Sígnos de esperanza,

por Xesús López Fernández

            A pasada semá sucedéronse tres celebraciós en relación co medio ambiente, coa vixía que o home debe manter sobre a saúde de Gaia e fixar dese xeito novas pautas de comportamento pra ver se aínda é posible un certo retorno. Foron esas datas o 21.3, Día Forestal Mundial; o 22.3,  Día da Auga e o 23.3, o da Meteoroloxía. Por aquelo de ?pensar globalmente, actuar localmente?, tivemos aquí un test do que deberíamos toma-la oportuna lección: o rebordamento do encoro de Pontillón do Castro sobre Verducido,  con danos por determinar. ¿Obra mal feita? Seguro, e os veciños xa avisaran do que podía acontecer. A razón, non sempre está do lado dos técnicos. No pleno municipal do pasado 24.3, os portavoces dos partidos colocaron cada un o seu discurso, ora  ?de que a responsabilidade é do Concello?, ora o ecoloxista de ?que non se pode xogar coa natureza?. O Pontillón, polo tanto, segue a ser asignatura pendente, obra inacabada, e o problema non se resolve con sacos terreiros brancos alineados como activistas de Greenpeace a defenderen o val do asolagamento. O signo de esperanza está na  toma de conciencia do desastre da obra. 

            Vaiamos agora con algunhas novas que teñen que ver coa atención ó medio natural ou coa posta en producción de certos entornos. Por exemplo, un inventario recente estima en 160 o número de osos que viven na Cordilleira Cantábrica, a maioría en Asturias. Claro, tanto Cantabria como Asturias teñen outro modelo de xestión ambiental. Que aquí se poida estar a punto de arrancar con xeito, está por ver. Sí, hai actitudes no seo das Comunidades de Montes que, unha vez que collan a correspondente inercia, poden marcar un futuro mellor prós nosos montes. No Morrazo saben que non é nengún negocio vender madeira, a que están a venderen (eucaliptus, piñeiros). Aí está o lucro cesante por non ter derivado cara outras especies. En Punta Carreirón (Illa d´Arousa) van repoboar con castiñeiros, á par que controlar, por medio de trasmallos, a poboación de coellos, moi abondantes.  

No Carballiño, tomaron a decisión de roturaren unha superficie considerable de dous montes pró cultivo cereal (trigo e centeo), como posta en valor; en Beariz, teñen o proiecto de criaren porcos celtas extensivamente; en Cerdedo, están a pensaren en potencia-la instalación de colmeas ou trobos, prá obtención de mel, nun momento realmente malo porque se está a producir unha gran mortandade de enxamios en non poucos sitios.... Medio Rural comeza a rexeneración de montes que foron pasto do lume, cunha considerable inversión prá prantación, en función da calidade do chan, de frondosas caducifolias; nas beiras dos regatos, potencialmente adaptadas a outras especies, prantaríanse bídalos, amendoeiras, freixos, salgueiros....E nunha aldea de Allariz, Requeixo de Queiroás, naceron no mes de febreiro, no espacio dunha semá, 150 cabritos. É o exemplo dos irmáns Regueiro de que realmente pódese vivir no campo e do campo. E podería traer outros exemplos relacionados coas novas vías que o home está a buscar pra ver de cambiar, en parte, a nosa paisaxe, tornala máis habitable,  festiva e diversa... Pero tamén hai restauraciós case milagrosas: n´As Pontes, por exemplo. 

Endesa consigueu que na escombreira da mina, despois de  décadas de traballo e dez millós de euros de inversión, se fora configurando unha auténtica arca de Noé. Hai alí agora un bosco no que expertos da Univesidade de Santiago descobriron a presencia de especies raras noutros lugares de Galicia: aves de rapiña (elanio azul e outras) necesitadas de protección; anduriña dáurica...O equipo constatou tamén a presencia de gatos monteses, lontras, lobos, cigoñas, xinetas, avutres, raposos, corzos, cervos, xabarís e lebres, moitísimas lebres.... Os datos son asombrosos e a dirección da mina aclara que eles non introduciron outra cousa que algús enxamios. Cada animal foise asentando alí porque quixo, por teren comida e non haber cazadores no lugar. Endesa tamén cultiva grelos nunha tenza rexenerada con terra e ten recollido 120 kilos de mel de uz, todo destinado a autoconsumo ou ?agasallo? de empresa. Está previsto que a paisaxe cambie, aínda máis, dende o 2008; a mina convertirase nun lago de 811 hectáreas de superficie; a escombreira estará totalmente repoboada, 1150 hectáreas...A mellora do espacio, feita con sotil coidado,  pode servir de exemplo a aplicar  noutras partes. Ó mellor, algún día aparece aí a pita do monte, desaparecida en Galicia. E o que hoxe é propiedade privada, o mesmo que os cen corzos, catrocentas lebres e sesenta xabarís que a habitan, está pendente do debate que condicione o seu futuro uso... Deixo aquí o exemplo, porque ese tipo de restauración faina a propia Terra se lle facilitan o traballo, se nos poñemos da súa banda e non xogamos coa natureza. En fin, son signos de esperanza.