Autores: Antonio Cajareville Martínez, Sergio
Fernández Alonso, Pablo García Núñez e Manuel
Fco. Marey Pérez
Dende a Organización Galega de
Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) estivemos seguindo e colaborando
no desenvolvemento dun traballo que atopamos do máximo interese para os nosos
membros o igual para o conxunto das comunidades de montes veciñais e
para a sociedade galega no seu conxunto. Dentro do departamento de Enxeñería
Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela estívose a desenvolver
unha metodoloxía de estudo das comunidades de montes veciñais
co obxectivo de caracteriza-las comunidades de montes veciñais
segundo grupos de características similares segundo fisiografía, tipo de
xestión, economía do monte, conflitividade, etc. de forma que se poida elaborar
unha diagnose da situación das mesmas nas zonas de estudio, e unha primeira comparación entre
zonas onde os MVMC teñen importante presenza na dinámica territorial pero cunha
problemática ben distinta. Isto pode axudar tanto ó autocoñecemento das comunidades como ó
desenvolvemento de políticas territoriais específicas para elas con distintos
problemas e oportunidades, e non caer nunha perigosa uniformidade, baseándose
ademais nunha participación en un enfoque predominantemente de abaixo arriba.
Para validar esta metodoloxía téñense realizado xa unhas 400
enquisas a comuneiros e a membros das xuntas reitoras dunhas 60 comunidades de montes de
distintas zonas de Galicia. Hai ademais datos específicos e análises da
situación para a zona oriental de Barbanza e de tres concellos do interior de
Ourense, así como unha experiencia piloto de proposta de planificación conxunta
dos montes veciñais nun so concello tamén en Entrimo (Ourense), empregando esta
metodoloxía, que se revelou moi flexible tanto para o coñecemento xeral das comunidades de montes como
complemento dos plans de xestión específicos para comunidade (axudando ademais á
obtención de importantes datos de cara á implantación de prácticas de xestión
sostible). Compáranse cando é posible os resultados obtidos das enquisas (tanto
sobre historial do MVMC como sobre a organización das comunidades e a xestión e
economía do monte, así como sobre o perfil socioeconómico dos comuneiros) con
outras fontes, tanto cartográficas como estatísticas, de evolución histórica e
lexislativa, o que aporta datos adicionais sobre grado de autocoñecemento das comunidades.
Como conclusións principais destes estudos pilotos previos
pode comentarse que:
-
Atopáronse sensibles diferenzas importantes entre as distintas zonas nos
distintos aspectos das comunidades estudadas, en particular nas expectativas de xeración de riqueza
dos montes e o mantemento da súa produtividade, vinculadas en xeral a
diferenzas no grao de despoboación e de formación dos membros da comunidade.
-
Identificáronse algúns aspectos ou variables concretas que determinan
diferenzas na xestión e problemáticas das comunidades, que poden facilita-lo estudo das
mesmas para aplicar modelos de xestión axeitados para cada problemática.
- Os resultados obtidos da aplicación da
enquisa reflicten unha alta porcentaxe de participación por parte dos enquisados ó
coñece-lo obxectivo de estudo científico do traballo, o que denota unha
disposición a facerse oír tamén a través dun medio avalado por expertos
independentes.
-
En xeral atopouse bastante descoñecemento por parte dos comuneiros e mesmo das Xuntas Reitoras do
funcionamento das figuras de convenios e consorcios coa Administración, en
parte motivado pola falta de información desde a Administración Forestal e en
parte pola limitada capacidade de xestión das comunidades (reflectida na
comodidade de limitarse a percibir as rendas pola madeira sen ocuparse de máis
nada).
-
A partir dalgunhas experiencias satisfactorias de xestión pódense estabelecer
criterios ou pautas para mellora da xestión de comunidades segundo
problemáticas ou casuística similar.