Veciños de Curtis denuncian danos de cabalos de monte dun guitiricense

A parroquia curtiense de Foxado, limítrofe cos concellos de Guitiriz e Sobrado dos Monxes, está afeita dende hai décadas á presencia de gando libre e sen sanear nos montes da zona. O Concello decidiu en maio de 2001 autoriza-la captura e cercado dos animais, maiormente cabalos, e nomear depositarios a tres veciños. En menos dun ano levan custodiado case 110 reses, recollidas en catro quendas e pertencentes, na súa práctica totalidade, ó veciño de Guitiriz Abelardo Miragaya. O chairego recoñeceu en tódolos casos a propiedade das reses e acudiu a recollelas. Ata agora lévalle pagado ó Concello de Curtis, en concepto de indemnizacións, uns 660.000 euros (1,1 millóns de pesetas).

CURTIS/GUITIRIZ. MANUEL DARRIBA

O cercado para cabalos habilitado na parroquia de Santa María de Foxado, no lugar de Muradela, ten de novo inquilinos dende a fin de semana pasada. Entre a tarde do venres e a mañá do sábado, explican os veciños, unha batida de máis de 20 persoas logrou reunir 14 reses. Trátase da cuarta ocasión en que os veciños de Foxado capturan gando mostrenco desque o Concello os autorizara a tomar esa medida, nun escrito publicado polo alcalde, Javier Francisco Caínzos, o 18 de outubro de 2001.

Unha vez máis, os dedos acusadores dos veciños sinalan a Abelardo Miragaya, gandeiro da parroquia guitiricense de Negradas. Miragaya xa identificou como seus os cabalos capturados hai uns días, o mesmo que fixera nas tres anteriores ocasións. A finais de 2001 tivo lugar unha primeira captura de 49 cabezas de gando equino, que lle supuxo ó propietario o abono dunha indemnización de 2.274 euros (379.000 pesetas) ó Concello curtiense. O 6 de xuño pasado retirou 15 reses e pagou 1.350 euros (225.000 pesetas), mentres que o 10 de xuño acudiu buscar outras 31 que levan aparellada unha indemnización de 3.000 euros (500.000 pesetas).

O alcalde de Curtis explica que as indemnización cobren os gastos de cercado da parcela e alimentación e vixilancia dos cabalos. A retirada das reses que están agora retidas pódelle saír a Miragaya, calcula Caínzos, en 2.400 euros (400.000 pesetas). O Concello pensa solicitar á Consellería de Agricultura que expediente a Miragaya "por sancións reiteradas" e "faga caer sobre el todo o peso da Lei", manifesta o rexedor de Curtis.

GARDAS. Nos períodos en que a parcela valada ten reses, os de Foxado montan gardas permanentes para evita-la eventual sustracción dos cabalos. "Que conste que os alimentamos ben", explica un dos parroquianos. "Veñen comendo un tractor de herba cada día".

A convicción dos veciños é que Miragaya bota a pacer nos montes de Paradela-Labrada, San Cibrán, Remoura e Estraviz, todos en territorio de Curtis, cabalos que non lle permiten ter noutras partes. De tódalas reses recollidas ata o momento moi poucas traían marcas. En dous casos, a inspección do veterinario da Xunta detectou números que parecían ser "a presunta identificación do cabalo de raza galega".




"Cóllenmas en Sobrado e Guitiriz"


Abelardo Miragaya asegura que "hai máis dun mes que non pastoreo nos montes de Curtis. Estou disposto a tornarlles os cabalos do concello deles". A versión do guitiricense é que as últimas reses da súa propiedade que capturaron os veciños de Foxado "leváronas de Sobrado e de Guitiriz". Miragaya afirma que "veñen con motos para colle-los cabalos. De noite e polas tardes, cando non nos ven. Inda onte polo domingo levaron algún".

O veciño de Negradas recoñece que tivo os cabalos "toda a vida" libres polos montes de Curtis, Sobrado dos Monxes, Guitiriz e Friol, seguindo a liña da Serra do Cordal. Na parroquia de Foxado pastoreaba, segundo recoñece, "desde hai máis de trinta anos". Non é a primeira vez que as súas reses suscitan protestas nos concellos veciños e, de feito, hai algúns anos atopou mortos varios cabalos.

Miragaya indica que os mesmos problemas de pastoreo teñen algúns propietarios de gando mostrenco da propia parroquia de Negradas e da veciña de Mariz, tamén en Guitiriz. O gandeiro vende reses en trato directo cos clientes na súa casa de Penablanca.


03/07/2002
Incendios, cultivos e plantacións malogradas e varios accidentes

En Santa María de Foxado, parroquia de 37 kilómetros cadrados e 600 habitantes, o gando mostrenco constitúe un problema de base. No caso dos cabalos, a diferencia do que sucede coas vacas, está descartada a transmisión das enfermidades agás en casos moi peculiares. Inda así, os do lugar enumeran unha longa lista de prexuízos causados polos équidos: danos a cultivos de cereal, dous accidentes de coche (sen danos persoais graves) no último ano e, moi especialmente, "a imposibilidade de ter aproveitamentos forestais".

Os veciños de Foxado aseguran que "cada sete ou oito anos, os piñeiros arden". O alcalde, Javier Caínzos, sitúa as orixes deste problema no principio dos anos 70. "A parroquia de Foxado é unha das de Galicia con maior índice de siniestralidade de incendios forestais", afirma. A sospeita de todos é que os lumes son causados por propietarios de gando mostrenco para dispoñer de praderías. "Ti queimas aquí monte e nun mes tes para pastoreo", afirma o alcalde. "É unha zona que rexenera moi ben".

Por outra banda, a mera presencia do gando de monte degrada os abrollos de eucaliptos e piñeiros, explican os de Foxado. "As crías refréganse contra eles para quitar as moscas e fanlle moito dano ás plantacións".

En Foxado teñen denunciado tamén a presencia de vacas sen sanear, que si poden causar problemas veterinarios —unha reclamación neste senso entrou no Concello o 23 de maio de 2001—; só capturaron un exemplar desde o inicio das batidas. "As vacas son máis difíciles de ver", explican. En contraste, os cabalos frecuentan a diario os montes da zona.

Caínzos expresa a convicción de que ningún veciño de Foxado ten gando solto polo monte, polo que traslada toda a responsabilidade a Miragaya e outros propietarios de Guitiriz. Unha excepción, con nomes e apelidos: Eduardo Vázquez Sánchez, nativo de Foxado afincado en Lugo. "Ten vacas e bestas na parroquia, soltas e creando problemas".