Nun grupo de persoas preocupadas pola
protección ás razas autóctonas de animais domésticos, ouvín falar con
indignación dos estúpidos que andan a ceibar os visións das granxas |
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Estivo moi ben salvar a Xunqueira da Foz, que é
onde o río Lagares ou Troncoso, chamado seguramente Sárdoma polos nosos
antepasados paleoeuropeus, entrega as súas aguas ao Atlántico. Foi cousa
boa que lle puxesen paseo por unha beira e que levantasen unha casa para
interpretación da Natureza. Desgrazadamente a casa da Xunqueira da Foz,
situada na zona da Rabadeira de Coruxo, próxima ao Couto, nunca foi
usada e hoxe encóntrase en vías de degradación. Na Rabadeira quedan
ollos de agua doce, zonas pantanosas isoladas das marés, que sería moi
bon recuparerar e conservar. En todo caso, falta información pública
sobre fauna e flora da Xunqueira, alén dos aspectos de evocación
histórica que suscitan as míticas "salinas", que diz que houbo no século
XVIII. Tradicionalmente, as xunqueiras, as brañas, as lagoas, foron
territorios temidos e odiados polas poboacións campesiñas. O
especulador, o arbitrista, o progresista despistado, sempre quixo facer
desparecer estes espazos naturais e convertelos en "uteis". Alá foi a
Lagoa de Antela, a de Cospeito, a Xunqueira de Pontevedra: xa non
existen. A Xunqueira da Foz do Lagares encóntrase milagrosamente a
salvo, e por ela podemos camiñar felizmente os habitantes desta cidade
mentres nos solidarizamos cos veciños que teñen que soportar fedores da
depuradora. Esoutro día, nun grupo de persoas preocupadas pola
protección ás razas autóctonas de animais domésticos, ouvín falar con
indignación dos estúpidos que andan a ceibar os visións das granxas.
Dese tema pasaron ao do cabalo de PRG (Pura Raza Galega), que Rof Codina
chamara "pony galego" e Miguel de Cervantes "faco galiciano". "Agora o
noso faco está recoñecido como raza e hai concursos morfolóxicos"
-comentaba alguén. "Si, pero o seu depósito xenético tradicional, que é
o monte, mestúralle ao faco galiciano cada vez máis sangue de fóra"
-retrucaba unha señora moi entendida en curros. En efecto, nestes intres
en que o PRG está oficializado só vela pola súa preservación a
Asociación que o rehabilitou -dime Joaquin G. Troncoso- e nos nosos
montes, os cabalos soltos están a perder a súa identidade. Esta é razón
polo que un dos contertulios espuxo que hai, desde tempos atrás, a idea
de que nas Illas Cíes debía situarse unha horda de eguas autóctonas para
que non poidesen ser fecundadas, xa non polo vento, senón por calquera
griñón que non fose adecuado. "E por qué non na Xunqueira da Foz do
Lagares? -saltou o que falara en primeiro lugar. "O territorio é fácil
de controlar, os pastos son bos e semellantes aos da Camarga de Provenza
na que se cría baixo protección da República Francesa unha raza de
cabalos tamén moi antiga e a observación do gado en liberdade pode ser
de interese así educativo como turístico". De súpeto, a imaxinación
fíxonos ver un arrebaño de bestas autóctonas a pacer pacificamente na
Foz do Lagares co seu cabalo sempre alerta. E a imaxe era ben bonita.
"Agora que se perdeu o do Galiñeiro podíase facer un curro aquí"
-comentou a señora sen moito convencemento. "Non penso eu que vai haber
vontade política..." -dixen eu atrevéndome a intervir na leria. |
|