FARO DE VIGO Digital

Lunes, 1 de noviembre de 2004

 

SEGUNDA FEIRA

Cabaleiros á andadura

 
 

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Este cronista foi a Irixoa, termo municipal que nunca trepara debido a que Galicia non se dá andado nunca. No lugar da Viña, onde houbera feira de mes e aínda a hai de ano, o cronista lembrou a Cal Freire, seu amigo e compañeiro dos primeiros días da mocedade compostelana. E fomos aló por vermos unha competición de cabalos á andadura cuxos cabaleiros desputaban a Copa da Federación Hípica Galega. Fixeron corridas como dicía Per Abbat, autor do Poema, que o Cid fixera en Valencia sobre Babieca para impresionar Dona Ximena e as raparigas Elvira e Sol. Fixeron andadura ou traspasou, ou paso trabado, en dous tempos e en catro tempos moi ben repinicados sobre o chan asfaltado. Aínda me repite nas orellas o troupeleo ben escandido dos cascos.

Asistimos a unha resurección da andadura que case se tiña extinguido e agora, en Galicia, florece, como en Colombia ("paso fino") ou no Brasil ("cabalos andadores") e en Islandia. Penso eu que un día haberá que xuntar os nosos cabaleiros cos islandeses, eles cos seus ponis e nós cos que orgullosamente chamamos agora de Pura Raza Galega, e facermos un campionato no que os descendentes dos Reis do Mar e os descendentes dos soldados de San Rosendo que lles frearan a entrada en Galicia a aqueles, combatan incruentamente a quen mellor facer a andadura. O teatro do certame no podería ser outro ca as Torres de Oeste. Casas Novas non, por Santo Olaf.

Falabamos de Rodrigo o Cid: non hai constancia no poema de que o famoso infanzón movese Babieca, bruto árabe ou berber ataviado con sela galega, á andadura ou marcha. Sen embargo, a unha persoa máis importante ca o castelán, Carlomagno, Imperante de Occidente, parece ser que si que lle marchaba a cabalaría o que sitúa a andadura no máis alto nivel de prestixio social na Idade Media, tal e como lle teño comentado moitas veces a Joaquín G. Troncoso que anda a preparar unha monografía sobre este tema.

En efecto, no poema A Peregrinación de Carlomagno, escrito en francés medieval, texto carnavalesco e moi divertido, cóntase a viaxe do da Barba Florida a Xerusalén e Constantinopla. Sempre que se refire o roman á cabalaría de Carlomagno precísase que se trata dunha mula ou un macho e o aire en que se move é ambleüre ou andadura: "Atant est vus Carlun sur un fort mul amblant" ("Veleiquí Carlos sobre un forte macho andador ou de andadura"). Outro monarca, o rei Hugo, fai o mesmo: "Li Reis brochet le mul, si s´en vait a l´ambleüre" (" O Rei picou esporas, vaise á andadura"). E así ao longo dos 870 versos alexandrinos do poema.

Lembreime moito na Feira da Viña, Irixoa, de Carlomagno e mais do Rei Hugo ao ver moverse os triunfadores do concurso de andadura: Xoán Vázquez Caridad, de Melide, sobre Rula, en dous tempos, e Xavi Gómez Pimentel, de Arzúa, sobre Pombo, en catro tempos.