Unha tarde en Requián |
| Xesús López |
| (lunes 03 de mayo de 2004) |
Opasado 26.4 achegámonos a unha pequena aldea do monte Xesteira,
a Requián, onde fomos por terras de Valga, por diversos camiños e
lugares, ata que un rapaz, nunha zona de petroglifos, indicounos coas
palabras precisas: “Esto é Laceiras e pra chegar a Requián tendes
que retornar e coller á man esquerda. Máis adiante hai outro cruce e
daí, pola dereita, chégase axiña a Requián”. (Parecía un rapaz
listo, colaborador nas tareas da casa despois do tempo escolar, un deses
nenos do campo que manteñen a fala viva, que mesmo parece que nace
neles, que se recrea e fai música nova como a auga dun regato de montaña
e non precisa de chousas normativas.).En cousa de dous ou tres kilómetros chegamos ó sitio, un Requián remanso de paz. Alí estaba o santuario da Nosa Señora dos Miragres, agardando a romería do mes de agosto, ornado por un pequeno bosco de sobreiras, algunha centenaria. Tamén hai cipreses, carballos, arces...A fonte mana auga viva. O cruceiro segue en pe, como a vella escola. Polo demáis, as casas aparecen limpas e renovadas. E as terras labradas. O monte Xesteiras (o que dele se ve) aparece colonizado e triste, sometido á dictadura do eucalipto e ó posible lume exterminador. Queda algunha zona amplia que permanece a toxo e o monte móstrase aí airoso, presente ata o cumio dourado polas chorimas. O toxo, o denostado toxo, ten moito que ver coa fecundidade das nosas terras, xa que foi base fundamental na elaboración do esterco. É decir, tivo un protagonismo secular certo no marco da nosa economía conservacionista, e hoxe podería servir prá elaboración doutros productos (combustible, licor, infusiós, mel...). Outra das riquezas do Xesteiras era a avenza, o gando menor, ovellas fundamentalmente. I este pasado día do retorno ó lugar que visitabamos normalmente dende algúns lugares da Estrada, o exemplo do desenvolvemento sostible seguía alí, porque nada máis chegar apareceu unha señora que recollía o seu fato de ovellas e años (algúns pretos e coa frente pintada de branco). Serían uns trinta animaliños que regresaban ledos dos pastos, o que queda ó mellor do que nalgún tempo representaba a riqueza daquela aldea onde pola mañá libraban as ovellas todas cara o monte (había familias con cen cabezas) que pola tardiña recollían E a eso agora chámanlle gandería ecolóxica, moi apreciada. Se a Xunta tivese unha verdadeira vontade de recupera-lo país debería atender estas potencialidades do campo, algo pró que Touriño está a pedir atención. Porque non se fai o país cun simple anuncio subvencionador prá restauración de pazos e casas rústicas, se non se potencia a riqueza do entorno en base ó que a natureza sabe facer, renova-la vida continuamente, potenciando diversos cultivos; ou ben abandonando o criterio reforestador de miseria, de subvencionar incluso o abandono dos cultivos e a conversión en eucaliptal do que antes fora terra de labor. Un monte como o Xesteiras que tomamos aquí como exemplo podería ser, a pasto, soporte dunha vacada importante, como tamén o foi de avenza. Pero é que á hora de repoboar pódese pensar en especies menos ávidas de auga e que manteñan fresco o pasto do chan, como algunha carballeira que está alí mesmo á vista. E venme agora a lembranza de algo oído nunha charla sobre a cousa agraria, na que se daba como solución pra un monte veciñal a seguinte: as cabras (de Cachemira) usaríanse como zapadoras pra dar conta do mato baixo. Completada a súa tarea, cando o terreo era xa apto prá herba, entraban en escea as ovellas ó tempo que as primeiras ían preparando outra tenza. O esceario completábase con vacuno e cabalar. I eso é, naturalmente, desenvolvemento sostible. A luz era diáfana e, salvo a nota triste dos montes colonizados por unha madeira sen precio (que mesmo parece ter un reiterado protagonismo incendiario). A paisaxe era un festival de color. I eu son dos que creen que a Humanidade non cabe nas cidades, que moita xente pode vivir no campo e do campo cunha calidade de vida que nas urbes estamos a perder. A prometida subvención prá restauración de casonas de pouco ha valer se non se reconduce a agricultura, a repoboación forestal, a cousa fiscal. Algo sabemos de incendios, de que os eucaliptos e piñeiros queimados entran no mercado cos precios reventados pra que certas empresas os poidan poñer en valor, incrementa-los seus beneficios aínda máis. E digo o de “poñer en valor” porque é unha expresión vácua, a xustificación do destino incendiario dos residuos no canto da reciclaxe... Ese día regresamos por Casal de Paio cara o coto de Sinde e Cesures, pouco frecuentados nesa hora. Perdida a paisaxe pola excesiva arboreda industrial, nun claro cruzou un esquío, vivaz como o neno de Laceiras que nos puxo no camiño e mái-los años do fato remanente de Requián ou a fontela do campo da festa, naquel serán de luz. |