G. LUCA
Os envíos de madeira de eucalipto dende
Chile, Suláfrica, Brasil e Uruguai frean calquera presión á suba do prezo da
madeira que a penas pode buscar outro comprador que as industrias de pasta. Os
74 euros que se pagaban en 1992 por unha tonelada métrica de eucalipto para
fabricar pasta quedaron a penas en 18. “Mal se pode dicir que un mercado
dominado pola industria da pasta se poda regular pola lei do mercado”, comenta
Olegario Aller da parroquia de Esteiro, un dos 64.200 propietarios do país que
confiaron a finais dos anos sesenta na conversión de terras de labor en
eucaliptais. “Aquí na costa de Cedeira, a primeira corta foi aos doce anos e a
segunda aos 18 pero xa sabemos que moitos propietarios da Rias Baixas teñen
practicamente abandonadas plantacións que só lles van dar a terceira corta aos
trinta anos. Para o caso, tíñalles máis conta plantar carballos”.
Esta forte caída da productividade derruba o
mito dunha especie que se fixo popular polo seu crecemento rápido e resistencia
como solución para terras abandonadas. O eucalipto non só ocupou moita terra
agrícola desertada pola emigración aos países fundadores do Mercado Común senón
que, despois do ingreso de España en 1986, foi fortemente subvencionado por
fondos da UE, como cultivo de substitución. A Dirección de Montes da Xunta
colaborou afervoadamente con esta política. Non é raro que os incentivos sumados
do lume (o eucalipto é unha especie con excepcionais defensa contra os
incendios) as subvencións xenerosas, a deserción do agro e o estímulo dun prezo
forzado á alza polas fábricas para introducilo, espallasen o eucalipto sobre
máis de 250.000 hectáreas, segundo o último inventario forestal.
Consumada a ocupación de terras e o
desprazamento de arborado autóctono por unha especie que comezou a ser alcumada
de ouro verde, desvélase en só unha década a súa extrema debilidade. As
importacións de choque dende Suláfrica introduciron polos portos de Marín e Laxe
o parásito Gonipterus Scutellatus un escarabello verde de prolificidade
extraordinaria que pode secar o eucalipto nun só ano de infección ao lle devorar
os gomos. Mentres o prezo por tonelada métrica do eucalipto adulto chegaba na
Galiza durante o 1990 á 80¤, o producido en Chile vendíase por 14¤. A presión
das importacións de choque non tardou en deitar polo chan os prezos do eucalipto
até o extremo de que á hora da venda de propiedades o eucalipto con diámetro
menor a 50 cm. desprézase.
Aumenta o risco do lume
A situación é especialmente grave nas
163.000 hectáreas de eucaliptal que medran con inusitada preguiza cara á
terceira corta. Da oferta das fábricas de pasta a penas se libran os eucaliptos
adultos que consumen os estaleiros de ribeira para as sobre-quillas dos galeóns
que se ocupan da asistencia das bateas de ostras e mexillón, pero neste caso só
son de utilidade os pés que creceron en condicións óptimas. Vanse dando pasos
cara o desenvolvemento dunha industria do aserrío e do moble que poida consumir
eucalipto pero está aínda lonxe o día en que este uso do eucalipto se poida
equiparar ao da súa conversión en pasta de papel. A investigación sobre outros
tratamentos industriais pagada en parte con fondos comunitarios avanza de vagar.
Todas os trazos deste cadro negro fan que moitos propietarios abandonen os
eucaliptais o que non fai senón aumentar o risco do lume.
“A política da Xunta para afrontar un
problema tan grave e que afecta a tantos propietarios é non facer nada -comenta
Aller- Hai pouco suspenderon a subvención para plantar eucalipto porque se fixo
un clamor que a especie xa era un inzo extendido polo lume. Pero con iso non
abonda. A pesar do desastre dos prezos, a madeireira NORFOR, filial de ENCE, non
deixa de contratar coas comunidades de montes en man común a plantación de
eucaliptais. O que poida pasar co prezo da madeira cando medren as árbores non
lle preocupa a ao intermediario nen a Xunta”.
Carrere e Lohman anunciaran en 1996 nas
páxinas do seu libro Pulping the South (A conversión do Sul en cultivos
forestais para papel) que as plantacións industriais intensivas beneficiaban aos
intereses da celulosa e do papel a traveso dun fornecemento seguro e barato de
materia prima pero non eran ningunha regalía para os labregos deses países nin
para o seu medio ambiente. Os grupos de presión das papeleiras inzaron o sul con
esta árbore milagre a base de forzar subvencións públicas para o seu cultivo,
como aconteceu na Galiza co goberno do PP ainda que derramaran moito máis
emprego do que criaban e non axudasen nada a conservación da terra, das fragas,
da agricultura e dos recursos de auga. O eucalipto avanzou sistematicamente por
todo o suleste asiático e pola America tropical nos últimos trinta anos como
saida para unha agricultura en debalo. As últimas conquistas do que en Australia
califican de árbore do demo son as do norte do Ecuador e o Perú despois de
arrasar o riquísimo mato de Santa Cruz Cabrália no estado da Bahía.