De: xesus lopez [xesuslopez@terra.es]
Enviado: lunes, 28 de febrero de 2005 11:12
Para: Undisclosed-Recipient:;
Asunto: Lucro cesante,18.2.2005. TRABALLO PRÓ 28.2.2005.doc

Lucro cesante,

Por Xesús López Fernández

 

            Tamén chamado perda económica, o lucro cesante é unha expresión cada vez máis de manual. Foino ó longo da catástrofe do Prestige, cando houbo que atender con subvenciós ás xentes que, supetamente, quedaron sen  ingresos, privadas de oficio.  Tamén se está a botar man da expresión con motivo do intento da Xunta de erradica-los eucaliptos das Fragas do Eume, onde conviven con outras especies: freixos, carballos, castiñeiros, bídalos, cerdeiras.  A Xunta indemnizaría con 5.800 euros por hectárea talada, que no caso de asumi-la corta o propio dono serían 4.597 os euros a entregar. O éxito da idea depende das cantidades finalamente acordadas, porque o precio da madeira está agora nos mínimos históricos, por baixo dos 30 euros a tn, lucro cesante en todo o país por no seu día ter asumido un modelo nefasto de reforestación, capaz de acabar cos montes, coas vacadas, coas aldeas. Esa sí que foi unha ferida mortal prá economía de centos de miles de galegos, dependente agora do diktatt do lobby da madeira e dos políticos metidos baixo a súa ombrela.

 

A asociación Euroeume direxeuse á Xunta, en relación co proiecto rexenerador das Fragas do Eume, prá solicitude ante a UE da Carta Europea do Desenvolvemento Sotible, coa idea de promoveren unha xestión axeitada da masa arbórea e de incentivaren o turismo cara aquel parque. Eso pode supoñer unha posta a punto, unha toma de conciencia no sentido de que hai que ir cara outro tipo de reforestación, como ben saben xa nas Comunidades de Montes, que temen unha caída aínda máis fonda no precio do eucalipto. É decir, máis lucro cesante. I é fácil falar de “profunda ferida forestal” cando se descobre que hai unha reacción social de sectores que entendo sí son representativos, contra ese tipo de prantación. ¿É que os propietarios de montes teñen que seguir sometidos á  dictadura de Ence, depreciando máis e máis o seu patrimonio, cando existen outras posibles alternativas, madeiras que multiplicarían por douscentos ou trescentos o precio que actualmente se está a pagar polo eucalipto e que implicarían, naturalamente, máis inputs no proceso industrial, sen arrasa-lo medio ambiente?.

 

                Oportuna polo tanto a entrada en escea da Federación da Asociacións de Veciños Castelao xuntamente coa Mancomunidade de Montes, de momento discretamente, a pedir que se finalice coa cruzada mediática contra o Concello precisamente polo tema Ence. Coido que por esa parte nos atopamos con sectores certamente representativos, cuia opinión debe ser consultada antes que a dos reventadores de plenos. Si é que hai algo que consultar, porque a que se está a armar cheira máis a fraude de lei que a outra cousa. Lamentable a afirmación de Fraga no sentido de que os procedementos estaban enquistados nos tribunales e que por eso renunciou Georgia Pacific a monta-la pranta que tampouco queren en Navia. E xa neste punto, en relación coa inauguración da pasarela dos Praceres polo señor presidente, día 17.2.2005, teñamos en conta algunha das súas afirmaciós e insultos, ó lle chamar tolos ós que por medio de pancarta lle lembraron nese momento puntual que Ence i Elnosa foran codenadas por delito ecolóxico e pedían, consecuentemente, o seu peche.

 

É decir, o mesmo que el prometía no ano 1989, na campaña prás autonómicas: “Existe un convenio coa empresa, que esta deberá comprir dentro dun prazo. Chegado o seu vencemento sen o ter feito, haberá que pechala”. E a sentencia do 4.11.2002 é reveladora de que a empresa non compreu. A pancarta era unha simple anécdota. Pero non se pode xogar coa falta de memoria dos demáis cando un esquece o seu propio compromiso. E naquel espacio de ruína, as mariscadoras que vitorearon a Fraga comentaron tamén o que era evidente, a perda do lucro cesante. Por eso algunha decía: “Agora que nos construeu a pasarela, qué ben, a ver se nos paga subvenciós porque non hai ameixa. Non collemos nen pró pago do seguro”. Pero neste caso i en pouco tempo, as mariscadoras vanse quedar sen berberechos e ameixas, como os bateeiros sen mexilón. E por estaren calados tantos anos, cando o lucro cesante sexa total, non van poder demostra-las causas.  Daquela han botar de menos o Lourizán de antano, o que se recolle nunhas fotografías que un amigo me remiteu, hai uns días, por correo electrónico. Lourizán, praia total, coa igrexa branca como unha pomba naquela época, 1920.