FARO DE VIGO. Edición Digital VIERNES 06 JULIO 2007 
Edición digital n. 3043
OS CAMIÑOS DA VIDA
Curro do Galiñeiro, de novo

Sobre o val do Fragoso ou do Río Lagares e sobre o curso alto do Zamáns que pode ser interpretado tamén como Miñor, érguese a galla Sul dos Montes do Galiñeiro. Montes que, no sentido Norte-Sul, terminan no cabezo do Aloia desde o cal se domina o Miño. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Sobre o val do Fragoso ou do Río Lagares e sobre o curso alto do Zamáns que pode ser interpretado tamén como Miñor, érguese a galla Sul dos Montes do Galiñeiro. Montes que, no sentido Norte-Sul, terminan no cabezo do Aloia desde o cal se domina o Miño. Corno do Demo, chámalle Domingos Fontán na súa Carta Geométrica de Galicia á eminencia máis meriodinal desta serra. Un pouco por tras, e dentro do universo dos mitos ancestrais, encóntrase a Igrexa da Becha, cova na que habita unha serpe, ou dragón, ou Melusina, ou Coca á que é preciso apaciguar con cuncas de leite. Hoxe míranse por alí tetrabriques que son restos das ofrendas contemporáneas.
Nunha valgada de onda o Monte dos Arruídos (celtismo que leva a idea de "corrente de agua"), perto dos petroglifos militaristas que un arqueólogo inspirado chamou Pedra das Procisións, vai ser resucitado, restaurado e celebrado domingo que vén, pasado mañán, o Curro do Galiñeiro. Non sei cando tal curro se fundou, pro eu calculo que haberá uns vintacinco anos. Nos primeiros tempos facíase na chan, hoxe usaba como área recreativa, que cae por baixo, en liña recta, do refuxio dos Montañeiros Celtas. Aínda hai persoas que lle chaman Curro Vello a este lugar. Pasados os anos, e haberá uns seis, por dificultades administrativas que os propietarios de animais non quixeron afrontar, o curro deixou de ter lugar e os traballos de acurrar, marcar, separar, sanear o gado convertíronse en estrictamente privados.
E ben, a grande noticia é que un novo equipo de xentes da comarca se fixo cargo do asunto e que o Curro do Galiñeiro se vai convertir outra vez nun acontecemento público e festivo. Alí seguirá a vella garda dos expertos, representada por Nemesio, que tan ben sabe dirixir as operacións de acordoar e baixar as burras contra o curro, sen se perder cabeza de gado ningunha, se é posíbel. Nosoutros, os miróns, andaremos onda as arruínas da muralla enigmática, circularemos formando parte do cordón entre as acacias e logo acompañeramos as xentes a pé e montadas que realmente irán levando o gado até metelo no curro que, polo momento, é o único de madeira (coma os neolíticos) que subsiste, que eu saiba, en Galicia. Con todo, hai un plan para construír un de cemento. Espero que a nova corporación local de Gondomar ordene levantar un ou ben de boa pedra granítica ou ben de troncos correctamente tratados e preparados que perpetúen o caracter xenuíno do Curros do Galiñeiro.
Porque o Curro do Galiñeiro ten lugar en territorio da freguesía de Vincios, concello de Gondomar, aínda que en territorios que estreman con Vigo. O certo é que unha parte das greas que van ser acurradas domingo que vén naceron e pasaron a vida ceibas entre os termos municipais de Gondomar e Vigo. Os cabalos bravos que tanto destacan impresionando fortemente os científicos visitantes, nos espazos abertos da Cidade Universitaria de Vigo tamén serán conducidos ao Curro do Galiñeiro. Por iso, somos moitos os veciños desta cidade que aprezamos moito o Curro do Galiñeiro e que nos alegramos da súa resurección.
Verémonos alí.