SEGUNDA FEIRA

Tristura no Galiñeiro

X. L. MÉNDEZ FERRÍN

Pois señor; como segundo Domingo do mes de Xullo, onte tiña que terse celebrado o Curro do Galiñeiro. E así o pensaban moitos e moitas entusiastas do gado cabalar ceibe nos nosos montes. Viñan montados desde os lugares do Fragoso e desde o Miñor, mesmamente cabaleiros e amazonas procedentes do Val da Louriña, e do Miño. Tamén subiron onte pola posta do Galiñeiro familias enteiras que quería participar no Curro, éstas en coche; outros en motos. Foi visto un lindo carruaxe tirado por un excelente cabalo de liña inglesa, parés que orixinario de Valadares, moi ben conducido desde o pescante polo patrón.

Pero non. Non houbo Curro. Este que é o Curro máis vigués e máis noso, como habitantes desta vila deixada da man de Deus que somos, o Curro de Zamáns e de Vincios e do monte Galiñeiro que domina coa súa eminencia as paisaxes más propias, por terra e por mar e por aire, acaba de interrumpirse. Unha esixencias extremadas aos gandeiros, que non perciben beneficios e que traballan por puro amor aos cabalos e á Natureza, ocasionaron que se renunciara é celebración do Curro, este ano.

Mentres do Curro de Sabucedo, a famosa Rapa das Bestas, recibe axudas, subvencións, diñeiros, propaganda por tv, prensa e radio, o Curro do Galiñeiro nin sequera aparece no FARO DE VIGO, e ollen que tiro pedras contra meu propio tellado, non sendo que me eu poña en solitario a botar foguetes particulares. O Curro do Galiñeiro tén vintesete anos de antiguidade. É producto do entusiasmo, do traballo e do amor ao que é propio dun grupo de gandeiros que podemos cuantificar en só unhas dez persoas.

Este ano, onte, non celebramos o Curro. Non acurramos as bestas pola pista de riba. Pepe do Piñeiro non trouxo as burras gordas, con griñón furioso, que lle andan por Marcosende, constituindo a súa gresa a nova insignia da Universidade de Vigo. Nemesio non baixou o gado, tamén repoludo e vicioso, que lle andan a facer polas caidancas do monte da Alba. Nin Serafín, nin os de Vilas, nin ninguén. Plantáronse e dixeron que este ano non hai Curro do Galiñeiro. Fixeron ben: o asunto é de interese común e político. Pero estamos tristes. Un ben cultural do primeiro orde, o Curro do Galiñeiro, acaba de desaparecer diante dos nosos ollos porque, aínda que Vostedes non o crean, hai moitas persoas interesadas en que nos montes de Galicia non haxa cabalos, nin vacas, nin ovellas, nin cabras. Só queren eucaliptos, madeira, canteiras. Élles así.

Tamén poden estar completamente seguros de que faremos o pobel porque o Curro do Galiñeiro volva celebrarse, non desapareza e nos siga alegrando o corazón cada ano.

Poño aquí un aturuxo como rúbrica.