Pensar
na Terra,
Por
Xesús López Fernández
O
21 de marzo foi o Día da Árbore, ó
que parece que cada ano se lle ven prestando máis atención, sobre todo nos
entornos escolares. Os rapaces e rapazas dos colexios son invitados a
participaren na configuración, ás veces,
de pequenos boscos persoalizados. Nese caso danlle a cada un unha árbore
determinada que pode incluso leva-lo seu nome: carballos, bídalos, castiñeiros,
acebos, nogueiras, píceas, freixos, arces, piñeiros, etc.. E os pequenos, ó
longo do seus anos de escola, han leva-lo control de cómo o seu exemplar vai
medrar, anchear, etc. Certamente, é unha forma de educar, de que os nenos leven
dende a base unha formación que lles pode ser útil de por vida. A consellería de
Medio Ambiente parece que tomou o Día con certa seriedade, coa distribución,
nalgún caso, de miles de frondosas autóctonas que foron ou van ser prantadas ó
longo de diversos distritos forestados. Pero aínda que as noticias se centran,
en especial, en relación cos nenos escolarizados, no segmento dos montes en
mancomún algo se está a mover, quedamente...
O pasado 22, o Día da Auga, un grupo de
xentes, coas que falei, andaban a recolleren asignaturas prá promoción dunha Lei
de Iniciativa Popular que poña a salvo os nosos ríos. Ese mesmo día douse a
conocer que a consellería de Medio Ambiente prohibía a construcción dun encoro,
na provincia da Coruña, prá salvación dun cadoiro ou fervenza e mái-la súa
vexetación. Unha noticia simple e grata. Pero son excéptico ante a posible
aprobación da Lei de Iniciativa Popular, como tamén no 1989 fora desbotada a
aprobación doutro proiecto desas características, unha Lei Forestal de
Iniciativa Popular, que coido estaba apoiada por máis de 30.000 asignaturas.
Durante a conversa que mantivemos falamos máis da cousa forestal, de cómo na
comunidade de montes en mancomún de Pazos, Pontecaldelas, estarían dispostos a
cederlle ós nenos da escola unha superficie de dúas hectáreas e a reconverte-la
súa masa boscosa, hoxe un monocultivo apestado. Pero o proiecto de futuro desas
xentes parece ben encamiñado: monte prá producción e monte pra bosco diverso e
con color na outonada, con paxaros... Eu diría que eso é pensar na
sustentabilidade da Terra.
Como
de sustentabilidade vai tratar tamén a Semá de Filosofía da Aula Castelao, que
este ano se vai celebrar no Teatro Principal de Pontevedra e que vai trata-los
diversos aspectos que a situación actual da nosa ría conleva. Aspectos como o de
mantela viva ou ben construir unha conurbación ó redor dunha especie de gran
lagoa contaminada no centro, van ser tratados. Pregúntome se a miña ponencia de
hai uns 15 anos pode estar aínda vixente. Habería que retocala quizabes, porque
os recheos da irracionalidade portuaria de Marín non eran significativos
daquela. Pero aí teñen tema tamén os da Semá de Filosofía, porque unha das
maiores atrocidades que se poden facer coas nosas rías, tan ricas e productivas,
é o que se está a facer ó xerar
chan industrial a base de acabar co mar, como se en Galicia non existiran sitios
e sitios..E podería citar aquí o nome dun enxeñeiro xefe do Porto de Pontevedra,
que opinaba que Bueu era lugar máis adecuado prá construcción dun gran
porto.
Non
quero rematar sen facer alusión ó feito de que a illa de Tambo podería quedar
integrada no colectivo dos montes en mancomún de Combarro, que ó parecer ten
títulos que acreditan a súa pertenza xa no século XIX. E négome a creer que esa
illa non chegue a formar parte do parque das Illas Atlánticas, como a zona de
Lourizán. Os comuneiros poden ter arestora algunha idea pra cambia-la
resforestación de Tambo e converte-la illa nunha especie de aula da natureza, co
apoio próximo do Centro de Lourizán. Eso pode ser tamén outra forma de
pensar na Terra, como a de
debati-lo traslado de Ence, posible. Fracasado o efecto “tsunami” da
manifestación montada pola empresa e os seus gregarios, notariado ese fracaso,
mellor pensemos na Terra e na súa salvación. E hai que tomar decisiós serias.