Investir en árbores

RUBÉN VALVERDE

Trátase dun negocio innovador, que combina a alta rendibilidade coa protección do medio ambiente. Existen varias empresas dedicadas a plantar árbores de madeiras nobres, como a nogueira, o carballo, a cerdeira ou a pereira, cuxa revalorización avala entre o 10% e o 13% anual. ¿Como é posíbel acadar unha rendibilidade tan alta? Pois porque non hai as suficientes árbores para cubrir a demanda. “O seu prezo leva subindo dende principios de século”, sinala Crescencio Lozano, director comercial de Bosques Naturais, a primeira empresa en promover esta actividade. Concretamente, Bosques Naturais e as empresas que a seguiron por toda a xeografía do Estado español, plantan en grandes extensións e venden as árbores a pequenos investidores. Cóidanas para que o súa medra sexa o máis rápida posíbel coas últimas técnicas de cultivo. De feito, o prazo inicial de crecemento destas especies estimábase entre os 25 e 30 anos, mentres que algunhas destas empresas aseguran que cos fertilizantes “en 19 anos poden estar listos para ser pinchados”, asegura Lozano. A compra mínima sitúase nun lote de 40 árbores, a un prezo de 270 euros cada un (45.000 pesetas). Por esa cantidade a empresa comprométese a plantar e coidar cada exemplar durante 19 anos, “sen que o cliente teña que facer ningún outro desembolso”, indica o responsábel de Bosques Naturais. Ademais da propia revalorización da madeira, hai que ter en conta que unha árbore medra un 10% cada ano, polo que os beneficios son maiores. Por outro lado, Crescencio Lozano afirma que o risco é mínimo xa que existe un seguro antiincendios e “nós mesmos somos os máis interesados en que a árbore medre canto antes, para poder volver a plantar máis, renovando a produción, e porque cobramos un 10% de comisión pola venda do exemplar”. O negocio está a ser apoiado pola Unión Europea dentro do seu programa de rexeneración do rural e de creación de cultivos alternativos. Dende esta institución aseguran que a demanda de madeira triplicarase nos próximos 30 anos. Lozano vai incluso máis aló afirmando que “nas cimeiras de Kyoto e Johannesburgo falouse de que as empresas contaminantes deberán pagar unha cota a aquelas que funcionen como sumidoiros de residuos, e dende logo esta é unha aspiradora de CO2 e unha rexeneradora de osíxeno”. O medio ambiente convértese deste xeito xa non só nun espacio protexido, senón tamén nun negocio rendíbel. As principais plantacións atópanse en Cáceres, Toledo, Navarra e Lleida. Segundo Lozano, “Galicia sería o lugar ideal para estas plantacións, porque precisan moita auga e pouco frío. Sen embargo, a estrutura minifundista do campo galego é incompatíbel con este negocio, xa que a extensión mínima para que sexa rendíbel debe ser de 100 hectáreas”.

 Negocio Galego: En lugar da industria do moble, o negocio na Galicia encóntrase na pasta de papel. En troques de cerdeiras, carballos ou nogueiras, o bosque galego de eucaliptos supón tamén un investimento atractivo. Para fomentar o cultivo desta especie orixinaria de Australia, a Universidade de Santiago xunto coa Unión Europea fundaron Agrobyte, unha institución que promove a silvicultura como alternativa ás tomadas descuidadas de moitos lugares de Galicia. Con isto, aseguran en Agrobyte, “as árbores representan máis diñeiro que o propio terreo antes da plantación”. Neste caso, o que se potencia non é o pequeno investimento, senón o asociacionismo para intentar paliar o minifundio. No Canadá, Suecia, Finlandia ou Francia xa se teñen levado a cabo experiencias deste tipo con resultados moi positivos, non só no eido económico senón tamén no de conservación dos espacios naturais. A razón, segundo o sociólogo Pérez Vilariño, “débese a que o monte está coidado, impídese o seu deterioro e, sobre todo, a xente está moito máis pendente dos posíbeis incendios, a fin de protexer o negocio”. O prezo da madeira de eucalipto é moito máis baixo que o das árbores nobres. Un metro cúbico da primeira especie oscila entre os 20 e os 24 euros, mentres que a de nogueira ou cerdeira achégase aos 2.000 euros. Está claro que non é o mesmo unha librería chapada en castaño, que un rolo de papel hixiénico. Sen embargo, a demanda de ambas as dúas madeiras vai seguir medrando de forma exponencial nos próximos anos, segundo fontes do sector..