Do monte en man común,

Por Xesús López Fernández

 

            A figura do monte en mancomún, que ten as súas raíces na época sueva e na sociedade castrexa, parece que está a ser novamente ameazada, que se tenta lexislar pra acabar coesa forma especial de propiedade. Naturalmente, dende as Comunidades de Montes están a denunciaren o abuso, a cobiza expropiatoria dos poderes fácticos, que nestos momentos xa ten forma de borrador de lei que algúns expertos na cuestión definen como totalmente negativa porque: 1º. Fai táboa rasa da natureza especial dos montes en man común, de carácter xermánico e titularidade veciñal. Ós que están consorciados usúrpanlle non só a xestión senón tamén a decisión que é competencia  dos seus exclusivos donos..; 2º Fai categoría de Lei de toda-las incompetencias e incumprimentos que ten e fai a Administración Forestal Galega respecto dos montes en mancomún, ó tempo que fai deslindes ou se bota fóra da loita contra o lume, que sabemos pode ser unha  estratexia de ocupación do monte por certos cultivos, ou contra as pragas, que deberán asumir fundamentalmente os verdadeiros propietarios, so pena de seren sancionados. 3º. A futura lei pon especial acento no aspecto repoboador, póndo atrancos pró aproveitamento de tipo agrogandeiro. E non fala pra nada de fomenta-lo desenvolvemento das Comunidades de Montes. (Pra máis información www.orgaccmm.org )

 

            Non sei se das novas elecciós vai sair algunha forza defensora dos nosos intereses.   En diversos debates  levo apreciado que os grupos nacionalistas e rexionalistas quéixanse da falta de presencia en Europa prá defensa en cuestiós definidas como “sensibles”,  como esta que hoxe tocamos do monte veciñal, que parece que os poderes fácticos  ven exclusivamente como terreo barato pra novos polígonos ou ben como lugares pra novas prantaciós de eucalipto, esa madeira cuio precio controlan perfectamente pra mantela como unha especie de plus de miseria que reciben os labregos que deixaron a súa profesión, aparcados xa por medio dos fondos de cohesión que os levaron a abandonaren a súa actividade. I eso é como reitera-la historia da nosa emigración, algo que denunciaba hai anos o libro “O monte é noso”, a repoboación forestal invasiva, impulsora daquela. Pois ben, estamos outravolta na erradicación do home da súa paisaxe, algo que a Europa non lle vai preocupar. E cun Borrell  ambientalista [porque sempre fala  de medio ambiente, do seu valor] pode haber unha opción prá defensa dos nosos montes, polo que sería bo que no seu partido [si se queren implicar no tema, que non está claro] lle presentaran unha ponencia sobre “os montes galegos en mancomún”.

 

            No tema dos montes de veciña hai xente que entende que o porvir de Galicia podería ser moi outro a pouco que se cambiaran certas políticas: que si se fose cara unha reforestación  con especies autóctonas ou asimiladas; que se o monte contase tamén como base agrogandeira, camiño que xa están a tentaren algunhas das persoas que descobren aldeas abandonadas nas que establecen a súa  morada, o seu plan de vida. De certo que as Comunidades téñeno moi difícil, pero se foramos unha sociedade máis culta, se a lección que dentro do colectivo están a dar algunhas persoas tivese oportuna acollida, este país tería un futuro certo, despois de que os fondos de cohesión serviran pra potenciaren a ruína e desertización de tantísimo lugar. E os montes en mancomún, esa forma de propiedade con raíces na cultura castrexa que unhas veces pertencen a unha parroquia determinada, outras a un lugar,  están necesitados de xentes que loiten por eles.

 

            Un dos esforzos que os defensores do monte veciñal están a faceren neste momento é o de poñelo baixo a protección da Unesco. A asociación “¡Ponte....nas ondas!” é a responsable da proposta que algún concello está a suscribir. A cuestión é que na cultura común galaico-portuguesa [Literatura oral, música, etnografía, e tradicións que perviven antre o Douro e o Cantábrico, expresión dun contínuum cultural que ven de Suevia, capital Braga], nese espacio, nesa proposta, ten un lugar evidente como forma de artella-la convivencia a figura do monte en mancomún. E “¡Ponte ....nas ondas!” avisa de que esa cultura milenaria está a perder pulo, que pode mesmo desaparecer. A proposta á Unesco deberá facela o goberno, pero a iniciativa parte da sociedade civil e hai que sumar vontades, deseñar un plan de escenificación que cale nas xentes, porque queda pouco tempo, xa que o prazo de presentación  vence o  30 de setembro. Un tempo de loita certa cando se produce a noticia da posible explotación dunha canteira no cumio do Castrove, 840.000 metros cuadrados....I é que co abandono do medio ambiente e da nosa identidade non vai quedar monte veciñal, nen vai quedar monte.