FARO DE VIGO. Edición Digital LUNES 19 JUNIO 2006 
Edición digital n. 2664
Medio Rural repoboará e limpará 150 hectáreas de monte
 
Foto
 Medio Rural vai actuar nos montes do Salnés e do Barbanza. / IÑAKI ABELLA
 


A. Martínez / O SALNÉS
A Consellería de Medio Rural programou para este verán actuacións de silvicultura -fundamentalmente limpezas e desbroces- e de repoboacións forestais en 58,5 hectáreas de montes do Salnés e noutras 90 hectáreas do Barbanza.
Das actuacións previstas a que ocupará unha maior superficie será no Concello de Rianxo -nos lugares de Ferrería e Campelo- pois vanse facer tratamentos de silvicultura en 50 hectáreas, o que supón 500.000 metros cadrados.
Tamén en Rianxo, pero no monte de Paradela, acometeranse tamén limpezas e desbroces nunha superficie de 30 hectáreas. Finalmente, a consellería que dirixe Alfredo Suárez Canal programou tratamentos de silvicultura en 100.000 metros cadrados do monte Feitoso de Taragoña, tamén en Rianxo.
Xa no Salnés, a Consellería de Medio Rural elixiu o monte Castrove para levar a cabo a súa obra máis ambiciosa, pois vanse limpar 27,74 hectáreas do monte, correspondentes á súa parte de Meis. Mentres, para o Xiabre reserváronse catro actuacións, todas elas dentro do termo municipal de Vilagarcía.
Así, nun tramo de 12,4 hectáreas acometeranse traballos de silvicultura misturado con repoboacións. Noutro, de 30.200 metros cadrados, vaise facer só repoboación -sobre todo con piñeiros- e en outras 15, 16 hectáreas faranse só traballos de silvicultura. Con todo, a consellería programou outra actuacións para os montes do lugar de Bamio -tamén na cadea de Xiabre-, pois vaise mellorar a pista forestal que cruza o lugar.
Con este tipo de traballos, a Consellería de Medio Rural pretende facilitar a loita contra os incendios forestais, e prever a súa propagación en caso de que se declaren. Outro obxectivo sería propiciar un uso lúdico do monte. Tamén as comunidades de montes da comarca están facendo nestas datas maiores esforzos para mellorar a limpeza dos espacios forestais.
Novas brigadas
Por outra parte, o 1 de xullo empezarán a funcionar as primeiras brigadas municipais de extinción de incendios. O inicio prevese, xa que logo, para medio mes antes que o ano pasado. Medio Rural sinalou que en principio non se prevé unha situación de tanto risco como o ano pasado -pois este inverno choveu moito máis- e que nas contratacións se van primar a personas con experiencia en extinguir lumes ou con formación forestal.