Lunes, 1 de septiembre de 2003 Índice CARTAS

 

 

 

Extinción do bosque autóctono

Revelar o penoso estado no que se atopa o monte galego non tería nada de novidoso se non fose pola teima da Xunta de manter e ampliar a situación degradante que, para a terra e as persoas, supoñen as irracionais repoboacións de eucaliptos e piñeiros (especies non autóctonas) extendidas hoxendía mesmo ás terras de laboura ás que a administración non da outra alternativa para así asegurar unha liña de desenvolvemento equivocada e rancia, iniciada hai corenta anos, que favorece claramente aos intereses das industrias do papel (pretenden construir desta volta unha fábrica de papel tisú) e ás madereiras.

O dano que están a facer estas repoboacións na terra é enorme xa que tanto piñeiros como eucaliptos liberan no chan sustancias químicas que deteñen o seu enriquecimento e, no caso do eucalipto, a isto engádenselle ácidos e resinas que non deixan medrar máis especies, facendo desaparecer as restantes. Se a isto sumamos o poder de absorción da auga das dúas especies, cunha grande capacidade para o desecamento do solo, e a boa relación do eucalipto co lume, ao ser unha especie pirófita, é dicir, arde célere e convenlle o lume para se esparecer por todo o territorio, hai razóns abondosas para desaconsellar estas repoboacións.

O piñeiro e o eucalipto supoñen xa o 80% da superficie arborada da nosa terra mentres o 20% restante ocúpana os bosques autóctonos, antigamente espallados por toda xeografía galega e hoxe reducidos a pequenas zonas do leste de Lugo e Ourense; mesmo zonas sinaladas como paraxes naturais están gravemente alteradas: as Fragas do Eume, onde o eucalipto estase a mesturar coa vexetación autóctona, motivando o retroceso do arborado natural, as Fervenzas do Toxa e de Segade con asiduas repoboacións de eucaliptos e piñeiros, o Galiñeiro, a Capelada, as Rías Altas e Baixas en xeral, onde o arborado autóctono e practicamente inexistente, confirman a triste designación de sermos a despensa eucaliptal de Europa, onde ninguén quere este tipo de cultivos; mesmo sitios máxicos coma O Courel están sendo cercados por indiscriminadas repoboacións de piñeiros que non van permitir o espallamento da súa riquísima vexetación e fauna autóctonas.

A natureza é sabia; deunos freixos, carballos, teixos, rebolos, castiñeiros, capudres, bidueiros, pradairos, acivros, amieiros, choupos, salgueiros, mesmo sobreiras, faias e aciñeiras: un verdadeiro luxo para a terra que os albergue e nós, cada vez máis ignorantes e máis desconectados da natureza, deixamos que no-la estraguen; con eles está a desaparecer a fermosura, a maxia, o respeito, a diversidade, a cultura; de certo que cos nosos bosques o noso vivir cotián sería un pouco máis agradábel.

Marcelino Rodríguez Acosta - O Porriño

 

Imprimir Subir

 

Carta anterior:
Siguiente carta: <**TIS**>

 

© FARO DE VIGO, 2003. Todos los derechos reservados digital@farodevigo.es