Viernes, 30 de agosto de 2002 Índice OPINIÓN

 

 

OS CAMIÑOS DA VIDA

Encontro en Mos coa nosa raza

A Quin e Xacobe.XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN

Non se me espaventen: non falo de canda Antonio Machado dicía "el macizo de la Raza", nin daquela feita na que Baroja titulaba "La Raza" a famosa triloxía na que se inclúe El árbol de la Ciencia. Eles falan da España que escenificou por tantos anos a "Fiesta de la Raza". Eu son máis humilde e falo hoxe da raza dos cabalos galegos.

Fálolles do cabalo que o patriarca da gandaría nosa, Don Juan Rof Codina, chamou, con propiedade, Pony Galego dado que a súa alzada é a que marcan as medidas consensuadas para tal denominación. Fálolles do Faco Galiciano que resulta ser a única raza equina que Cervantes menciona no Quixote. Fálolles do Garrano que no Norte de Portugal mantén o tipo que é e foi común a toda a Gallaecia milleiros de anos antes da nacencia de Afonso Henriques. Fálolles do Cabalo Céltico que os vellos tratadistas de zootecnia situaban no Norte da Península, como facían cos porcos correspondentes en contraposición co Ibérico do Centro e Sul, de maior altura este.

Os asturianos apresuráronse onte a definir un Asturcón tirando tal nome de historias e de ensoños. O mesmo fixeron os vascos co seu Potoka.

Nós, non. Temos o noso faco, a nosa burra do monte, o facorello, o pangarello, o cabaliño propio, que se pode manifestar en diferentes tipos segundo a zona, idéntico ao do Norte de Portugal, connosco desde a noite dos tempos. Celebrámolo nos curros e nas serras de Galicia, do Minho e de Trás-os Montes. Tamén en cortes. É o noso cabalo.

Porparte, fomos os galegos e os portugueses norteños os que conservamos en Europa o aire da andadura ou ambladura. Isto é: aquel no que Carlomagno marchaba canda a viaxe a Constantinopla segundo canta Le Pèlerinage de Charlemagne, famoso poema épico francés.

Hoxe, para ben, a Xunta de Galicia lexislou xa no DOG as características do cabalo autóctono e instituiu o libro xenealóxico correspondente. Algúns poden discrepar das proporcións e medidas, aínda que penso que son tempos de acatar a norma de bon grau pola sinxela razón de que aínda resta unha inmensa tarefa de anos e de esforzo para consolidar o noso cabalo, que, digámolo xa, chámase oficialmente Pura Raza Galega (PRG): sempre de pelaxe castaña sen trazas ou preta, nunca máis alto de un cuarenta, con características afectivas e psíquicas tan marcadas como imposibeis de normativizar. Benvida sexa, pois, a regularización oficial do cabalo galego. Xa chegarán os días en que as normativas do Garrano e do noso sexan acomodadas a un modelo común.

Hoxe debemos felicitar o Doutor Mauricio Troncoso polo seu impulso á fixación desta raza e outras galegas de diversas especies de animais domésticos. Entre tanto, poden todos visitar o Domingo a grande festa do cabalo de Galicia en Mos. haberá final do Campionato de Andadura e terá lugar o concurso morfolóxico do PRG. Se van, admirarán a maravilla: a "amblure" do Emperador Carlomagno executada por cabaleiros mormente procedentes do Eixo Vigo-Ferrol e máis o espledor das formas dunha raza milagreiramente conservada a través dos milenios e da adversidade. Como todo o que nos é propio e valioso.

 

Imprimir Subir

 

Artículo anterior:
Siguiente artículo: Más madera

 

© FARO DE VIGO, 2002. Todos los derechos reservados digital@farodevigo.es