X.L.
MÉNDEZ FERRÍN
Aínda que iso non se difunda nos periódicos, nin forme
parte do tópico, nin se inclúa na propaganda institucional, o
caso é que Vigo é cidade moi ecuestre. Quixo facelo patente o
Mestre Oliveira coa escultura que erixiu na Prada de España e
houbo quen a criticou dicindo que esta cidade non ten nada que
ver cos cabalos.
Grave error: pregunten nas compañías do ramo e comprobarán
que Vigo é unha das localidades do estado español que conta
con máis cabalos de sela asegurados. Logo están os cabalos do
monte, que andan ceibos polos comunais de Zamáns, extendéndose
aos de Vincios e Prado: as famosas greas do Galiñeiro que os
concellos de Vigo e Gondomar comparten. Este gado bravo reúnese
cada ano nun curro de madeira situado a carón dos petroglifos,
coa tema militar, de Agua da Laxe.
Teño diante miña, ao tempo de escribir isto, unha fotografía
de Ursula Bruns. Nela vese un curro en Westfalia no que se
concentran unhas cincocentas cabezas de gado cabalar, pequeno e
moi semellante ao de raza galega, ao que asisten milleiros de
persoas cada ano. As intalacións e a disposición do curro alemán
son sobrios, adecuados á paisaxe chan e demostran bon gusto e
funcionalidade. O Land protexe o evento e cada vez son máis os
amantes do cabalo bravo que chegan a Westfalia procedentes de
todo o mundo: iso que chaman turismo de calidade. No curro do
Galiñeiro non acontece así. Fanno un grupo de gandeiros,
encabezados por Nemesio, e de amigos de Zamáns, Vincios e non
sei se tamén de Herbille, que xa pertence a Mos. A xente do
picadeiro de Conrado Pérez, chamado Serra do Galiñeiro, soe
axudar a facer o cordón e a acurrar as bestas. Ao revés que en
Alemaña, nin a Xunta, nin os concellos de Vigo e Gondomar
axudan en nada.
Nin sequera poñen alí a protección civil, nin unha
ambulancia, nin un médico por se dá un accidente. Tampouco a
Garda Civil nin a policía municipal aparecen polo curro do Galiñeiro,
aínda que esta ausencia para algúns non é moi sentida. A
ignorancia, e se cadra o odio ao pastoreo, tan internizado na
memoria paisana e labrega de moitos políticos, fanlle o vacío
ao curro do Galiñeiro e póñenlle toda clas de pexas. Así,
por primeira vez en máis de vinte anos, o curro do Galiñeiro,
o curro que a cidade de Vigo tería que protexer a adoptar
comunalmente como versión viva da escultura de Oliveira, non se
celebrou no 2002. Os organizadores están cansos de que non lles
boten unha man.
Unha das greas que se levan ao curro do Galiñeiro adoita a
moverse polos altos de Marcosende, freguesía de Zamáns, en
territorio da Cidade Universitaria. Coido que case todo ese gado
é de Pepe de Piñeiro. Sexa de quen queira as
"burras" están moi ben alí, pacen regularmente, non
lle fan dano a nada nin a ninguén e o Señor Reitor, meu
admirado amigo, fará moi ben en adoptarlos, subvencionalos e
protexelos. Tamén podería prepararse un programa de depuración
de raza, tratando de axustala, ao modelo que xa está
oficializado, e con libro de rexistro, como Pura Raza Galega
(PRG). Seguro que ao Señor Reitor non lle faltaría apoios
dentro da comunidade universitaria, e na sociedade viguesa.
Dado que a Universidade de Vigo é a única no mundo en gozar
da presencia de cabalos salvaxes nos seus espazos verdes, eu
propoñeríalle tamén ao Señor Reitor a celebración de un
curro cada ano nas proximidades da lagoa de Marcosende. ¿Sería
isto posíbel?