Kyoto como coartada,

Por Xesús López Fernández

 

            Momento  crítico. Os  montes, degradados pola repoboación forestal centrada nos monocultivos arrasadores da biodiversidade, poden entrar nunha fase peor como consecuencia do tan traído e levado mercado de inmisións de CO2, de cuotas de anhídrico carbónico. Se as novas repoboaciós propostas  pra salvaren  industrias causantes do quecemento  da Terra fosen a base de caducifolias, que conlevasen a creación de boscos mixtos, o resultado podería ser positivo. Sería unha forma de creare riqueza á par que paisaxe, de ennobrecelo, do que nos podemos dar conta precisamente nesta época, o outono, a pouco de nos achegarmos á Galicia interior (Courel, Ancares, Ribeira Sacra...), onde soutos e carballeiras están a cambiar de color (ocres, dourados, vermellos), i eso implica valor certo pró país, a posibilidade de que nos visite máis xente, como acontece nos países que souberon facer bandeira  da  riqueza cromática da outonada. Pero eso, naturalmente, non se dá nos monocultivos que priman na franxa litoral:: eucaliptos, piñeiros insignes. Mai-lo ataque é global e chega ó último recanto do planeta.  No Uruguai, na Arxentina ou  Chile, no Brasil ou no Ecuador están predicando os defensores da madeira rápida despois de teren acabado, ás veces, cos boscos primarios.

 

            Estos días recollín información sobre  Ecuador e outros estados. Queren promover sumidoiros de CO2, venderlles a aquel país esa “riqueza” baixo o pretexto de que, arrasado o bosco primario e a conseguinte biodiversidade, as poboaciós indíxenas perderon  a sabiduría da súa conservación. I esa argumentación é utilizada pola fundación holandesa FACE (Forest Absorbing Carbon Dioxide Emissions). A organización proponse prantar 150.000 hectáreas de árbores pra enguliren un volume de CO2 equivalente ó emitido por unha pranta xeradora de 600 MW a base de carbón, a mitade desa área nos Andes ecuatoriáns, sen botar man das especies autóctonas. [Información tirada do boletín n. 12 do WRM, o Movemento Mundial polos Boscos dos Trópicos, do 1998].  Xa daquela queríanlles vende-la burra de que a contaminación xerada por outros podería servirlles de negocio. Naturalmente que o WRM oponse a esa política polo efecto negativo desas prantaciós, tanto sobre  boscos clímax como  prados: diminución do rendemento hídrico das concas, acidificación, perda de permeabilidade dos chans e o seu agotamento, alteraciós de fauna e flora.

 

            E sigue o MWR a nos informar dalgo aquí tamén sabido e que as Comunidades de Montes de Veciña comezan a valorar cada vez máis: os efectos das prantaciós a nivel social e cultural. Os pobos indíxenas que vivían do bosco ó tempo que o conservaban sofren a invasión das súas terras que se ven obrigados a abandonar. Perden os seus medios de vida. É unha forma de mina-la base material i espiritual das súas respectivas culturas, xa que en moitas ocasiós as novas prantaciós requiren a aniquilación das fragas e soutos primarios. E citan no boletín o caso dos indíxenas Tupinikim e Guaranís do Espírito Santo, Brasil, como paradigmático, que despois dunha longa e desigual loita pra  recuperaren as súas terras, usurpadas por Aracruz Celulose pra instalar prantaciós de eucalipto, recentemente víronse forzados a asinaren un acordo que míngoa moito a superficie das súas terras en beneficio da dita empresa...Poderíamos seguir con exemplos interminables porque a agresión é total. En verdade trátase dunha guerra de exterminio, de floresta e de etnias. Guerra brutal. E global.

 

            É case o que ten pasado na nosa terra, onde o maior éxodo emigratorio coincideu cos anos de repoboación eucalipteira. Algo intentan correxir dende as Comunidades de Montes. E tamén a nivel mundial existe unha resistencia crecente, un movemento a prol a biodiversidade. Incluso en Suiza preguntan cómo facer pra mante-lo monte vivo. E conclúen que hai que coida-la diversificación forestal, face-lo bosco sostible, proveedor de madeira e soporte de vida diversa. E cando alguén propoñía estos pasados días a expulsión dos toxos e das xestas dos nosos montes pra eucaliptizar aínda máis o país,  lembreime das  paseatas por certos montes o pasado verán, e alí, curiosamente, non resultaba raro descobrir un coello, outro, incluso o rapaso que debía ir tras deles.  Pero o feito de que o Protocolo de Kyoto vaia entrar en vigor  implica que algús queiran correxi-la súa agresión atmosférica con máis prantaciós de eucaliptos. É decir, piden socorro os desalmados, pero simulan brindarnos un negocio fabuloso. De miseria, cando hai outras posibilidades de dotar ó monte de sentido e conseguir fixar poboación. A riqueza forestal variada e prácticas agrarias ecolóxicas son posibles. E hai xente coa conciencia clara de que o campo e mai-lo monte son claros viveiros de traballo rentable.  Se algús non poden face-los deberes que non se disculpen con Kyoto.