|
|
| Vilagarcía de Arousa | Sábado, 18 de Noviembre de 2006 |
| O técnico de Medio Rural, Segundo
Ruiz, explicou que a normativa "busca evitar o perigo dos lumes nos núcleos
rurais" e "irá acompañada dunha nova lei de montes que se aprobará en 2007 e
que recollerá o contido deste decreto e outras medidas" e tamén anunciou que
está prevista a creación "dunha nova lei de ordenación do territorio e do
banco de terras". As charlas que, segundo dixo, "están tendo moi boa
acollida", celebraranse ata o mes de febreiro e pode solicitalas calquer
colectivo interesado no decreto. Nesta norma establécense "faixas de especial protección" comoas parcelas que se atopan fóra do monte e a menos de 25 metros do perímetro deste, e dítanse distancias mínimas que haberá que manter na repoboación das distintas especies. Así as árbores de crecemento rápido, como o eucalipto ou o chopo, terán que estar "a 50 metros das vivendas" e os propietarios terán que manter limpos os terreos repoboados. Ruiz tamén afirmou que "os terreos forestais incendiados non poderán cambiar o seu uso" e destacou que "xa existe unha liña de axudas para repoboar o que se queimou". Comuneiros > Os membros das comunidades de montes que asistiron á charla, denunciaron a pasividade da Consellería durante a vaga de incendios que arrasou a localidade. Afirmaron que "aínda están agardando polas axudas de Medio Rural" e que a Consellería concede as axudas para limpar o monte en outubro "cando é tarde". Para eles a Consellería de Pesca si está cos mariñeiros cando chegan as riadas porque o "mar dá cartos e o monte non" e afirman que o problema do monte é "que non está posto en valor". Din que Medio Rural con este decreto "vai en contra dos propietarios porque parece protexer as edificacións e non o monte" e quéixanse porque "non obriga a limpar as fincas privadas se non están ó lado das casas". |