterinarios recibiron pouca formación
antes da primeira vaca tola, que
si España opúxose durante catro anos en Bruselas ó plan en contra das vacas
tolas, que se non hai capacidade pra incinera-las reses mortas e o material de
risco, que en Elche din estaren desfornecidos, carentes de suministro de pel, que
van autorizar enterramentos nas propias explotacións, etc. Estáse a
radicalizar co tema da incineración, pra moitos a panacea, xusto no momento
no que clausuran unha incineradora de Valdemingómez por emisión de quince
veces a cifra máxima de dioxinas e furanos, productos presentes en carnes e
leites de orixe francesa, cuestión
denunciada vai facer dous anos.
Falouse
días atrás da posibilidade de retornar a unha política agroambiental certa.
Reconocíase que en Galicia existen oitocentas mil hectáreas, posible soporte
dunha gandería extensiva. Aínda no tema das fariñas sería fácil, según
Lidia Senra, recuperar moito barbeito,
terra poula, prá sementeira de especies oleaxinosas, sen así dependermos das
fariñas americás de soxa transxénica, outra das rodas con que xoga o
capital transnacional. A
sindicalista incideu tamén no tema de tantísimo monte absurdamente repoboado,
apto pró soporte da avenza ou do gando mostrenco si se quer. Faría falta
xente. Habería que planificar intelixentemente, porque moitos decendentes de
galegos que quixeran vir prá terra dos seus ancestros, xentes nacidas na
Arxentina, Brasil, Venezuela e Cuba terían de se adaptar a un traballo se
cadra novo pra eles. Pero quén sabe, o recado de Curros pode seguir vivo na
memoria transmitida. Os prións poden potenciar ese retorno ó pasado. A ver
qué fai a Xunta.