FARO DE VIGO. Edición Digital VIERNES 22 SEPTIEMBRE 2006 
Edición digital n. 2759
OS CAMIÑOS DA VIDA
 
Lingua e delincuencia
 

Un coñecido sabedor das miñas afeccións lexicográficas preguntoume de onde podía vir o sustantivo marrón co sentido de "condena, penalización" e así. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN


Un coñecido sabedor das miñas afeccións lexicográficas preguntoume de onde podía vir o sustantivo marrón co sentido de "condena, penalización" e así. Como por exemplo "comerse un marrón" no senso de "ser achado culpábel dun delicto ou verse obrigado a cumprir unha pena". Direille que o sustantivo e as expresións que vai xerando proceden da lingua da delincuencia española, tan ben coñecida por Cervantes e Valle-Inclán, que na miña mocedade tiña as súas máis prestixiosas universidades na cadea de Carabanchel, no Rastro de Madrid e no Campo de la Bota de Barcelona. Logo, a través da difusión da droga, o termo vulgarizouse e chegou a outras camadas sociais, incluídas as clases medias universitarias.
Para min, este marrón procede da cor marrón que é un galicismo equivalente a castaño. Moita xente, e sobre todo moitos debuxantes humorísticos pouco habituados a documentarse, pensan que nas ca-deas españolas de Franco os presos andaban vestidos cun uniforme a raias, que unhas veces se visualizan en vertical, coma os pixamas, e outras en horizontal coma as camisetas dos mariñeiros doutras latitudes. Non é verdade. Nas cadeas de Franco existía o chamado "traxe de penado", que só era obrigado vestir cando o preso xa fora xulgado e condenado a determinada pena. Os presos preventivos non o usaban. Pero este vestido, considerado infamante, non era a raias senón de estameña de cor marrón ou castaño, aínda que nos anos setenta apareceron uns uniformes azul escuro que non sei se acabaron ou non por impoñerse. Aos penados tamén lles daban unhas chirurucas, ou unhas alparagatas, segundo os casos, e unha especie de pucha tamén marrón que non era preciso usar regulamentarmente pero que nos fríos invernos do penal de Burgos, poño por caso, axudaba a conservar as ideas daqueles desventurados que, por cima, pasaban moita fame. Todos os que foron presos e condenados nos tempos de Franco teñen chantada na lembranza a cor marrón das formacións de centos de homes nos patios dos grandes penais do Puerto de Santa María, Ocaña, El Dueso, Burgos, á hora dos recontos xerais e o desfile da masa soturna en dirección cada un á súa cela. Non sei se as mulleres presas usaban uniforme marrón ou non.
Esta tempada, por falar da actualidade, fíxose moi famoso un marrón que lle caiu ao PP. As toupeiras infiltradas na estructura deste partido pasáronlle á prensa e ao goberno un documento en conforme a secretaría de organización do PP da Coruña lles dá instrucións aos seus alcaldes para dilatar ou sexa boicotear a constitución das brigadas contra incendios como arma política para enfeblecer o goberno da Xunta. Debido a esta filtración, Defuntiño e o seu partido cairon de marrón: foron achados en culpa polo tribunal da opinión pública.
Eu estou desexando que chova de vez para falar efectivamente aquí dos incendios forestais, de ordenación do territorio, de política medioambiental. Pero ocorre que o PP co seu esbardallar sen sentido non para de poluir o espazo dos media e non hai xeito de poder meter dúas palabras con tranquilidade. A ver se é posíbel na semana que vén.