XUNTA DE GALICIA
CONSELLERIA DE MEDIO
AMBIENTE
Dirección Xeral de
Montes e Medio Ambiente Natural
San Lázaro s/n 15703
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Sr. Vilar:
En relación coas conversas que esta
Dirección Xeral vén mantendo coa Mancomunidade Serra do Barbanza que vostede
preside, co fin de acada-lo desenvolvemento sostible dos montes do Concello de
Porto do Son, dentro da liña de desenvolvemento rural da comarca, e á vista da
planificación de actividades e traballos que están a concreta-los técnicos da
Subdirección Xeral de Montes e Industrias Forestais cara ó próximo ano,
comunicolle o seguinte:
Nas próximas datas, sería bo manter unha
xuntanza entre membros da súa directiva e técnicos desta Dirección Xeral co fin
de redactar un borrador de Convenio sobre accións piloto de ordenación de usos
a asinar entre as dúas partes a curto prazo, e cara ó próximo ano. O borrador
podería conter, entre outras as seguintes bases:
1. O Convenio establécese, nun principio, entre
a Mancomunidade Serra de Barbanza e a Consellería de Medio Ambiente, se ben
poderían sumarse a el outras Consellerías que o desexen por razóns de competencia.
2. O Convenio recollerá os compromisos de
ámbalas dúas partes para posibilita-la redacción , e posterior execución, dun proxecto
piloto de ordenación de usos nos montes do Concello de Porto do Son, ó longo do
próximo ano 2001. O proxecto deberá recoller, e respectar, outras figuras de
planeamento ou ordenación ós que estea sometido o territorio, en concreto os
proxectos de ordenación vixentes na actualidade e os Lugares de Interese
Comunitario propostos na Rede Natura.
3. Dado o carácter experimental que ten o
proxecto piloto de ordenación de usos, que se pretende poida ser trasladado a
outras zonas de Galicia, ás accións nel propostas consideraranse superpostas a
outras accións que poida acometer a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente
Natural en virtude dos Convenios suscritos, no seu día, con cada unha das
Comunidades de Montes Veciñais en Man Común que conforman a Mancomunidade.
4. A vista da importancia que ten como recurso,
para os veciños pertencentes á Comunidade, o aproveitamento gandeiro e posto
que, na actualidade, a falta de control dalgunhas cabezas de gando, por parte
dos seus propietarios, veñen producindo danos ó arborado e enfrontamentos
entre os propios veciños, considérase prioritario acometer, ninha primeira
fase, un anteproxecto de ordenación silvopastoral que contemple entre outros os
seguintes aspectos:
-Inventariación
das cabezas de gando presentes no Concello de Porto do Son e aqueles Concellos
veciños que por calquera motivo chegan a pastar nos montes da Mancomunidade.
-Estado
sanitario do gando, identificación, e rexistro de tódalas cabezas existentes
na zona de estudio.
-Oferta de
pastos que procuran os montes da Mancomunidade e carga gandeira potencial que
podan absorver.
-Zonificación
das áreas de pastoreo, nivel de utilización e limitacións do pastoreo no monte
en función da súa capacidade, acollida, e o impacto noutros usos do monte.
-Regulamento
cara a utilización do gando no monte polos gandeiros e polas comunidades
pertencentes á Mancomunidade.
-Infraestructuras
necesarias en relación coa carga de gando á que se desexan chegar trala
ordenación: cercados, pasos canadienses, abrevadeiros, comedeiros.
-Proposta
de método de pastoreo e controis a establecer no manexo de gando para cada
unha das zonas de pasto.
-Presupostos
e prazos para acomete-las obras de infraestructura así como responsables da súa
execución.
5. O longo do proceso de redacción do proxecto
piloto de ordenación de usos, os técnicos encargados da súa elaboración deberán
xustificar, ampliamente, os contactos realizados coa propiedade e máis usuarios
actuais e potenciais do monte co fin de coñecer de primeira man cales son as
súas preferencias cara ós usos actuais do monte e asegura-la viabilidade das
novas propostas de uso que poidan formularse sempre que poida garantizarse a
multifuncionalidade do monte e a súa xestión sostible á longo prazo.
A vista destas propostas, por suposto
abertas ás súas suxerencias, quedo á espera de sinalar de común acordo co Vd. a
data para a xuntanza onde poida concretarse o contido do futuro convenio.
Santiago de Compostela, 29 de Novembro
de 2000
O DIRECTOR XERAL DE MONTES
E MEDIO AMBIENTE NATURAL
Asdo.: Tomás Fernández-Couto Juanas
D. Xosé
Lois Vilar Rodríguez
Presidente
da Mancomunidade "Serra de Barbanza"
Porto do
Son (A Coruña)