
Os pequenos propietarios protestan pola brusca caída dos prezos do eucalipto
Os prezos da madeira de eucalipto marcaron en decembro pasado o seu mínimo dos últimos quince anos e produciron en miles de pequenos propietarios unha sensación de estafa: a árbore australiana chega a súa máis baixa cotización, menos de 25 euros a tonelada, ao tempo que a súa presenza no monte aumenta neses tres quinquenios un 150% até superar os 50 millóns de metros cúbicos. Particulares e comunidades de montes coidan que os prezos altos pagados nestes anos e as xenerosas subvencións da UE benefician finalmente a ENCE que consume o 95% da especie para producir pasta.
Con temor de ofender ao seu cliente único, o presidente de Foresgal, a máis activa cooperativa de propietarios de montes, constituída en 1989, denunciaba unha “concentración da demanda que non veu acompañada por unha agregación da oferta” o que significa que, no mercado libre, ENCE marca os prezos mentres os propietarios divididos carecen da forza dun grupo de presión para faceren valer a madeira que producen.
A última baixa do prezo do eucalipto para pasta no mercado galego deuse a comezos de xuño de 2002, cunha perda de valor do 30%, xusto ao se cumprir un ano da privatización de ENCE a prol da Caixa Galicia. A recuperación non se fixo esperar e o prezo por tonelada termou por riba dos 30 euros até setembro de 2004.
A caída de prezo de 2002 foi logo anotada pola empresa pasteira na conta dos que se opuñan á instalación dunha planta transformadora de papel continuo en Lourizán. Nunca se deu explicación de por que algo tan sinxelo de transportar coma a pasta seca, que atravesa fronteiras sen problemas no mundo globalizado, só podía ser tratado industrialmente na fábrica de Lourizán cuxa concesión prescribe a medio prazo. Doutra parte, dentro do sector consideraban inviábel a fábrica nun momento no que o mercado mundial de papel experimentaba un forte debalo. Unha tonelada de polpa seca de eucalipto pode comprarse no Brasil por 75 euros e para producila son necesarias dúas toneladas e media de madeira.
Co monte inzado de eucalipto, a tonelada chega a valer o mesmo ca madeira para pasta das explotacións de Chile, Uruguai ou Brasil, directamente promovidas ou participadas por ENCE na que ten maioría de capital Caixa Galicia.
A previsión de que os prezos baixos do eucalipto das plantacións de América do Sul se igualasen cos do mercado interior galego foran desmentidas estes anos con moita enerxía, en nome da superior calidade da celulosa da árbore de Australia asentada na Galiza. De feito nos últimos quince anos é a planta máis solicitada, en función do seu alto valor a medio prazo, para ocupar a terra agrícola desertada.
Un medio próximo aos asentadores de madeira como La Voz de Galicia fala de "desplome" dos prezos do eucalipto e de "alarma" entre os propietarios. Este foco de luz sobre a catástrofe contrasta coa habitual opacidade informativa sobre a situación mundial dos cultivos forestais para a produción de pasta. Finlandia, por exemplo, o país máis especializado do mundo na produción e transformación da madeira para papel ten un dez por cento dos profesionais do sector apuntados no paro dende 1994. Un plano de crédito público palía a reconversión mediante a exportación de técnicos e maquinaria forestal a Indonesia, Thailandia, Laos, Campuchea e Vietnam.