|
|
| Vilagarcía de Arousa | Jueves, 15 de Marzo de 2007 |
| A Xunta prioriza a restauración forestal e hidrolóxica de Xiabre e O Castrove | |
| A Consellería de Medio Rural priorizará ó longo
do primeiro semestre de 2007 o control da erosión e a restauración forestal
e hidrolóxica de Xiabre e O Castrove, ó situalos entre os montes que
resultaron máis prexudicados pola vaga de incendios que asolou a comarca o
verán pasado. REDACCIóN > VILAGARCíA |
|
| A actuación de Medio Rural permitirá
arranxar máis de 15 quilómetros de pistas forestais e cortalumes nestas
áreas, xunto con catro puntos de sinalización de auga, a metade dos
previstos para toda a provincia. Os traballos que se levarán a cabo no monte Xiabre afectan ó municipio de Vilagarcía, concretamente zonas xestionadas polas comunidades de montes veciñais e man común de Cea, Bamio e Carril. Tamén se inclúen as áreas comunais catoiresas de Abalo e Catoira, así como as de Bemil, Carracedo e Saiar, as tres en Caldas de Reis. Nestes puntos repararanse sete quilómetros de pistas. No Castrove, as actuacións levaranse a cabo nos montes dos comuneiros de Santo Tomé e en espazos dos municipios de Barro, Poio e Pontevedra, sumando en total 8.100 quilómetros de cortalumes. Durante o primeiro semestre do ano, a Xunta tamén acometerá tarefas restauradoras nos montes do Morrazo, a Conca do Lérez, a serra da Grova ou a Conca do Miño, áreas que resultaron tamén moi danadas pola vaga de lumes. O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, explicou que "a maiores" destes traballos, deseñados despois dos primeiros labores "de emerxencia", vaise "continuar co proceso de retirada da madeira queimada, coa repoboación mediante frondosas autóctonas naquelas zonas con maior perigo de erosión -como vagoadas, pendentes ou marxes dos ríos-, así como coa substitución de especies pirófitas de crecemento rápido e coa realización de cortalumes preventivos". Suárez Canal apostou nunhas recentes xornadas sobre restauración de zonas queimadas que se celebraron en Pontevedra por "converter a superación desta catástrofe nunha oportunidade", evitando "situacións de perigo" coa "creación de franxas de protección limpas de combustible vexetal arredor dos núcleos de poboación e vías de comunicación". |