DECLARACIÓN DE COMPOSTELA
Declaramos:
Os montes son patrimonio e responsabilidade de toda a Sociedade e
forman parte da nosa identidade. Para participar eficazmente na súa
xestión sostible, os cidadáns deben estar axeitadamente informados e
sensibilizados. A formación das novas xeracións debe contemplar o importante
papel que os bosques desempeñan.
Asumimos como un deber, a través da xestión sostible dos nosos montes, o compromiso de transmitir ás xeracións futuras uns bosques sans e biolóxicamente diversos, que protexan os solos, a flora, a fauna, as poblacións e as infraestructuras, ó mesmo tempo que regulen os ciclos do carbono e da auga, creen paisaxes valiosas, proporcionen recreo e cultura e nos doten de materias primas.
O noso interese en contribuir á conservación e mellora dos ecosistemas forestais do mundo, promovendo a xestión sostible dos bosques e colaborando con tódolos países, especialmente, os do noso entorno cultural, con axuda profesional e tecnolóxica.
É imprescindible o protagonismo dos propietarios forestais na xestión sostible dos seus montes. Deben incrementarse as medidas orientadas á formación, sensibilización e motivación de dito colectivo, ó mesmo tempo que se fomenten medidas favorecedoras do asociacionismo e outras encamiñadas a conseguir unha estructura da propiedade que permita unha xestión forestal sostible así como un reparto solidario dos custos da súa aplicación.
Para o impulso da xestión forestal sostible se deben fomentar a realización e seguemento de instrumentos de planificación que incorporen os criterios e indicadores de biodiversidade, as novas demandas da Sociedade e os diferentes e variados usos do monte.
A planificación forestal é a base sobre a cal se debe construir o sistema de certificación de productos forestais, que conduza a unha mellora na calidade do abastecemento de materias primas, ó desenvolvemento de novas tecnoloxías de transformación e hábitos de consumo respetuosos co medio ambiente e ó desenvolvemento rural.
A actividade forestal constitúe un instrumento de primeira orde na fixación de poboación e na creación de emprego permanente para alcanzar niveis axeitados e necesarios de desenvolvemento rural.
É preciso avanzar no recoñecemento legal dos resultados dos métodos da economía ambiental, na integración dos mesmos dentro do sistema contable nacional, e no establecemento dos mecanismos que permitan a materialización da disposición ó pago, que amosa a Sociedade polos bens sen precio xerado polos montes.
Deben fomentarse liñas de traballo en investigación, desenvolvemento e formación, en orde ó establecemento dos coñementos e as técnicas axeitadas para a implantación de niveis crecentes de xestión sostible dos nosos bosques.
Deben instrumentarse medidas fiscais e financeiras que garanticen a implementación efectiva dos criterios da xestión sostible, ó obxecto de alcanzar para os nosos bosques o estado de conservación que unha sociedade desenvolvida demanda.